luns, 28 de setembro de 2015

Horarios das clases de música e baile tradicional. Curso 2015-16

O pasado 26 de setembro a Asociación presentou a súa programación do novo curso 2015-2016.
Os horarios e docentes serán os seguintes:

SÁBADOS
Mañá:
10:30 a 11:30 ACORDEÓN. Profesor: Marcos Varela.
11:30 a 12:30 GAITA (INICIACIÓN) Profesor Marcos Varela.
12:30 A 13:30 GAITA (Perfeccionamento) Profesor Marcos Varela.

10:30 a 11:30 TAMBORIL (INICIACIÓN) Profesor Xosé Martíns, Fofi
11:30 a 12:30 TAMBORIL. (Perfeccionamento) Profesor Xosé Martíns, Fofi

Tarde:
17:30 a 19:00 PANDEIRETA (INICIACIÓN) . Profesora Silvia Martínez
18:30 a 20:00 PANDEIRETA (Perfeccionamento) Profesora Silvia Martínez
20:30 a 22:00 BAILE. Profesora Silvia Martínez

Noite:
22:00 a 23:00 CANCIÓNS TRADICIONAIS Profesor Marcos Varela.
AS CLASES DARÁN COMEZO O PRÓXIMO SÁBADO 3 DE OUTUBRO NO LOCAL SOCIAL DE OUZANDE
Aínda quedan prazas libres.
As persoas interesadas poden achegarse no horario indicado arriba ou a través do correo carreirosouzande@gmail.com

Aí quedan as imaxes da presentación

martes, 22 de setembro de 2015

A VIII Fervenza de Músicas en Imaxes. 2015

Aí quedan as mellores imaxes dunha noite de festa e música con Tequexetéldere, Sonche Lerias, Nai, Retrouso e Recanto. Foi o 11 de setembro de 2015 nas Festas do Socorro de Ouzande.


venres, 18 de setembro de 2015

bailas? clases de música e baile tradicional en Ouzande. Curso 2015-16

BAILAS?  2015-2016
CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL
ACORDEÓN, GAITA, BAILE, PANDEIRETA, TAMBORIL E CANCIÓNS TRADICIONAIS
       
Dan comezo as clases deste novo curso. A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar o próximo sábado 26 de SETEMBRO no local do campo da festa ás 17:30 da tarde.
Na reunión informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA, BAILE que terán lugar os sábados pola tarde, e das clases de ACORDEÓN, GAITA E TAMBORIL, que se celebrarán os sábados pola mañá. TAMÉN SE INFORMARÁ DO HORARIO DO GRUPO DE CANCIÓNS TRADICIONAIS, OS SÁBADOS POLA NOITE.

As clases comezarán o PRIMEIRO FIN DE SEMANA DE OUTUBRO

Tamén convidamos ás persoas participantes nas diferentes clases e a todas as interesadas a traeren os seus instrumentos para interpretaren algunha peza e facer algo de festa.  Para rematar a reunión a Asociación convida a uns pinchos de merenda.

Anímate a tocar algún instrumento, a cantar ou a bailar. Verás que non é tan difícil, e ademais vaste divertir.

mércores, 9 de setembro de 2015

Os grupos da VIII FERVENZA DE MÚSICAS. OUZANDE 2015



A AC A Fervenza de Ouzande presenta a oitava edición da FERVENZA DE MÚSICAS, dirixida especialmente á promoción e divulgación da nosa música, tal como ven facendo desde a súa fundación, a través do desaparecido festival Músicas da Terra, ata 2007, ou coas clases de música tradicional que se desenvolven no local social de Ouzande e nas que máis de 60 persoas participan cada ano.
A iniciativa, xa consolidada, cumpre o obxectivo fundamental de posibilitar o intercambio cultural e musical con outras iniciativas e grupos semellantes, achegando agrupacións da comarca e de comarcas próximas. Trátase de agrupacións de música tradicional e popular pero con formas ben distintas de achegarse á musica galega deste tipo, dando mostra da riqueza e variedade da mesma, obxectivo que tamén está nas nosas intencións.
Tamén está nas motivacións da actividade o feito de incluír no programa das festas parroquiais (Festas do Socorro de Ouzande) unha actividade musical diferente nas que a música tradicional e popular teña cabida e sexa a principal protagonista.
As actuacións dos grupos convidados serán todas elas “a pé de campo”, mesturándose entre o público, tratando así de recuperar o sabor e ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior participación posible dos asistentes.Terá lugar o próximo venres, 11 de setembro no Campo da Festa de Ouzande a partir das 10 da noite.
 

GRUPOS CONVIDADOS
 
Tequexetéldere (A Estrada)
A charanga de Tequexetéldere, sae da agrupación do mesmo nome, fundada na Estrada eN 1990.
Nos seus comezos o corpo instrumental estaba composto por dúas gaitas tambor e bombo, pero dende hai uns 10 anos fóronselle sumando máis instrumentos: pratos para o bombo, acordeón, clarinete e saxofón.
O seu repertorio está baseado en pezas de baile, jotas, muñeiras, pasodobres, balses, rumbas e todas recollidas en terras galegas.
Na actualidade está composta por 7 músicos, e nos últimos tempos estiveron tocando por terras italianas e belgas.
É a primeira vez que a agrupación participa no certame musical ouzandés.


Nai (Santiago)
O grupo NAI xorde no 2014 coa intención de homenaxear á muller en calquera das súas facetas e tamén as súas emocións e os seus sentimentos. Con este propósito cantámoslle á falta de liberdade, á dor, ao desamor, á maternidade, ao maltrato, á perda dun amor (...) ben a través da música ou ben a través da poesía.
Os seus compoñentes actuais son:
Marcos Varela.Compositor, arranxos, acordeón, gaita e piano.
Xosé Martíns. Letrista, percusión, gaita e voz.
Patricia Quintela. Acordeón e voz.
Alberto Aneiros. Clarinete e arranxos.
Musicalmente nútrense de pezas do repertorio popular galego, do cantautor portugués Zeca Afonso e da música popular do seu país; todos eles arranxados dende o seu punto de vista. Tamén inclúen algunhas composicións de Marcos Varela, compoñente da formación.
“E preguntarédesvos.... Por que NAI?
Pois évos bastante sinxelo, non son as siglas de ningunha asociación. Escollimos o nome polo feito de ser unha faceta da muller que todos coñecemos posto que, ainda que non sexa a biolóxica, todos temos unha nai ou unha persoa que identificamos con esa faceta ao escoitar este sustantivo.”
Ésta orinal proposta, tamén se presenta por primeira vez en Ouzande, despois de teren actuado en diversos escenarios do país.

Sonche lerias (San Xián de Sales_Vedra)
Formación de música tradicional xurdida no veciño concello de Vedra, a raíz das clases de gaita iniciadas no ano 2011.
Trátase dunha completa formación, composta por 14 persoas, de todas as idades que basea o seu repertorio na música tradicional e popular galega.
Preséntanse por primeira vez neste festival, despois de teren actuado en foliadas e festas como a Fía de Trazo ou no Folk in Rio de Trazo.



Retrouso (Ouzande)
Fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O ano 2012 presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional. Preparan a gravación do seu segundo traballo.


Recanto (Ouzande)
Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, ese mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, e participou en foliadas e certames de cantos de Taberna en Trazo, Arzúa ou Santo André de Vea.


Cómpre subliñar que esta actividade se realiza cos recursos propios da Asociación, así como a colaboración da Xunta Parroquial de Ouzande, e sen ningún tipo de subvención das entidades públicas oficiais. Neste sentido, queremos agradecer publicamente a boa disposición de grupos e músicos convidados, que sumarán perto de medio cento de persoas.
Ao mesmo tempo convidamos a todos e a todos os veciños da Estrada e a súa contorna a traer os seus instrumentos musicais, para poñer remate á festa como é debido.




TAMÉN HABERÁ UN STAND DA ASOCIACIÓN NO QUE SE PORÁN Á VENDA AS CAMISETAS OFICIAIS DESTE ANO 2015 CO DESEÑO “SEGUIMOS TECENDO”



luns, 7 de setembro de 2015

VIII Fervenza de Músicas en Ouzande

AC A Fervenza de Ouzande FERVENZA DE MÚSICAS. 
VIII FOLIADA DE MÚSICA TRADICIONAL EN OUZANDE 

 A AC A Fervenza de Ouzande presenta o cartel da VIII edición da Fervenza de Músicas adicada á música popular e tradicional do pais. Terá lugar o próximo 11 de setembro, venres, e inclúese dentro do programa das festas do Socorro da parroquia.
Os grupos convidados este ano son:

Tequexetéldere (A Estrada)
Nai (Santiago)
Sonche Lerias (Vedra)
Retrouso(Ouzande)
 Recanto (Ouzande)

 Servizo de bar, polbo e churrasco.
Posto de venda de camisetas da Asociación.

Representantes da Directiva da Asociación presentando o cartel e lucindo as camisetas "seguimos tecendo"