O pasado 17 de maio, unhas 40 persoas participaron na novena edición das Ruta das Letras da Fervenza de Ouzande nunha espléndida mañá soleada e primaveral. Cumpriron o programa previsto, ascendendo ao monte Pedroso, na parroquia veciña da Somoza, o que orixinou a admiración dos participantes, que na súa inmensa maioría non subiran nunca a este alto. As impresionantes vistas fixeron que o grupo demorara a súa parada durante varios minutos. Tamén houbo algunha sorpresa na ruta pois os camiñantes foron atopando en diversos puntos do traxecto, diferentes anacos do poema Penélope, do libro NIMBOS de X. M. Díaz Castro, homenaxeado neste ano das Letras. Despois da lectura en voz alta dalgún dos participantes, o grupo continou a súa marcha ata a chegada ao adro da igrexa de Ouzande, onde agardaba o ben merecido descanso á sombra, así como exemplares de libros en galego de diferentes xéneros cos que a Asociación agasallou aos sendeiristas. O profesor e membro da directiva da asociación, Manuel Rosende fixo unha emotiva lectura do poema completo, facendo as delicias do público, e servindo de colofón a unha extraordinaria xornada de celebración de convivencia, deporte, e cultura, arredor das nosas letras e o noso idioma.
Aí quedan as fotos tiradas baixo a Mirada de Manuel Rosende. Fermosas.
Penélope
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!
Ningún comentario:
Publicar un comentario