martes, 22 de maio de 2012

excursión a Redes





Aínda quedan algunha praza libre (do segundo autobús). Información e inscrición na Taberna de Ouzande (tel. 986570285)

fotos VII ruta das letras



A VII edición da ruta das letras organizada pola Asociación tivo unha extraordinaria acollida pois contou coa participación entusiasta de 62 persoas, que saíron ás 21:45 da mañá do adro da igrexa de Ouzande, para percorrer un roteiro de 11 km, que atravesou os montes de Ouzande e A Somoza. O nutrido grupo atravesou o contorno da Fervenza de Ouzande en primeiro lugar para logo cruzar a través de camiños de monte, fermosas paraxes de bosques autóctonos e diversos regatos. Na parroquia da Somoza visitamos o lugar de Castrorramiro e tamén fixemos unha parada no idílico Pozo da Freixa, composto por dous muiños e unha fervenza de extraordinaria beleza. Coma sempre cumpriuse o obxectivo de andar e falar, ademais de disfrutar da paisaxe. Ao regreso, ao pé do cruceiro do adro da Igrexa de Ouzande todos os camiñantes recolleron o libro de agasallo para celebrar esta data tan sinalada. Cabe destacar que ademais da xa abondosa participación de persoas de Ouzande, A Estrada e parroquias limítrofes, contamos cun nutrido grupo de camiñantes chegados da cidade de Pontevedra, e pertencentes ao grupo de senderismo Andaríns do Lérez.
A Asociación contou coa xenerosa colaboración do Concello da Estrada para esta actividade, que aportou un lote de libros.

Este é o perfil do percorrido
 

venres, 11 de maio de 2012

VII Ruta das Letras

ANDAMOS E FALAMOS
Continuamos co programa “Imos andar” coa Ruta das Letras. Realizaremos a Ruta das Carballeiras, polos montes de Ouzande e A Somoza.
Será o xoves 17 de maio, con saída ás 9:45 da mañá e regreso ás 13:30 (Igrexa de Ouzande) Ao final do roteiro, todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro, en conmemoración do Día das Letras. A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.
A Asociación quere agradecer ao Concello da Estrada a súa colaboración nesta actividade


sábado, 5 de maio de 2012

fotos da ruta dos carreiros de ouzande 2012

Aí quedan unhas imaxes da ruta dos carreiros que fixemos o pasado 1 de maio. Vai un saúdo tamén aos nosos amigos e amigas de Andaríns do Val do Lerez que camiñaron con nós.

domingo, 29 de abril de 2012

ruta dos carreiros de ouzande 1 de maio de 2012

O vindeiro 1 de maio a AC A Fervenza de Ouzande dá comezo o programa de actividades de primavera, no que se combinarán propostas de para gozar do aire libre, como as rutas e a excursión anual, e actividades culturais e musicais no Local Social de Ouzande, que iremos anunciando en próximas comunicacións.

Martes 1 de maio.. Ruta dos carreiros de Ouzande. Percorreremos os diferentes carreiros polo monte e os diferentes lugares de Ouzande, incluíndo a Fervenza e os muíños. Hora de saída: 10 da mañá, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:00


a madriña Paula Carballeira en Ouzande

 O pasado 8 de abril, a nosa madriña Paula Carballeira tróuxonos a rosca de Pascua. Para celebralo xuntámonos e merendamos todos xuntos. Aí quedan as fotos

venres, 27 de abril de 2012

mércores, 15 de febreiro de 2012

antroido 2012

Sábado 18 de febreiro 2012
A partir das 16:30 da tarde concentración de disfraces no Campo da Festa. A continuación, o escenario-tractor da orquestra panOUrama de Ouzande percorrerá os lugares da parroquia facendo verbena por todos os lugares. Non faltarán as cegas do Antroido que, un ano máis recitarán as súas coplas, que non esquecerán os acontecementos da parroquia nin tampouco a actualidade en xeral.

Horario aproximado:
17:00 da tarde: saída do campo
17:10: O Tallo
18:00:. O Castro
18:15: O Picoto e o Redondo
18:35: Alemparte e O Formigueiro
19:00: O Topete
19:15: Igrexa

E  como remate a partir das 19:30 da tarde, merenda e gran festa de disfraces no local social. Gran verbena antroideira con panOUrama, animación e degustación dos produtos típicos do antroido.

Se queres vir preparar e adornar o tractor que nos servirá de carroza, quedamos ese día (sábado 18, ás 10 da mañá no campo)

martes, 14 de febreiro de 2012

cociñamos con jaume garcía

O pasado sábado, 11 de febreiro, tivo lugar a primeira Tarde de Cociña, organizada pola AC A Fervenza de Ouzande. Un total de 35 persoas asistiron ao curso intensivo impartido polo cociñeiro Jaume García.

A actividade consistiu na elaboración de cinco pratos: queixo á feira, lagostinos con allada, guacamole e millo crocante, risotto de langostinos, cogomelos e verduras e brouni. Os asistentes tiveron ocasión de degustar os deliciosos pratos elaborados polo prestixioso cociñeiro do restaurante Velis Nolis.

O público participante premiou ao Jaume cun prolongado aplauso en recoñecemento do seu magnífico trababallo. Aí quedan as imaxes