Ola! Xa estamos aquí outra vez. Chegou a primavera e hai que andar por aí ao aire. Volvemos co programa Imos Andar, e para este venres, primeiro de maio, temos planeado un roteiro novo. Percorreremos os camiños de Ferreiros (aldea próxima do Concello de Cuntis) para descubrir as orixes do Río Gallo, o que os ouzandeses chamaban Regueiro de Arcos. Hora de saída: 10 da mañá. Lugar: Taberna de Ouzande. Regreso: Sobre a unha da tarde. Dificultade: Trátase dun percorrido curto, pero no que encontraremos algún atranco nas beiras do río, recentemente acondicionadas. Poderemos gozar de paisaxes tan fermosas coma esta...
Aí quedan unhas imaxes do antroido en Ouzande. Os cegos cantaron as súas coplas acompañados por unha comparsa de disfraces que percorreron a parroquia na carroza do antroido eleitoral
E tamén un video dos cegos cantando un anaco das coplas na taberna de Ouzande. As coplas podelas ler picando nos comentarios.
A partir das 17:00 da tarde concentración de disfraces no Campo da Festa. A continuación, a unha carroza percorrerá os lugares da parroquia acompañando aos cegos do Antroido que, un ano máis recitarán as súas coplas, que non esquecerán os acontecementos da parroquia nin tampouco a actualidade en xeral. Non faltarán a música nin as cancións.
Horario aproximado:
17:15 da tarde: saída do campo
17:30: O Tallo
18:00:. O Castro
18:15: O Picoto e o Redondo
18:35: Alemparte e O Formigueiro
19:00: O Topete
19:15: Igrexa
Ecomo remate a partir das 19:30 da noite, gran festa de disfraces no local social. Música, animación e degustación dos produtos típicos do antroido.
Convócase aos socios e socias á Xunta Xeral anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 15 de febreiro ás 6 da tardeno local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:
Informe de xestión.
Informe de actividades (con proxección de fotos e videos) Informe económico
Programación de actividades.
Rogos e preguntas.
Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e biscoito.
En Ouzande, A Estrada, febreiro 2009.
PD.
1. É moi importante que fagas o posible por asistir á reunión para que entre todos colaboremos na boa marcha da asociación, e na proposta e organización de actividades. Recorda que a Asociación somos todos e todas.
2. Na taberna de Ouzande están a disposición de todos os socios e socias os recibos da cota anual correspondente a este ano, e os pendentes do ano anterior (para os socios/as que non pagaron aínda). Recorda que para a organización das actividades é moi necesario dispoñer dos recursos económicos que xeramos .
O próximo domingo,día 4 de xaneiro, a partir das 6 da tarde proxectaremos dous videos no local social de Ouzande. O primeiro será un resumo da entrevista que Manolo de Cabanas lle fixo en Sao Paulo a Florentino do Rubio para o Carreiros 7. Aí vai unha breve presentación...
A seguir proxectaremos unha gravación das obras realizadas na Igrexa de Ouzande nos anos setenta. Moi interesante.
Por fin Carreiros 7. Queremos compartilo contigo. Bonito, bonito. E barato.
Neste número continuamos a serie, iniciada no número anterior dedicada á investigación sobre os emigrantes ouzandeses noutras latitudes, baixo o título “Memoria da emigración”. Neste caso inclúese un artigo sobre Florentino do Rubio, emigrante en Itapeva, Brasil. (O artigo basease nunha entrevista gravada e realizada por Manuel de Cabanas, emigrante e “correspondente” de Carreiros na diáspora) Entrevista con Miguel Carbajal, xinete ouzandés campión de Raid e que proximamente competirá no Campionato do Mundo Creación literaria: Poemas de Manuel Cabanas, emigrante ouzandés no Brasil, e do estradense Senén Campos Maceiras. Entrevista con Lorena Nieves, astrónoma e compoñente de Retrouso, grupo da asociación Reseña literaria: Días do Final, do ouzandés Manuel Pereira. Outras seccións: Cartas e colaboracións de lectores. Memoria Fotográfica (de festa nos anos 60) Crónica de actividades, onde se recolle un resume das actividades levadas a cabo pola Asociación neste último ano. (Cursos, festas tradicionais, xogos oulímpicos, etc.)
Realizouse unha tiraxe de 350 exemplares. A revista pode adquirirse nos seguintes establecementos: Taberna de Ouzande Café A Farola Argentinos Burguer Libraría Alberte Quiñoi Se estás lonxe e queres ter Carreiros contacta con nós carreirosouzande@gmail.com
Aí vos quedan as lembranzas do meu tempo de neno en ouzande, recitadas magnificamente por Manolo de Cabanas dende Brasil (por erro noso non se escoita o primeiro verso: Ouzande foi meu niño...)