sábado, 21 de xuño de 2014

lumeiro 2014

AÍ VEN A FESTA DO LUMEIRO

 
O próximo 23 de xuño, luns, terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Faremos festa co grupo Retrouso e, se queres, podes traer algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderás asar ti mesmo/a nas brasas da fogueira. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa.
Coma sempre, haberá algunha sorpresiña..., onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el...
Ah! Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 7 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...

martes, 17 de xuño de 2014

camisetas rural faxion ouzande 2014


CAMISETAS DE MODA 
A camiseta do verán en Ouzande. Xa a tés á túa disposición na taberna de Ouzande. Talles e modelos a escoller. O RURAL FAXION está de moda. O deseño é de Rosa de Cabanas. 
 Á venda tamén nas actividades da asociación.

venres, 13 de xuño de 2014

Festa fin de curso 2014


Un ano máis asociación celebra a FESTA de fin de curso das clases de música e canto tradicionais que se desenvolven todos os sábados no local social de Ouzande. 
O curso que agora finaliza volveu ter unha notable participación nestas clases, superando as sesenta persoas, de todas as idades, nas disciplinas de: gaita, tambor, pandeireta acordeón e cancións tradicionais.
Convidámoste a unha foliada para o sábado 21 de xuño a partir das 9 da tarde no campo da festa. Convidaremos tamén a uns pinchos a todos os asistentes. (Se queres, podes achegarte a partir das 8 e cuarto para ir preparando todo) Non esquezas traer o teu instrumento musical. 
Están invitados todos os veciños e veciñas da parroquia e cantos amigos desexen vir.

excursión á comarca do morrazo

Unha mañá chuviosa e desapracible recibiu aos 62 excursionistas da Fervenza de Ouzande que o pasado domingo 8 de xuño se achegaron á Comarca do Morrazo na Excursión anual da Asociación que acadaba súa décimoterceira edición. O museo Massó de Bueu foi o primeiro punto de destino no que os visistantes puideron coñecer de primireira man a historia da fábrica de conservas de orixe catalá que tanta importancia tivo neste sector industrial en Galicia. O motivo mariñeiro foi o fío condutor da actividade que continuou coa visita ao mirador de Donón en Cangas, onde gozaron das vistas da Costa da Vela, Cabo Home e as Illas Cíes.
 O mal tempo foi en aumento, facendo que a posterior visita á antiga fábrica de Massó en Cangas estivese pasada por auga e vento, o mesmo que o paseo polo centro desta vila mariñeira. O xantar a cuberto, nunha escola da parroquia de Darbo, pareceu apaciguar a climatoloxía e esta premiou o aguante e bo humor dos ouzandeses cunha inesperada tarde soleada e agradable. 
Aproveitaron entón para visitar o mirador de Monte Carrasco en Cangas, onde gozaron de esplendorosas vistas da Ría de Vigo, e posteriormente desprazarse a Cabo Udra en Bueu, outro dos puntos fortes da visita á comarca morracense. Trátase dun contorno protexido, no que despois de visitar a Aula de Natureza do mesmo, noutra visita guiada, fixeron un percorrido a pé entre os penedos ou bolos de granito que coroan a paisaxe, ou os chozos de esqueiros, pequenas costrucións de pedra a carón das grandes rochas redondeadas onde pernoctaban os pastores ata non hai moitas décadas. 
Un paseo polas praias próximas puxo fin a unha mágnífica xornada de convivencia e disfrute dun dos recunchos máis fermosos de Galicia. Os participantes, regresaron a Ouzande repasando a banda sonora da excursión, o tema “Se vou a Bueu” de Andres do Barro, e citándose para a do próximo ano.

Aí van as mellores imaxes dunha xornada inesquecible:

fotos ruta ouzande tabeirós a somoza 2014


1 de xuño de 2014
Trinta e cinco persoas participaron nunha soleada mañá na Ruta Ouzande-Tabeirós-A Somoza que pechaba o ciclo primaveral do programa Imos Andar organizado pola Fervenza de Ouzande. Os camiñantes cumpriron co programa no horario previsto, gozando da conversa, dos camiños e das fermosas paraxes que estes lles proporcionaron, xunto coa visita a lugares senlleiros do patrimonio arquitectónico das parroquias polas que transcorreu o roteiro, como as igrexas románicas de Ouzande e Santiago de Tabeirós ou o lugar de Castrorramiro na Somoza. Aproveitaron tamén para facer un breve descanso no fermoso contorno da Poza da Freixa, na Somoza.
Os sendeiristas citaronse para a próxima camiñada, a ruta de Outono, que terá lugar o próximo 12 de outubro.
A AC A Fervenza de Ouzande remata con esta o programa primaveral de rutas IMOS ANDAR, no que participaron cen persoas chegadas da propia parroquia, doutras dos arredores e vila da Estrada, así como de localidades máis afastadas como Santiago de Compostela, Ames, Pontevedra, Vilagarcía, etc. Como non pode ser doutro xeito, a Asociación valora moi positivamente o resultado desta actividade.