sábado, 17 de setembro de 2016

IX Fervenza de Músicas en Ouzande. As imaxes.

Magnífica noite de músicas, festa e diversión a que onte tivo lugar no Campo da Festa de Ouzande. Máis de 350 persoas asistiron á foliada organizada pola Asociación na que participaron máis de 70 músicos pertencentes ás 5 agrupacións anunciadas, chegadas de Dumbría, de Pontecesures, de Santiago de Compostela e da propia parroquia ouzandesa.
A música comezaba ás 10 da noite, a cargo do grupo Retrouso cos seus novos(novas) retoños, cando xa os asistentes enchían o posto de polbo e churrasco e mercaban as  camisetas ofrecidas pola organización. O grupo ouzandés, que acaba de presentar o segundo dísco arrancou os primeiros aplausos da noite, e como sempre, non defraudou na casa.
A seguir, case trinta músicos de todas as idades, chegados da AC Xarandeira de Pontecesures sorprenderon ao público congregado cun espectáculo no que combinaban os grupos de xovencísimas pandeireteiras co baile e o grupo de gaitas. Sen dúbida, a "sorpresa" da noite, que recibiron a merecida ovación dos asistentes.
Aínda que para aplausos, os que recolleron os locais, Recanto de Ouzande, un orfeón popular de 20 persoas que fixo as delicias do público coas súas cancións. Tendo que facer algún bis, a petición da concorrencia.
Da Costa da Morte chegaban os compoñentes dos Gaiteiros de Buxantes, que ofrecenron un amplo e animado repertorio de pezas, acompañados en moitas ocasións polo seu corpo de baile. Os aplausos colleitados tampouco foron poucos.
Remataron, en principio, a festa os composteláns de Pana Raiada, que repetían actuación despois da súa anterior participación, en 2012, na Fervenza de Músicas.
Aínda quedaba a última sorpresa, pois ao remate da actuación do grupo santiagués, estes mesmos, e mais Retrouso de Ouzande e Os Gaiteiros de Buxantes, ofreceron unha actuación conxunta na que participaron máis de 30 músicos, entre eles 19 gaiteiros, que executaron varias pezas para desfrute do númeroso público que aínda resistía.
Sorprendente final para unha festa que se prolongou coa participación improvisada dos músicos convidados e outros que se sumaron á foliada, ata altas horas.
Remataba así a novena edición desta proposta musical, que cumpriu sobradamente os obxectivos que pretendía, facendo desta convocatoria unha das mellores e máis concorridas da súa historia.

Se picas na foto poderás ver as imaxes do evento:

https://goo.gl/photos/AdmFTc6hfnBcpvQB6

Ningún comentario: