sábado, 20 de xuño de 2009

lumeiro 09



O próximo martes 23 de xuño terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Faremos festa co grupo Retrouso e se queres podes traer algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderás asar ti mesmo/a nas brasas da fogueira. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa.

Como sempre, haberá algunha sorpresiña..., ¿onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el...

Ah! Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 6 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...

Por certo, chegounos esta carta ao correo:
Prezados veciños e veciñas:
O meu home é un langrán, como non vale para nada decidiu coller unha baixa, disque ten lumbago de tantolevar pesos ao lombo.
Por este motivo é que me presento eu como a súa substituta no traballo que tiña na súa axenda para o martes 23 de xuño á noitiña. Disque lle tocaba tolearvos para que non o queimarades no lumeiro.
Non sei se xa estará el dispoñible, de non ser así, habedes de tolear comigo. Vos veredes o que facedes. Se queredes ir de parranda ao campo da festa na noite do lumeiro atédevos ás consecuencias.E isto non é unha ameaza.
Sen outro particular saúdavos porque non lle queda outro remedio
Saqueta, a Muller do Home do Saco.