mércores, 29 de abril de 2015

Imaxes do Roteiro Teatral III Festival de Teatro escolar da Estrada

A pesar da chuvia, que arreciou na tarde do sábado día 25 de abril, o espectáculo teatral preparado polo grupo de Teatro Avelaíñas do IES Antón Losada, e no que colaborou A Fervenza de Ouzande, puido realizarse nas diferentes salas do Local Social de Ouzande, ao non poder ter lugar no contorno da Fervenza e muiños de Ouzande.

Numeroso público chegado desde Palas de Rei, Melide, Laxe, Touro e A Estrada, disfrutou dos 3 escenarios nos que se desenvolveron as diferentes propostas teatrais, poéticas e musicais.

Máis de 20 socios e socias da Asociación participaron nun dos escenarios cunha intervención musical a cargo dos grupos Retrouso e Recanto, e coa participación, a modo de actores e actrices improvisados, de varios veciños e veciñas que compartiron as súas experiencias pasadas noutros tempos nos muíños da Fervenza.

A actividade estaba incluída na programación do 3º Festival de Teatro Escolar, organizado pola Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez.

Aí quedan as imaxes do evento:


domingo, 26 de abril de 2015

Imos Andar. As rutas da Fervenza de Ouzande

 
INICIO DE ACTIVIDADES DE PRIMAVERA 2015

Programa IMOS ANDAR. As rutas da Fervenza de Ouzande

A AC A Fervenza de Ouzande programa unha nova edición da actividade IIMOS ANDAR para a primavera deste 2015. Inclúe 3 rutas de sendeirismo que se detallan abaixo e que teñen como obxectivos fundamentais: a difusión e coñecemento dos valores medioambientais, paisaxísticos e do patrimonio arquitectónico da parroquia de Ouzande e das parroquias da contorna, como A Somoza, Guimarei, Lugar de Ferreiros, Arcos, etc.; tamén se trata de favorecer a participación de persoas socias e público en xeral, nunha actividade saudable e permitir a convivencia activa entre todos e todas.

Este programa, iniciado no ano 2003, chega por tanto, á súa decimoterceira edición, con máis de 50 rutas realizadas e centos de participantes nas mesmas.

Todas as rutas terán como punto de partida e chegada a Igrexa de Ouzande. A saída será sempre ás 10 da mañá e o regreso ás 13:30 horas. Todas terán unha dificultade baixa ou media-baixa para facilitar a participación nas mesmas. Serán gratuítas e abertas tanto a persoas socias como ao público en xeral.
  1. Venres 1 de maio..Ruta do Río Gallo. Fermosa ruta na que chegaremos ao Río Gallo, despois de percorrer os montes do Arcos no veciño concello de Cuntis. Despois de cruzar o río achégaremonos ao lugar de Ferreiros e, atravensando a congostra dos Lobos, regresar á Igrexa de Ouzande polos muíños da Fervenza. 12 km. Dificultade media-baixa. A inscrición é gratuíta e realizarase no momento da saída, polo que se roga puntualidade.
  1. Domingo 17 de maio. X Ruta das Letras. Ruta das lagoas de Zoo e Monte Cabalar Todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego.
  1. Domingo 7 de xuño. Ruta de Guimarei.

mércores, 22 de abril de 2015

Roteiro poético, teatral e musical pola Fervenza de Ouzande

O próximo sabado, 25 de abril, terá lugar o III Festival de Teatro Escolar organizado pola Aula de Teatro do Antón Losada Diéguez “Avelaíñas Teatro”, xunto coa Asociación A Fervenza de Ouzande e o Concello da Estrada.
Dentro deste festival, ás 18 h. sairá dende a igrexa de Ouzande un roteiro teatral, poético e musical que irá ata os muíños realizado por alumnos do grupo Avelaíñas, do citado instituto, e no que colaborará a asociación coa participación do grupo Retrouso e o grupo Recanto. Tamén participarán varios socios e socias da asociación que farán de improvisados actores no Muíño do Rubio.
En palabras do director da Aula de Teatro do IES Losada, Alfonso García:  "A palabra clave destes festivais é a interrelación e a búsqueda da relación entre alumnos de diversos lugares xeográficos de Galicia, a interrelación entre actores e actrices de diversas idades, de 3 a 100 anos. Tamén hai unha interrelación de xéneros literarios, xa que poderáse contemplar teatro, pero tamén poesía, narrativa, música, todo mesturado nun contorno fantástico como é a Fervenza de Ouzande. Trátase non de competir, senon de mirar de igual a igual e intercambiar experiencias."


O ensaio da pasada semana estivo pasado por auga na Fervenza.


Aí queda a divertida presentación celebrada no Concello da Estrada (Video Catro Gatos)

Retrouso e Recanto nos II Cantos de Taberna da Estrada

28 de marzo de 2015. Nova e exitosa edición dos cantos de taberna na Estrada, organizados polos nosos amigos de Regato de Matamulleres. Parabéns.
Aí estivemos con Retrouso e Recanto.

luns, 2 de marzo de 2015

imaxes medievou antroido 15

O pasado 21 de febreiro celebramos o antroido en Ouzande co MedievOU. Aí quedan as mellores imaxes.

xoves, 19 de febreiro de 2015

mércores, 18 de febreiro de 2015

medievOu (re)

Este sábado non ha chover


E mantemos o mesmo programa:

Cabaleiros e damas da corte, labregos, meigas e bruxas, trobadores e xograresas, monxes e abadesas, taberneiras e borrachíns... Taberna Medieval con todos os produtos típicos do tempo. Gran Feirón Medieval. Presentación do Códice Clandestino, máis clandestino que nunca. Música en vivo con Retrouso (versión medievOU). Gran Xusta poética entre as Xograresas Cegas do Antroido.

NON O PODES PERDER

Sábado 21 de febreiro. Campo da Festa de Ouzande

16:30. Concentración de disfraces
17:00: Saída do Trator MedievOU para percorrer os lugares da parroquia.
18:30: Parada na Taberna de Ouzande
19:00: GRAN FESTA DE ANTROIDO MEDIEVAL NO CAMPO DA FESTA

sábado, 7 de febreiro de 2015

medievOU

Este ano o antroido de Ouzande é medievOU

 Aí ven o antroido, un ano máis. Nesta ocasión faremos unha viaxe pola historia, ata a IDADE MEDIA, nin máis nin menos. O antroido deste ano ven disfrazado de MEDIEVOU. Cabaleiros e damas da corte, labregos, meigas e bruxas, trobadores e xograresas, monxes e abadesas, taberneiras e borrachíns... Taberna Medieval con todos os produtos típicos do tempo. Gran Feirón Medieval. Presentación do Códice Clandestino, máis clandestino que nunca. Música en vivo con Retrouso (versión medievOU). Gran Xusta poética entre as Xograresas Cegas do Antroido.

NON O PODES PERDER

Sábado 14 de febreiro. Campo da Festa de Ouzande

16:30. Concentración de disfraces
17:00: Saída do Trator MedievOU para percorrer os lugares da parroquia.
18:30: Parada na Taberna de Ouzande
19:00: GRAN FESTA DE ANTROIDO MEDIEVAL NO CAMPO DA FESTA

 

Crónica Xunta Xeral Anual

Unhas 50 persoas responderon á convocatoria, no local social de Ouzande. Na reunión aprobouse o informe de xestión da Directiva do ano 2014, do que destacamos os seguintes aspectos:
1. Implicación activa dos asociados
 -Alta porcentaxe de pagamento da cota anual.
-Aumento do número de persoas asociadas. (23 novos socios)
-Participación nas actividades moi satisfactoria. Tanto na cantidade como na implicación nas mesmas.
2. Mantemento de número de iniciativas socioculturais, sobre a vintena.
3. Mantemento do número de persoas participantes, tanto socias como non socias, superando o millar. Aumento de participantes nas rutas, ou outras actividades, como a festa doutono, fin de curso...
4. Aposta por actividades novas dentro da Asociación. Obradoiro de Tear. Charla sobre comercio de produtos ecolóxicos, etc. Amplíase o abano de destinatarios.
5. Programación trimestral. Primeira experiencia coa programación de Outono. Supuxo un éxito en canto ao número de actividades e a participación nas mesmas.
6. Mantemento das actividades de aire libre, rutas e excursión, e celebración do ciclo festivo anual, antroido, lumeiro, magosto... Aumento de participación nas mesmas.
7. Potenciación das Clases de música e baile tradicional. Aumento das persoas inscritas. Aumento de socios. Participación do grupo de cancións Recanto en iniciativas de fóra da parroqua: A Estrada, Callobre, S. André de Vea e Arzúa. Consolidación de Retrouso como un referente na música tradicional da comarca. 8. Colaboración con outras entidades da contorna. Callobre, S, André de Vea, etc.

Así mesmo, aprobouse a previsión para o presente 2015 que tratará de abordar os seguintes obxectivos:
1. Manter o nivel de actividades do ano pasado, procurando cumprir os obxectivos que se enunciaron no apartado anterior.
2. Preparación e publicación da revista Carreiros.
3. Dinamización da Ruta da Fervenza. Folletos, sinalización, etc. Continuación da recuperación do Muiño do Rubio. A reunión rematou cunha merenda de convivencia na que os participantes puideron disfrutar tamén dunha exposición dos traballos realizados polas asistentes ao Curso de Tear, que se levou a cabo nos últimos tres meses.

Aí quedan as mellores imaxes