venres, 22 de decembro de 2023

VOLVEMOS ANDAR TAMÉN EN NADAL

  A AC A Fervenza de Ouzande recupera na súa programación a Ruta de Nadal, que non se celebrou estes últimos anos e que se iniciou alá polo 2010. Nesta edición, a duodécima, realizarase a subida ao Castro de Arcos, no veciño concello de Cuntis.

A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Gozaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén servirá para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa.

 
Luns 25 de decembro de 2023
Hora de saída: 09:45, diante da Igrexa de Ouzande.
Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.
12,5 km de percorrido, dificultade media baixa.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
A ruta só se suspenderá se as condicións meteorolóxicas impiden a súa realización.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.


LUGARES DE INTERESE

Castro de Arcos. Sito no Concello de Cuntis. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.
 
Encoro da Estrada: Descenderemos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.

Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de gran valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muíños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes.

                                                                        mapa da ruta

 

AS FOTOS DA FESTA D´OUTONO EN OUZANDE

 Deixamos aquí as mellores fotos da festa d´outono en Ouzande, que celebramos o pasado 17 de novembro. Castañas e chourizos asados, xogos, música e festa.

Pica na imaxe para ver máis fotos:

 




domingo, 5 de novembro de 2023

Festa dOUtono en Ouzande.


Despois de varios anos, volve a Festa dOUtono a Ouzande. A AC A Fervenza de Ouzande programa unha noite de música, castañas e diversión para o vindeiro sábado ás 21 horas.

Castañas asadas e viño novo de balde, chourizos asados, bocadillos e bebidas a prezos moi económicos.  E Retrouso de Ouzande para animar a noite. Tamén haberá xogos para os asistentes.

Ven!

 

 

 


martes, 3 de outubro de 2023

HORARIOS DAS CLASES DE MÚSICA E BAILE

 Na xuntanza do pasado sábado, 30 de setembro, presentáronse os horarios e docentes das clases do curso 2023-2024

Podes achegarte polo local social de Ouzande nos mesmos. TEMOS UN SITIO PARA TI.

MÉRCORES TARDE

CANTO TRADICIONAL

19:45 a 20:45
Profesor: Antón Calvo

SABADOS MAÑÁ

PERCUSIÓN (tamboril/bombo)

10:00 a 11:30
Profesora: Noelia Bouzón Docampo

GAITA
11:30 a 13:00
Profesora: Noelia Bouzón Docampo

SABADOS TARDE

PANDEIRETA (Iniciación)

17:00 a 18:30
Profesora: Silvia Martínez López

PANDEIRETA (Perfeccionamento)
18:00 a 19:30
Profesora: Silvia Martínez López

BAILE TRADICIONAL
19:30 a 21:00
Profesora: Silvia Martínez


venres, 22 de setembro de 2023

BAILAS? XUNTANZA INFORMATIVA DAS CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL

 

Dan comezo as clases do curso 2023-2024. A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar o próximo sábado 30 de SETEMBRO no local do campo da festa ás 19:00 da tarde.

Na reunión informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA e BAILE que terán lugar os sábados pola tarde, das clases de GAITA E PERCUSIÓN, que se celebrarán os sábados pola mañá, e as de CANTO que se celebrarán os mércores á tardiña.

As clases comezarán para a seguinte semana.

CONTACTO: 

carreirosouzande@gmail.com  

www.facebook.com/afervenza.deouzande

venres, 16 de xuño de 2023

FOLIDADA FIN DE CURSO DA FERVENZA DE OUZANDE

A Fervenza de Ouzande pon fin ao curso musical cunha foliada.

Este sábado a partir das 21 horas, no campo da festa de Ouzande, terá lugar o peche festivo das clases de música, baile e canto tradicional correspondente ao presente curso 2022-23. Despois da paréntese provocada pola pandemia da covid, volvían no pasado outono estas clases a Ouzande nas disciplinas de gaita, percusión, canto, pandeireta e baile tradicional. Unhas 30 persoas acudiron á súa cita semanal nestas modalidades, o cal supuxo a recuperación exitosa dunha das iniciativas que máis identifican á asociación.

O evento do próximo sábado iniciarase coas actuacións do alumnado a fin de  mostrar a súa progresión nas diferentes disciplinas das clases. A foliada continuará coa participación de dous grupos amigos, como son o Grupo Pena Maior de Marrozos (Compostela) e As Rebolos de Terreboredo (A Estrada). Convidamos tamén a que as persoas que o desexen traian os seus instrumentos e ganas de pasalo ben para continuar coa festa.

Haberá servizo de bar con bebidas e chourizos asados a prezos módicos.

CAMISETAS DA FERVENZA DE OUZANDE

Aproveitaremos esta actividade para poñer á venda a camiseta da Fervenza 2023, que tamén volve despois do parón pandémico. Nesta ocasión o deseño, de Rosa de Cabanas, homenaxea ao grupo da asociación, Retrouso, e ao folclore tradicional. Tamén se porán á venda bolsas(tote bag) co mesmo deseño.


 

xoves, 18 de maio de 2023

ASÍ FOI A EXCURSIÓN A BAIONA E BAIXO MIÑO

No adro do Mosteiro de Oida, co Océano Atlántico ao fondo

A asociación de Ouzande recuperou as súas excursións anuais despois de 3 de parón por causa da pandemia.
Un grupo de 35 persoas respondeu á convocatoria da Fervenza participando na actividade. Gozaron dun excelente día de viaxe, climatolóxicamente falando que permitiu gozar da paisaxe e dos diferentes lugares visitados.
A primeira parada foi na vila de Baiona na que algúns aproveitaron para facer un percorrido pola muralla do castelo de Montereal, mentras que outros pasearon pola cidade vella e as súas rúas.
No desprazamento cara o Mosteiro de Santa María de Oia gozaron das magníficas vistas cara ao Océano escoitando diferentes historias como o tráxico relato dos asasinados polos falanxistas na famosa "Volta dos nove".
A visita guiada ao Mosteiro de Oia con orixes no século XII constituiu un dos pratos fortes do día. Os excursionistas percorreron as dependencias do monumento, en fase de conservación e recuperación, admirando a arquitectura e a historia do lugar, vinculada ao mar e con épocas moito máis penosas como o momento, na Guerra civil e na ditadura, no que foi un "campo de concentración" onde eran recluídos os presos republicanos. O pequeno museo realizado con trozos de parede de xeso pintados polos presos causou fonda impresión entre os visitantes.
Antes do xantar, celebrado nun parque ao aire libre tiveron ocasión de achegarse á fortaleza de Santa Cruz, na Vila da Guarda.
Non podía faltar a subida ao monte de Santa Trega, onde visitaqron o museo e o poboado castrexo que alí se atopa.
A última etapa levou aos ouzandeses á vila da Guarda, cuxo fermoso paseo marítimo percorreron a última hora da tarde,
Un ano máis o espíritu de convivencia e bo humor trunfou na actividade, agardando todos e todas por unha nova edición.

 PODES VER AS FOTOS DA EXCURSIÓN PICANDO NA IMAXE  



martes, 2 de maio de 2023

EXCURSIÓN ANUAL DA FERVENZA DE OUZANDE

VOLVEMOS ANDAR CAMIÑOS

Despois destes anos de forzoso parón volvemos coas excursións da Fervenza de Ouzande

EXCURSIÓN A BAIONA, OIA E A GUARDA
Programa:

9.00. Saída (Igrexa de Ouzande)
10.30. Café e paseo  por Baiona
11.45. Chegada a Oia e Visita guiada ao Mosteiro de Santa María de Oia
13.15. Visita Fortaleza de A Guarda
14.00. Xantar ao aire libre (cada persoa levará o seu)
16.00. Visita ao Castro de Santa Trega.
18.00 A Guarda. Paseo e tempo libre na vila de A Guarda
21:00. Chegada a Ouzande

Prezos (inclúen entradas ao Mosteiro de Oia e Castro de S. Trega)
15 euros para persoas socias
10 euros para persoas socias menores de 18 anos
20 euros para persoas non socias

Inscricións
enviando correo a carreirosouzande@gmail.com
na Taberna de Ouzande: 986570285

Recomendamos levar roupa e calzado cómodo e estar atentos/as ás predicións metereolóxicas.
En caso de chuvia, comeremos a cuberto.

Ánimate a probar a experiencia de ir de excursión coa Fervenza de Ouzande. 

sábado, 29 de abril de 2023

As imaxes do obradoiro de cestería con Capixuta

 Tal como anunciamos, o pasado 22 de abril, un  grupo de dez persoas tivo o privilexio de gozar dun obradoiro de cestería guiado por Capixuta. Realizaron, nunha entretida e amena tarde no local, cadanseu cestiño. Quedaron con ganas de máis. Nós tamén. Picando na imaxe podes ver máis fotos da actividade


martes, 25 de abril de 2023

Volven as rutas da Fervenza de Ouzande. Imos andar outra vez.

O próximo luns, 1 de maio, IMOS ANDAR outra vez. 

A Fervenza de Ouzande recupera o seu programa de rutas a pé, IMOS ANDAR, coa realización da RUTA DOS MONTES DA SOMOZA E OUZANDE que terá as seguintes características:

PERCORRIDO: 10 quilómetros, atravesando os montes das parroquias de Ouzande e A Somoza, reparando en diferentes puntos de interese. 
DIFICULTADE: baixa
MATERIAL: roupa cómoda, calzado apropiado para monte, e ter en conta a predición meteorolóxica.
SAÍDA: 10:00 (Igrexa de Ouzande)
REGRESO: 13:00h (Igrexa de Ouzande)
 
A actividade só se suspenderá en caso que as condicións climatolóxicas adversas non permitan a súa realización.

PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido habemos atopar os seguintes puntos de interese:
 
Montes da Somoza. No transcurso da ruta pola esta parroquia atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que pasaremos no percorrido. Circularemos pola aba do Monte Pedroso, un dos máis altos da contorna, con magníficas vistas panorámicas. Cruzaremos tamén o pequeno lugar de Bargo, na parroquia da Somoza, con algunhas construcións da nosa arquitectura rural tradicional.

-Muíños da Fervenza de Ouzande. Conxunto formado por sete muíños distribuídos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do S. XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros...). Destaca a orografía que crea neste punto a famosa Fervenza,  e son numerosos os cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta.
Mapa da ruta

mércores, 12 de abril de 2023

CURSO DE CESTERÍA EN OUZANDE

A AC A Fervenza de Ouzande inicia o seu programa de actividades de primavera coa celebración dun CURSO DE CESTERÍA no local social.
A actividade celebrarase na tarde do sábado 22 de abril de 16:00 a 20:00 horas e teremos como guía da mesma á artesá estradense Capixuta.
O curso ten prazas limitadas (10) e consistirá na realización de dúas pezas: un cesto e unha tulipa para unha lámpada elaboradas con ratán.
O prezo é de 10 euros para as persoas socias e 15 para as non socias.
As persoas interesadas poden inscribirse no correo da asociación: carreirosouzande@gmail.com ou na Taberna de Ouzande (986570285)
Capixuta é a marca comercial e artística da artesá estradense Juana Veiga Castro, que destacou nos últimos anos coa elaboración de pezas moi variadas e orixinais, que vende en diferentes tendas e a través de internet. Tivo moita sona o corpiño da súa autoría que levou a actriz galega María Castro recentemente no Festival de cine de Málaga, presentando a súa coñecida película Matria.
O programa de actividades de primavera terá continuidade no mes de maio coa recuperación do programa IMOS ANDAR de rutas a pé e a excursión anual.


martes, 14 de febreiro de 2023

ASÍ FOI A XUNTA XERAL ANUAL DA FERVENZA DE OUZANDE 2023

Este domingo, 12 de febreiro, pola tarde, tivo lugar a Xunta xeral da AC A Fervenza de Ouzande, que por causa da pandemia no se celebraba dende principio de 2020.

Tres anos despois, case medio cento de socias e socios se achegaron ao local social de Ouzande, volvéndose a encontrar despois deste longo período.

A actividade social do colectivo xa se iniciara no pasado mes de outubro coa posta en marcha curso 2022- 2023 que ofrece clases de gaita, percusión, pandeireta, canto e baile tradicional, nas que participan unhas 25 persoas. Este inicio, aínda que modesto, animou á directiva da Fervenz de Ouzande a iniciar e normalizar a vida asociativa coa convocatoria desta xunta anual, que tan boa acollida tivo.
Na mesma aprobaronse os informes sociais e económicos deste período no que a vida asociativa se reduciu practicamente na súa totalidade.
Tamén se proxectaron videos temáticos da actividade desenvolvida pola asociación nos máis de 20 anos de dinamización sociocultural da parroquia de Ouzande e que se foron elaborando nestes anos de parada forzosa (https://www.youtube.com/@afervenzadeouzande/videos). Foi o momento sen dúbida máis emotivo da reunión, e que permitiu recordar o proceso de crecemento colectivo e compartido por tantas ducias de ouzandeses e doutros lugares. A reunión rematou cunha merenda de confraternidade a base de chocolate con rosca.
Nesta reunión procedeuse á renovación da Xunta Directiva, que queda constituída por 17 persoas  (10 mulleres e 7 homes) e na que se produciron catro incorporacións, todas elas de mozos e mozas novas procedentes das clases de música e do grupo Retrouso, vinculado á asociación. No resto da directiva cabe destacar o nomeamento de Noelia Bouzón Docampo como vicepresidenta da mesma:

Presidente: Xabier Camba Sanmartín

Vicepresidenta: Noelia Bouzón Docampo

Secretario: Manuel Rosende Torres

Tesoureira: Laura Herraiz Cabanas

Vogais: Mari Luz Rodríguez Pazos,  Rosa Herraiz Cabanas, Isabel Durán Parada, Manuel Bouzón Fernández, Manuel Porto Gestoso, Cristina Riveira Porto, Manuel Uzal Docampo, Almudena Serantes Puente, Patxi López Durán, Inés Bugallo Puente, Ana Gestoso Froján, María Trioitiño Seoane e Pablo Neiro Mogo. Picando AQUÍ  podes ver as mellores fotos da reunión.

 
 
 


 

sábado, 11 de febreiro de 2023

Convocatoria Xunta xeral anual 2023


Convócase Xunta Xeral anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 12 de febreiro de 2023 ás 6 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:

 
1. Informe de xestión (Inclúe proxección de vídeos repasando a historia de máis 20 anos de asociación)
 
2. Elección de Xunta Directiva
 
3. Previsión de ingresos e gastos para o ano 2023
 
4. Programación anual.
 
5. Rogos e preguntas.
 
Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e rosca.
 
En Ouzande, A Estrada, febreiro de 2023
 
PD.
Na reunión estarán xa a disposición de todos os socios e socias os recibos da cota anual deste ano. Despois da reunión quedarán á túa disposición na Taberna de Ouzande.
 
Despois de 3 anos volvemos encontrarnos. Non faltes!
 
Estamos á túa disposición no correo: carreirosouzande@gmail.com