xoves, 27 de decembro de 2012

filmOU 2012


FilmOU. Domingo 30 de decembro de 2012
A partir das 5 da tarde, sesión de tarde de cine no local social de Ouzande. Proxectaranse documentais sobre as distintas actividades levadas ao cabo pola asociación durante o presente ano 2012 (excursión, rutas, ciclo festivo anual, actividades musicais, etc.). Ademais a asociación ofrece unha merenda para acompañar o visionado e coloquio sobre os videos que se proxectarán. Tanto se participaches nalgunha actividade neste ano, como se non, gustaríanos contar coa túa presenza. É para todos e todas.

mércores, 26 de decembro de 2012

imaxes da III Feliz Ruta de Nadal en Ouzande

A pesar das negativas previsións meteorolóxicas coas que amenceu o día de nadal, un grupo de 21 persoas respondeu á convocatoria da AC A Fervenza de Ouzande e partiu puntual, ás 10:30 horas da igrexa de Ouzande, cara os montes da parroquia e das veciñas de Arcos e a Somoza. Na maior parte do recorrido a chuvia respectou aos camiñantes, aínda que fixo acto de presenza na metade do percorrido, á altura da Lagoa de Zoo, cun intenso chuvasco que non mingüou os ánimos dos camiñantes. Na baixada cara a Ouzande, os participantes atravesaron os dominios de Monte Cabalar, disfrutando de magníficas vistas e da contemplación do gado que pacía tranquilamente por estes montes. Pasadas as 13:30 da tarde, despois de case 14 km e tres horas de animada camiñata, os andaríns chegaron ao punto de partida satisfeitos co esforzo realizado nunha mañá diferente de Nadal. Mollados, pero contentos, ficaron emprazados para as novas rutas que a Asociación programará na estación primaveral de 2013.

Concerto de Retrouso no Principal da Estrada

Aquí deixamos as imaxes dun día inesquecible. O 30 de novembro ás 9 da noite o grupo ouzandés Retrouso presentaba o seu primeiro disco, OU, no Teatro Principal da Estrada. Magnífico concerto e magnífico espectátulo o que nos ofreceron. Sirvan estas imaxes de agradecemento e homenaxe da Fervenza de Ouzande. Aí van desde os momentos previos á resaca do día seguinte.