xoves, 21 de abril de 2016

Roteiro teatral na Fervenza de Ouzande

O próximo domingo, e por segundo ano consecutivo, celebrarase en Ouzande unha nova edición do Roteiro Teatral, poético e musical, organizado pola Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada e coa colaboración da AC A Fervenza de Ouzande. Están previstas unha serie de intervencións teatrais e musicais, nas que participarán os compoñentes do grupo de teatro escolar e tamén veciños e veciñas da parroquia. Os asistentes, chegados de diferentes lugares do país ( Palas de Rei, Laxe, Touro ou Melide) comezarán o roteiro ás 12:45 horas, e terá a fronte a Igrexa parroquial.
Esta semana o grupo de teatro Avelaíñas, do IES Antón Losada, estivo preparando as diferentes intervencións na contorna da Fervenza de Ouzande:


Esa mesma mañá, a aula de Teatro "Avelaíñas Teatro" e o clube de lectura Retelladores do Galiñeiro, do IES Antón Losada Diéguez, porá en marcha o IV Festival de Teatro Escolar. O certame reunirá a cinco grupos de teatro chegados desde Palas de Rei, Touro, Laxe, Melide e o propio municipio estradense. Así, o festival comezará ás 11.00 horas no Teatro Principal da vila, a cuxas táboas subirán o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, a aula de Teatro do CPI de Touro, a Escola Municipal de Laxe, a aula de Teatro do IES de Melide, Teiroa Teatro, e os actores do IES Antón Losada Diéguez. Poñerán en escena a obra Variedades.