domingo, 30 de setembro de 2018

O curso 2018-19 en marcha.

 
Faro de Vigo

Deron comezo as clases de música e baile tradicional en Ouzande nas disciplinas de acordeón, gaita, percusión, pandeireta, baile e canto tradicional. AÍNDA TEMOS SITIO PARA TI. Achégate nos horarios que se achegan ao local de Ouzande, A Estrada, para coñecernos e informarte. 


xoves, 27 de setembro de 2018

Recanto de Ouzande na Mostra de Teatro de Orazo

O pasado 22 de setembro tivo lugar a XII edición da Mostra de Teatro Cotomanguelo de Orazo. O grupo de cancións tradicionais Recanto de Ouzande e o grupo de gaitas da Fervenza de Ouzande tiveron a honra de participar no evento. Noite animada e festeira cos grupos Lilaila de Orazo e Gaiteiros da Pereiriña. Moitas grazas á organización por convidarnos e tratarnos tan ben.



martes, 18 de setembro de 2018

Bailas? Clases de Música e Baile tradicional en Ouzande. Curso 2018-19

Dan comezo as clases deste novo curso. Un ano máis, a Asociación ofrece a todas as persoas interesadas as diferentes disciplinas destas clases que comezaron no ano 2002.

Estas serán: Acordeón, gaita, percusión, pandeireta, baile e canto tradicional.

As clases darán comezo o próximo 29 de setembro, e terán lugar todos os sábados nos horarios que se detallan ao final.

As persoas interesadas poden solicitar información ou inscribirse no correo electrónico da asociación: carreirosouzande@gmail.com, na páxina do facebook https://www.facebook.com/afervenza.deouzande
Tamén se poden inscribir asistindo no horario que se indica a partir do próximo sábado 29 de setembro.

TODOS OS SÁBADOS

ACORDEÓN
10:30 a 11:30
Profesor: Marcos Varela.
GAITA (Iniciación)
11:30 a 12:30
Profesor: Marcos Varela.
GAITA (Perfeccionamento)
12:30 a 13:45
Profesor: Marcos Varela.

TAMBORIL (Iniciación)
10:30 a 11:30
Profesor: Xosé Martíns, Fofi

TAMBORIL (Perfeccionamento)
11:30 a 12:30
Profesor: Xosé Martíns, Fofi
PANDEIRETA (Iniciación)
17:30 a 19:00
Profesora: Silvia Martínez

PANDEIRETA (Perfeccionamento)
18:30 a 20:00
Profesora: Silvia Martínez

BAILE
20:30 a 22:00
Profesora: Silvia Martínez
CANTO
22:00 a 23:00
Profesor: Marcos Varela.

Así foi a Noite de Música Tradicional nas Festas do Socorro 2108 en Ouzande

Os  nosos grupos, Retrouso e Recanto participaron na Noite de Música Tradicional das Festas do Socorro convidados pola Xunta Parroquial. Estiveron acompañados dos Xeitosos de Trazo, AC Rosalía de Castro de Cacheiras e o grupo Nai de Santiago de Compostela. Fermosa noite de festa e música que xuntou no campo da festa de Ouzande a un bo número de persoas de todas as idades.

Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos do evento.

https://photos.app.goo.gl/v3qoMFM8xf6gDtEM9

martes, 4 de setembro de 2018

Noite de música tradicional en Ouzande. Festas do Socorro 2018




NOITE DE MÚSICA TRADICIONAL. OUZANDE-A ESTRADA
FESTAS DO SOCORRO 2018
O programa desta noite de música tradicional será o seguinte:
Día: Venres, 7 de setembro de 2018
Hora: 22:00 h.
Lugar: Campo da Festa de Ouzande.
Haberá posto de polbo e churrasco, así como servizo de bar.
As actuacións dos grupos convidados serán todas elas “a pé de campo”, mesturándose entre o público , tratando así de recuperar o sabor e ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior participación posible dos asistentes. 


Actuacións Musicais

Os Xeitosos de Trazo (Trazo)
“Os Xeitosos de Trazo” nace por iniciativa municipal no inverno do ano 1979. Comeza como grupo de gaitas e cuns doce membros en total. Unha vez asentados e pasados xa ao redor de dous anos, dan comezo as clases de baile e con iso incorpóranse as primeiras mulleres á agrupación, pasando a ser máis de 30 persoas.
Na actualidade, os integrantes están repartidos nas escolas de baile tradicional, gaita e pandeireta, os cales están divididos segundo as idades destes. Tamén se organizan cursos na propia asociación, como o de acordeón ou de iniciación ao baile tradicional para adultos.
Mostran o seu traballo por toda a comunidade autónoma galega e nestes últimos anos vimos desenvolvendo actuacións tamén fóra de Galicia e mesmo no estranxeiro. Así mesmo, no ano 2009 asistiron ao Festival Intercéltico Beltaine (en Avilés), e ao Festival Intercéltico de Saint Loup (en Francia). Participamos tamén en numerosos concursos de baile tradicional e de pandereteiras, conseguindo varios premios en distintas categorías.
Anualmente realizan un festival no seu concello, ao cal invitan a grupos cos que fan intercambios polo resto do país e Portugal.

Grupo de gaitas da AC Rosalía de Castro (Cacheiras-Teo)
Asociación Fundada no ano 1980. O grupo de gaiteiros e pandereteiras conta no seu haber coa obtención, entre outros, dos seguintes premios:
Concurso de cuartetos organizado pola Asociación Folklórica Cantigas e Agarimos: 1º premio nos anos 1990 e 1992, e 2º premio en 1991.
Concurso de cuartetos tradicionais organizado pola Agrupación Folklórica Rosalía de Castro de Padrón: 2º premio en 1996 e 1º nos anos 1997 e 1998.
         Concurso “Ricardo Portela” organizado polo concello de Pontevedra: 3º premio e premio especial á mellor interpretación en toque pechado, na edición de 2001.
         Concurso de Música Tradicional da A. X. Xacarandaina (A Coruña): 1º premio en 1999, 3º en 2000 e 2º en 2001.
         Concurso “Alalá” da A. F. C. Santa Cruz de Ribadulla (Vedra): 1º premio en 2001.
Concurso organizado pola A. X. Xalgarete (Vigo): 2º premio na VIII edición, ano 2002.

Grupo Nai (Santiago)
O grupo NAI xorde no 2014 coa intención de homenaxear á muller en calquera das súas facetas e tamén as súas emocións e os seus sentimentos. Con este propósito cantámoslle á falta de liberdade, á dor, ao desamor, á maternidade, ao maltrato, á perda dun amor (...) ben a través da música ou ben a través da poesía.
Os seus compoñentes actuais son:
Marcos Varela.Compositor, arranxos, acordeón, gaita e piano.
Xosé Martíns. Letrista, percusión, gaita e voz.
Patricia Quintela. Acordeón e voz.
Clara Ponce. Clarinete.
Musicalmente nútrense de pezas do repertorio popular galego, do cantautor portugués Zeca Afonso e da música popular do seu país; todos eles arranxados dende o seu punto de vista. Tamén inclúen algunhas composicións de Marcos Varela, compoñente da formación.
Recentemente publicaron o seu primeiro traballo discográfico, co mesmo nome que o grupo: Nai.

Retrouso (Ouzande)
Fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O ano 2012 presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional. No ano 2016  presentaron o seu segundo disco DOUS, no Teatro Principal da Estrada.
 
Recanto (Ouzande)
Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, ese mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, e participou desde aquela en foliadas e certames de cantos de Taberna en Pontecesures, Trazo, Arzúa, A Estrada ou Santo André de Vea.


Así foi a xornada de limpeza na Fervenza de Ouzande

O pasado 18 de agosto xuntámonos para seguir coa conservación e limpeza da contorna dos muíños da Fervenza de Ouzande. Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos da xornada, que rematou cunha merenda de confraternidade.

https://photos.app.goo.gl/Esf5cNKXVvh8DrRv9