mércores, 27 de maio de 2009

imos de excursión

EXCURSIÓN ÁS BEIRAS DO RÍO MIÑO

Un ano máis a Asociación organiza a excursión anual, que este ano terá como destino as beiras do Río Miño, coa visita ás vilas de Tui e Valença do Minho.

Día: 31 de maio de 2009

9:00 h. Saída da Taberna de Ouzande.

10.30 Chegada a Tui.

11:00 Paseo pola fermosa cidade de Tui. Percorrido polo seu magnífico casco histórico e visita á Catedral. Tamén nos achegaremos ás beiras do Río Miño.

14:00 Xantar no Monte Aloia. Trátase dun fermosísimo parque natural, que está perfectamente acondicionado para o xantar campestre.

16:30. Cruzaremos a pé (é un pequeno paseo) a antiga ponte de ferro ata Portugal.

17:00. Visita a Valença do Minho e a súa Fortaleza. Tarde relaxada para o paseo e podermos tomar un rico café portugués.

Prezos da viaxe. Para socios e socias:

8 euros(adultos)

3 euros(menores de 14 anos)

Gratis para menores de 6 anos.

Para o público en xeral: 12 euros.

Inscrición. Na taberna de Ouzande (986570285), ata o venres 29 de maio. Dispoñemos de 55 prazas. Así que a anotarse canto antes...

Xantar. Cada persoa/familia levará o xantar.

Recomendación importante. Levar calzado cómodo e tamén recomendamos levar catalexos, quen os teña.

domingo, 17 de maio de 2009

choveu

Os valentes que viñeron esperaron na taberna. Non escampou.
Ao final foi un café con letras.

domingo, 10 de maio de 2009

ruta das letras

ANDAMOS E FALAMOS

O próximo sábado 16 de maio, a AC A Fervenza de Ouzande continuará co seu programa de rutas a pé, IMOS ANDAR coa cuarta Ruta das Letras. Este ano percorreremos o Roteiro dos Montes da Somoza, cuxas características detallamos máis abaixo. Ademais, todos e todas as participantes serán avasallados cun libro, para celebrar o Día das Letras Galegas, que será entregado ao final da ruta. Para esta iniciativa contamos coa xenerosa colaboración de Edicións Xerais de Galicia.

Hora de saída: 16:30 da tarde, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 20:30 ao mesmo sitio.

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

- Montes do Pedroso e A Pedralba: posto que albergan numerosas especies autóctonas que sobreviviron as reforestacións masivas de coníferas, especialmente de piñeiros e eucaliptos. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acevos, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...).

- Monte Cabalar: A rota discorre en parte a través das parcelas incluídas no coñecido proxecto “Monte cabalar”. Alí un dos responsables do mesmo dará unha breve explicación sobre os resultados desta iniciativa.

- Vistas panorámicas: fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza...

- Pozo da Freixa. Na Somoza faremos unha parada no fermoso contorno do Pozo da Freixa, no que descansaremos ao pé de dous antigos muíños e unha fervenza.

venres, 8 de maio de 2009

ruta do regueiro de arcos

O pasado primeiro de maio botámonos a andar polos carreiros de Arcos. Percoremos os camiños de Ferreiros co obxectivo de descubrir as orixes do Río Gallo, o que os ouzandeses chamaban Regueiro de Arcos. Saímos ás 10 da mañá da Taberna de Ouzande para subir en coches ata a aldea de Ferreiros, alí deixámolos para facer uso de varias pistas forestais que nos habían levar até o regueiro. Alí marabillámonos da fermosura deste espazo e botámonos a andar regueiro arriba, deixámonos seducir polos caprichos da natureza, saltamos coma cabras de penedo en penedo e rimos á esgalla. Vimos o que supostamente é un batán e muíños, moitos muíños. Atravesamos a pontella de Arcos, a que levou a máis dun ouzandés cara Arcos co fin de mocear. Recordamos as historias que moitos escoitamos do medo que daba atravesar esta zona de noite. Dámos creto, debe dar medo. O remate foi nunha fermosa fervenza, da que tivemos que saír nunha operación de escalada á ouzandesa... xa onda os coches esperábanos unha espedición de cabaleiros e cabaleiras da parroquia. O bo tempo axudou a pasarmos unha bonita e animada mañá de primavera en compaña fervenceira.
manuel de topete