martes, 12 de novembro de 2013

festa doutono 2013



Sábado 16 de novembro. A partir das 9 da noite no Campo da Festa de Ouzande

Celebramos a festa das castañas en Ouzande. Haberá castañas asadas e viño novo, de balde para todos os asistentes.

Este ano volveremos ter novidades gastronómicas interesantes para facer unha festa máis doce para todos:

-Degustación de pasteis e doces elaborados con castañas cociñados por socios e socias. SE TI QUERES FACER O TEU DOCE TAMÉN O PODES FACER E COMPARTILO....

Tamén teremos un servizo de bar con chourizos asados a prezo módico para completar a festa.

Non faltará a música cos compoñentes de RETROUSO, co grupo de pandeireteiras da Asociación e co grupo de cancións RECANTO.

ANÍMATE E PARTICIPA NA FESTA

luns, 21 de outubro de 2013

imaxes da ruta doutono 2013

O pasado 12 de outubro, unha vintena de persoas partiron puntuais da igrexa de Ouzande respondendo á convocatoria da Fervenza de Ouzande, para percorrer os 14 km de roteiro que levaron aos camiñantes ao Castro de Arcos, desde o que puideron gozar de fermosas vistas panormámicas. O regreso, puntual tamén, levou aos participantes de novo ao adro de Ouzande despois de disfrutar do contorno da fervenza e muíños de Ouzande, os fermosos camiños dos montes da parroquia, a congostra dos lobos camiño do lugar de Ferreiros, no veciño concello de Cuntis, e a parada para refrescarse na Fonte do Redondo de Ouzande. Como sempre nun gran ambiente de compañeirismo e conversa, os participantes quedaron citados para a próxima ruta que organizará a asociación o próximo día de Nadal no mes de decembro.
Aí quedan as mellores imaxes da xornada
 

martes, 8 de outubro de 2013

ruta doutono 2013




En outono tamén imos andar

O próximo sábado 12 de outubro, a AC A Fervenza de Ouzande continuará co seu programa de Actividades do Outono coa convocatoria da I Ruta do Outono. Percorreremos o Roteiro do Castro de Arcos. Son 11 km de percorrido que inclúen a subida ao castro de Arcos, que nos ofrece unhas magníficas vistas panorámicas e o paso polo lugar de Ferreiros, no veciño concello de Cuntis. Na actividade poden participar todas as persoas que o desexen e é gratuíta. Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
Hora de saída: 10:00, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.



LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

- Fervenza e muíños de Ouzande. Contorno de 7 muiños e un pozo. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acevos, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...).
-Castro de Arcos. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.
-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que históricamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande.
-Camiño dos lobos. Para chegarmos á aldea de Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas historias de lobos.
- Fonte do Redondo. Xa de volta faremos unha parada no fermoso contorno da Fonte do Redondo, en Ouzande, onde a auga abrolla directamente desde o chan.

xoves, 3 de outubro de 2013

HORARIOS CLASES DE MÚSICA E BAILE 2013-2014

 BAILAS?
AÍNDA QUEDAN PRAZAS LIBRES. 
NECESITAMOS BAILADORES E BAILADORAS PARA PODER FACER A CLASE DE BAILE!!
Anímate e participa.
Achégate este sábado, ao local social de Ouzande, nos horarios indicados, e na clase que che interese.

Acordeón: 10:30 horas
Gaita iniciación: 11:30 horas
Gaita perfeccionamento: 12:30 horas
Tambor: 11:30 horas
Pandeireta: 16:30 horas
Cancións tradicionais: 22:00 horas
Baile: sen definir, será o sabado pola tarde/noite. Se estás interesado neste clase achégate este sábado día 5 ao local de Ouzande as 16:30 horas.
Inscríbete enviando un correo a: carreirosouzande@gmail.com


Aí queda unha imaxe da reunión de presentación dos cursos. Sempre o pasamos ben!!!

martes, 24 de setembro de 2013

BAILAS? CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL EN OUZANDE 2013-14

Dan comezo as clases deste novo curso. A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a unha reunión de presentación do curso que terá lugar o próximo sábado 28 de setembro no local social de Ouzande ás 4 e media da tarde. 
Os cursos que poñeremos en marcha serán: 
- Gaita 
- Pandeireta 
- Tamboril 
- Baile 
- Acordeón 
- Cancións tradicionais 
  Na reunión informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA, BAILE que terán lugar os sábados pola tarde, e das clases de ACORDEÓN, GAITA E TAMBORIL, que se celebrarán os sábados pola mañá. TAMÉN SE INFORMARÁ DO HORARIO DO GRUPO DE CANCIÓNS TRADICIONAIS, que se celebrará os sábados pola noite. 
No curso pasado, foron máis de sesenta as persoas matriculadas nestas especialidades musicais, de todas as idades. 
Tamén convidamos ás persoas participantes nas diferentes clases e a todas as interesadas a traeren os seus instrumentos para interpretaren algunha peza e facer algo de festa. Para rematar a reunión a Asociación convida a uns pinchos de merenda. As persoas interesadas poden inscribirse na reunión ou a traves do correo carreirosouzande@gmail.com. Tamén na Taberna de Ouzande (986570285)

luns, 23 de setembro de 2013

Fotos de DISFUNCIÓN CONTINUA en Ouzande

O pasado 8 de setembro, o grupo de teatro estradense, DISFUNCIÓN CONTÍNUA, puxo en escena a obra ERAN OUTROS TEMPOS, OU NON?. A obra representouse no campo da festa baixo unha carpa ateigada de público que premiou a actuación cunha prolongada ovación. Pechábanse así as Festas do Socorro 2013 en Ouzande.

A VI FERVENZA DE MÚSICAS EN IMAXES

Estupenda noite de festa con OS KE HAI, O GHUSTO DO BOI, XURUMELO, RETROUSO E RECANTO, cun aplaudido debut diante dos seus veciños e veciñas.
Aí quedan as mellores fotos

sábado, 31 de agosto de 2013

DISFUNCIÓN CONTINUA NAS FESTAS DE OUZANDE 2013

O domingo 8 de setembro, A Fervenza de Ouzande programa un espectáculo teatral para poñer remate ás festas do Socorro 2013, organizadas pola Xunta Parroquial.

Trátase da comedia ERAN OUTROS TEMPOS, OU NON?, da compañía Disfunción Continua da Estrada. Nesta obra, un grupo de mulleres botan a vista atrás para rememorar aqueles tempos nos que compartían pupitre. A acción ubícase nunha escola franquista de 1957 e recréanse as clases de matemáticas, relixión, educación física, formación do espírito "nacional", labores ou economía doméstica e trata de mostrar como se inculcaban valores coma o autoritarismo, conformismo, submisión, familia patriarcal, pobreza, machismo... Uns valores que animan a reflexionar sobre a educación actual. 

A compañía fundada en 2012, xa representou unha obra titulada "Cóncavo Convexo" e agora prepararon este novo espectáculo que está dirixido por Jouse García e que amplía o elenco con actores da Estrada e Vedra: Sabela Magariños, María Porto, Clara Iglesias, Alejandro Picallo, María Gaiteiro, Manu Mougán, Natalia Carbajal e Manuel Rosende.  

A obra foi estreada dentro da XII edición do festival "Móstra(te)” o pasado 26 de xullo en Salvaterra do Miño.

A representación terá lugar no Campo da Festa de Ouzande, ás 20:00 horas. A entrada será de balde, e a obra é apta para todos os públicos.

A Asociación agradece a colaboración do Concello da Estrada para a realización da actividade.

mércores, 28 de agosto de 2013

FERVENZA DE MÚSICAS 2013 EN OUZANDE

FERVENZA DE MÚSICAS
VI FOLIADA DE MÚSICA TRADICIONAL. OUZANDE-A ESTRADA

O programa desta VI Foliada será o seguinte:
Día: Venres, 6 de setembro de 2013
Hora: 22:00 h.
Lugar: Campo da Festa de Ouzande.
O campo estará cuberto por unha carpa e haberá posto de polbo e churrasco, así como servizo de bar. Actuacións Musicais:
O Ghusto do Boi (Boqueixón) 
Animada e animosa charanga de música tradicional e popular. Unha ducia de compoñentes, con moito instrumento de vento, percusión e acordeón. Presentes en moreas de festas neste verán.
Os Ke Hai (Callobre) 
Veterana agrupación estradense de música tradicional. O grupo callobrés non falta en ningunha festa, foliada e festival da comarca
Xurumelo (Santiago) 
Trío santiagués que interpreta a música tradicional dun xeito orixinal e atrevido. Acordeóns e voz. Música de moita calidade. Participaron no recente Folk de Raíz de Callobre.
Retrouso (Ouzande)
Grupo anfitrión, fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O pasado ano presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional.
Recanto (Ouzande) 
Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o pasado ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, este mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, o pasado mes de abril.

Ao mesmo tempo convidamos a todos e todas que o desexen a traer os seus instrumentos musicais, para poñer remate á festa como é debido.