mércores, 15 de xuño de 2016

A MANTA SOLIDARIA DA FERVENZA DE OUZANDE



O martes 14 de maio, ás 9 da noite, tivo lugar no Local Social de Ouzande o acto de entrega por parte do grupo de mulleres da Fervenza de Ouzande, que  participa habitualmente nas Xuntanzas para tecer, dunha manta realizada por elas á ONG galega Implicadas no desenvolvemento.
A MANTA SOLIDADARIA DAS MULLERES DA FERVENZA DE OUZANDE
No ano 2014 un grupo de 15 mulleres participaba nun curso de tecer, ganchillo, tear e trapillo organizado pola Fervenza  de Ouzande. Tres meses despois, xa a primeiros de 2015, estas mulleres e algunhas máis decicimos continuar a xuntarnos todos os martes ás 8 da tarde no Local Social de Ouzande, para seguir facendo traballos de tecido todas xuntas, intercambiando experiencias, coñecementos, e tamén historias, contos e vivencias. Nacían as Xuntanzas para tecer. De aí saíron bufandas, gorros, mantas, alfombras... pero tamén se teceron coñecementos, confianzas, afectos e moitos sentimentos aos que non se lles pode sacar unha foto nin apuntar nos libros de contas. Apareceron destrezas que non sabiamos que posuiamos e medrou a nosa autoestima. Só descansamos coa chegada do verán, e xa no outono, volvémonos reunir para continuar coas xuntanzas, cada vez con máis adeptas.
Na primavera deste ano, recibimos a proposta, xurdida do grupo local da Estrada da ONG galega Implicadas no Desenvolvemento, de colaborar coa campaña de recollida de fondos para os seus proxectos coas mulleres da India. E decidimos facer  facer A Manta. Despois de case dous meses de traballo compartido, remataron o seu proxecto, planeado e realizado por todas nós, un grupo de 15 mulleres, ás que se sumaron outras máis que non puideron colaborar na confección da mesma, pero que si aportaron o seu ánimo e, como todas as demais, os seus cartos para os materiais necesarios.
No día de hoxe, 14 de xuño de 2016, facemos entrega da manta solidaria ás representantes locais de Implicadas no Desenvolvemento. A manta formará parte dun lote de produtos que a ONG sorteará coa venda de rifas para a recadación de fondos.
Agradecémoslle a Implicadas a súa proposta, que nos fixo traballar nun proxecto común, e saber do que somos capaces de facer. Levan unha manta feita de fío de algodón e de moitas emocións, hai que lavala con coidado.

Fixemos este vídeo no que se conta, con imaxes, a historia da manta.


venres, 10 de xuño de 2016

Excursión anual. A Fervenza de Ouzande na Coruña.

Aí queda unha crónica e as imaxes da excursión á Coruña.


A Fervenza de Ouzande celebrou, o domingo 29 de maio, a súa excursión anual, que chegaba á súa 15ª edición, cunha visita á cidade da Coruña. A pesar das malas predicións meteorolóxicas, un grupo de 50 ouzandeses partí ás 9 da mañá cara a cidade da Coruña, respondendo á convocatoria feita pola Asociación. O atrevemento tivo o seu premio, pois a comitiva gozou dun magnífico día de excursión que os paraugas permaneceron pechados, contra o prognóstico, practicamente durante toda a xornada. O primeiro destino foi a visita á contorna do emblema da cidade, a Torre de Hércules, que provocou a admiración entre os participantes, especialmente aqueles que a vían por primeira vez ou outros que despois de décadas volvían á cidade atlántica. Algúns dos presentes recordaban con nostalxia a súa "lúa de mel" de visita no lugar.
 Co tempo aínda algo ameazante, achegáronse ao Aquarium Finisterrae, coñecido popularmente como a Casa dos Peixes, no que, ademais de realizar unha completa e extensa visita, puideron disfrutar dun dos momentos culminantes da vida no Acuario, como é a hora do xantar das máis de unha ducia de focas que habitan nos estanques da Casa dos Peixes, e que provocou a admiración dos asistentes.
 Coa sensible melloría do tempo os excursionistas puideron gozar do xantar campestre que realizaron na contorna da Casa das Ciencias, no parque de Santa Margarida, no centro da cidade. É este un dos momentos máis agardados das excursións da Fervenza de Ouzande, no só polo necesario descanso e reposición de forzas, coa comida que cada familia trae das súas casas, senón polos momentos de lecer, convivencia, e conversa amena sobre as incidencias da viaxe. Nin que dicir ten que o agarimoso día co que os recibiu a capital herculina foi un dos temas de conversa máis repetidos.
 Quedaba para a tarde o prato forte do día, como foi o paseo guiado (por membros da propia asociación) pola cidade, especialmente centrado no casco histórico, e nomeadamente na fermosa e descoñecida Cidade Vella da Coruña. Nun primeiro intre gozaron co paseo polos Xardíns de Méndez Núñez, Cantóns, Rúa Real e Praza de María Pita...; e a seguir, xa adentrados na parte máis antiga, pasearon polas vellas rúas enlousadas achegándose á Igrexa de Santiago, de Santa María do Campo, Pazo de Cornide, Xardíns de San Carlos, sen esquecer as mostras da arquitectura máis contemporánea, como a Fundación Luís Seoane, ou o Museo de Arte Sacra. Non foi raro escoitar en varias ocasións entre os asistentes a frase "eu nunca pasara de María Pita..." O paseo rematou na remozadísima, e fermosa, zona portuaria e paseo marítimo onde os excursionistas admiraron a máis coñecida fachada acristalada da capital coruñesa.
 Un gran día, unha vez máis, de bo ambiente, convivencia e camaradería, non exento do coñecemento intenso da historia e da fisonomía dunha das cidades máis fermosas do noso país. A próxima cita xa queda fixada para de hoxe nun ano

venres, 3 de xuño de 2016

15 anos da Fervenza de Ouzande

Neste ano 2016 a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande cumpre 15 anos. Desde os seus inicios a asociación ven organizando actividades co fin de dinamizar a vida social, cultural e de lecer da parroquia de Ouzande, e de todos e todas os que se achegaron a estas iniciativas.

Son moitas as persoas que participaron algunha vez nalgunha actividade da Asociación, e queremos que sigan participando e que sexan cada vez máis.
Por iso convidamos a todas as persoas que desexen compartir con nós esta celebración, o próximo día 19 de xuño, domingo, ás 14:30h. Terá lugar no Campo da Festa de Ouzande e consistirá nun xantar servido pola Pulpería Porta, ao que seguirá, xa pola tarde, unha foliada musical na que participarán os alumnos e alumnas das clases que teñen lugar todos os sábados, ademais do grupo Retrouso e do grupo Recanto e tamén todas aquelas persoas e grupos que desexen unirse á festa.

O menú que se ofrecerá é o seguinte: Empanada, polbo, churrasco mixto, patacas fritidas, ensalada, sobremesa caseira, café e chupitos.
O prezo, para as persoas adultas é de 20 euros; para os menores de 12 anos, de 10 euros; e para os mozos e mozas de 12 a 18 anos, será de 15 euros.

Para poder asistir, cómpre anotarse na taberna de Ouzande, ata o mércores 15 de xuño, ou a través do correo electrónico, no enderezo: carreirosouzande@gmail.com, e tamén a través do facebook da asociación.