domingo, 27 de xaneiro de 2008

acordos da Xunta Xeral

Resumo das conclusións e acordos da Xunta Xeral da AC A Fervenza de Ouzande.

1. Aprobouse o informe económico anual.
2. Elección de Xunta Directiva. Resulta escollida a seguinte Directiva:
Presidente: Xabier Camba Sanmartín
Vicepresidenta: Natalia Carbajal Porto
Secretario: Manuel Rosende Torres
Tesoureira: Rosa Herraiz Cabanas
Vocais:Julio Porto Paramá, Manuel Bouzón Fernández, Loli Camba Cabanas, Manuel Porto Gestoso, Mª Luz Rodríguez Pazos, Laura Rosende Torres e Xabier Adán Ayude,

3. Aprobouse o programa xeral de actividades, que mantén as liñas xerais do exercicio anterior. Incidirase especialmente no traballo de recuperación do Muiño do Rubio no contorno da Fervenza.

4. A asemblea foi informada da proposta da Xunta Directiva de non continuar coa organización do Festival Músicas da Terra de Ouzande. A decisión tómase para non poñer en perigo o traballo socio-cultural que ven desenvolvendo a asociación, debido á grande magnitude e o esforzo humano e económico que supón a organización do Festival.

Ouzande, A Estrada, 27 de xaneiro de 2007

sábado, 26 de xaneiro de 2008

antroido en ouzande

Este ano propoñemos a celebración do antroido con algunhas novidades en relación cos anos anteriores. Así o programa será:

Sábado de Antroido. 2 de febreiro.
Gran festa de antroido no local social do campo da festa.
A partir das 7:30 da tarde gran festa de disfraces para todas as idades. Tamén haberá unha merenda cea de produtos típicos do tempo de antroido. Quen queira pode traer algún destes produtos para compartir entre todos e todas.
Tamén, esa mesma tarde, a partir das 5:30 da tarde haberá un obradoiro de maquillaxe de antroido no que poderán participar todos os nenos e nenas que o desexen (e maiores tamén). A asociación ten disfraces que estarán á vosa disposición durante toda á tarde dese día.
Non faltarán, coma sempre, os cegos de antroido que nos visitarán e recitarán as súas coplas.

Luns de Antroido. 4 de febreiro.
Como todos os anos iremos á gran festa de disfraces de parroquia veciña de Guimarei. Todas as persoas interesadas están convocadas o propio luns ás 10 da noite no local para formar a comparsa. Este ano “oulímpico” decidimos ir de equipo “oulimpico” da parroquia, coa súa abandeirada e todo. Así que xa sabedes, ide pensando un disfraz de “deportista” para facer un grupo ben grande e animado.

luns, 21 de xaneiro de 2008

CONVOCATORIA DE XUNTA XERAL ANUAL

CONVOCATORIA DE XUNTA XERAL ANUAL

Convócase aos socios e socias á Xunta Xeral anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 27 de xaneiro ás 5:30 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:

1. Informe de xestión.
-Informe de actividades(con proxección de fotografías e videos)
-Informe económico.
2. Elección de Xunta Directiva.
3. Programación de actividades.
4. Rogos e preguntas.

Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e biscoito.

En Ouzande, A Estrada, xaneiro 2008.


PD.
1. É moi importante que fagas o posible por asistir á reunión para que entre todos colaboremos na boa marcha da asociación, e na proposta e organización de actividades. Recorda que a Asociación somos todos e todas.

2. Na taberna de Ouzande están a disposición de todos os socios e socias os recibos da cota anual correspondente a este ano, e os pendentes do ano anterior (para os socios/as que non pagaron aínda). Recorda que para a organización das actividades é moi necesario dispoñer dos recursos económicos que xeramos .

martes, 15 de xaneiro de 2008

mércores 16, RETROUSO na SALA NASA


Por terceiro ano, os nosos RETROUSO actuarán na prestixiosa sala compostelá. Mércores 16 de xaneiro a partir das 22:00. Alex, Morgan, Marcos,César e Noelia... moito ánimo e sorte. Sodes os mellores!
Mira en: Sala Nasa