martes, 21 de novembro de 2017

Xornada de formación e reflexión da Directiva da Asociación



Onte domingo 19 de novembro tivo lugar unha xornada de formación, reflexión e análise da situación asociativa da AC A Fervenza de Ouzande. Esta xornada estaba destinada a Xunta Directiva da Asociación e tiña como obxectivo facer unha descrición da situación actual do colectivo de Ouzande así como analizar as perspectivas de traballo futuro da mesma. Despois de 16 anos de traballo asociativo ininterrompido, a Xunta Directiva considerou  necesario facer unha reflexión sobre o realizado ata agora, así como o futuro próximo da entidade, tratando de que esta continúe contribuíndo ao desenvolvemento cultural e sociocomunitario da parroquia. 

Para garantir a calidade do debate e da análise dos contidos citados contouse coa colaboración dun dos mellores coñecedores do ámbito no que traballamos, o Técnico de Animación Cultural no Concello de Vedra e Educador social, Iván García García, tamén profesor na Falcultade de Ciencias da Educación.

A xornada tivo lugar no albergue de Sabucedo e prolongouse durante todo o domingo. Os dez asistentes da directiva compartiron o xantar no propio albergue.


O encontro resultou enormemente enriquecedor, e a través de diferentes dinámicas propostas polo ponente, fíxose un repaso pola historia asociativa da Fervenza, e as súas potencialidades cara ao futuro, pero tamén se reflexionou sobre a importancia de conceptos como a participación de calidade, planificación e organnización, democracia cultural, etc.
 


O relator tamén expuxo un resume de boas prácticas asociativas baseado na experiencia do Concello de Vedra, que con 12 parroquias e 5000 habitantes conta con perto de 80 asociacións en activo.

Os participantes aproveitaron para gozar da riqueza patrimonial e paisaxística de Sabucedo, realizando un percorrido pola parroquia e a contorna dos muíños da mesma.

Picando na imaxe podes acceder a máis fotos do encontro:

https://photos.app.goo.gl/EbkqErHCGtCTUzQm1
 


As imaxes da Festa Doutono 17

Noite animada a do pasado 4 de novembro en Ouzande. Un bo número de persoas achegouse ao campo da festa a celebrar a Festa de Outono. Castañas, chourizos, viño novo, doces de outono e moita música e festa. Estiveron con nós as Carabuñeiras de Vea. Pasámolo moi ben.

Pica na imaxe para ver todas as fotos do evento:

https://photos.app.goo.gl/4bfqnCZYhlcYcVpn2