martes, 23 de setembro de 2014

Inicio das clases de música e baile tradicional en Ouzande. Curso 2014-2015

O pasado sábado, 20 de setembro, presentouse o novo curso 2014-15 de Música, canto e baile tradicional en Ouzande.
As clases darán comezo o próximo sábado 4 de Outubro no seguinte horario: 

Mañá:
10:30 a 11:30 ACORDEÓN. Profesor: Marcos Varela. 
10:30 a 11:30 TAMBORIL. (Iniciación) Profesor Xosé Martíns, Fofi
11:30 A 12:30 GAITA (Iniciación) Profesor Marcos Varela.
11:30 a 12:30 TAMBORIL. (Avanzado)Profesor Xosé Martíns, Fofi
12:30 A 13:30 GAITA (Avanzado) Profesor Marcos Varela. 
 
Tarde:
16:30 PANDEIRETA. Profesora Silvia Martínez
20:30 BAILE. Profesora Silvia Martínez

Noite:
22:00 a 23:00 CANCIÓNS TRADICIONAIS Profesor Marcos Varela.

Se estás interesado/a achégate o día indicado no horario establecido.
Máis info no correo: carreirosouzande@gmail.com

Aí quedan as mellores imaxes da presentación, á que asistiron un bo número de persoas interesadas. Compartimos merenda e rematamos con música, cancións e baile.

ANÍMATE. Como mínimo, vaste divertir!


mércores, 17 de setembro de 2014

BAILAS? CLASES DE MÚSICA E BAILE EN OUZANDE. CURSO 2014-2015



CURSOS DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL 2014-2015

Dan comezo as clases deste novo curso. A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a unha reunión de presentación do curso que terá lugar o próximo sábado 20 de setembro no local social de Ouzande ás 4 e media da tarde.

As clases que poñeremos en marcha serán:
- Gaita
- Pandeireta
- Tamboril
- Baile
- Acordeón
- Cancións tradicionais


Na reunión informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA, BAILE que terán lugar os sábados pola tarde, e das clases de ACORDEÓN, GAITA E TAMBORIL, que se celebrarán os sábados pola mañá. TAMÉN SE INFORMARÁ DO HORARIO DO GRUPO DE CANCIÓNS TRADICIONAIS, que se celebrará os sábados pola noite.
No curso pasado, foron máis de sesenta as persoas matriculadas nestas especialidades musicais, de todas as idades.

Tamén convidamos ás persoas participantes nas diferentes clases e a todas as interesadas a traeren os seus instrumentos para interpretaren algunha peza e facer algo de festa. Para rematar a reunión a Asociación convida a uns pinchos de merenda.

As persoas interesadas poden inscribirse na propia reunión ou a traves do correo carreirosouzande@gmail.com. Tamén na Taberna de Ouzande (986570285)

martes, 16 de setembro de 2014

Imaxes VII Fervenza de Músicas 2014

Magnífica noite de festa a do pasado 12 de setembro no Campo da Festa de Ouzande. Moita asistencia e participación nunha foliada animada por A Xuntanza de San Pedro, Vou Vir Vor Ver, Milgrandeira, Recanto e Retrouso de Ouzande. Aí quedan as mellores imaxes:


OUTONO NA FERVENZA DE OUZANDE

O outono 2014 vai chegando...

mércores, 10 de setembro de 2014

TODA A INFO SOBRE A FERVENZA DE MÚSICAS 2014

 

A AC A Fervenza de Ouzande presenta a sexta edición da FERVENZA DE MÚSICAS, dirixida especialmente á promoción e divulgación da nosa música, tal como ven facendo desde a súa fundación, a través do desaparecido festival Músicas da Terra, ata 2007, ou coas clases de música tradicional que se desenvolven no local social de Ouzande.
A iniciativa, xa consolidada nas seis anos anteriores, cumpre o obxectivo fundamental de posibilitar o intercambio cultural e musical con outras iniciativas e grupos semellantes, achegando agrupacións da comarca e de comarcas próximas. Trátase de agrupacións de música tradicional e popular pero con formas ben distintas de achegarse á musica galega deste tipo, dando mostra da riqueza e variedade da mesma, obxectivo que tamén está nas nosas intencións.
Tamén está nas motivacións da actividade o feito de incluír no programa das festas parroquiais (Festas do Socorro de Ouzande) unha actividade musical diferente nas que a música tradicional e popular teña cabida e sexa a principal protagonista. En consecuencia FERVENZA DE MÚSICAS está incluída en dito programa de festexos que organiza a Xunta Parroquial de Ouzande.
As actuacións dos grupos convidados serán todas elas “a pé de campo”, mesturándose entre o público , tratando así de recuperar o sabor e ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior participación posible dos asistentes.
O programa desta VII Foliada será o seguinte:
Día: Venres, 12 de setembro de 2014
Hora: 22:00 h.
Lugar: Campo da Festa de Ouzande.
Haberá posto de polbo e churrasco, así como servizo de bar.

Actuacións Musicais:
Milgrandeira (A Estrada)
Milgrandeira é unha nova agrupación de música tradicional estradense que leva tocando dende fai un ano. Os seus instrumentistas son compoñenetes e excompoñentes da agrupación de Barbude que decidiron xuntarse para expandir as súas ansias de tocar. Durante este ano en activo tocaron en celebracións, festas e foliadas de diferentes puntos da comarca e a súa contorna. Milgrandeira está formada por: Raquel Lamazares: gaita e pandeireta; Lucía Chas: gaita; Ana Carballo: gaita; Andrea Arias: gaita; Sergio López: acordeón; Chema Cerqueiro: tamboril; Xosé Martíns: bombo.

Vou Vir Vor Ver (Santiago)
Grupo de música e canto tradicional de Santiago de Compostela que se presenta así: Había unha vez no coro dunha A.F. chamada Cantigas e Agarimos unha xentiña, mulleres e homes de todas as idades, que tiñan ganas de pasalo ben ao noso xeito, ao xeito dos galegos: cantando, tocando, bailando... música de aquí. E ás portas do mes de xuño do 2011 xuntáronse nun bar, onde se toman as decisións importantes, e crearon este proxecto. Pero pasou que xa non estaban sós porque outros moitos se lles foron arrimando e crearon así un mosaico violeta ben xeitoso. Estreáronse nos Cantos de Taberna do Folk in Río(Touro) e dende aquela seguen armando festa e coidando, como mellor saben facer, de que a nosa tradición siga viva e ben viva.

A Xuntanza de San Pedro (Santiago)
Grupo de Gaitas da Xuntanza xurdido hai máis dunha década no seo desta asociación veciñal do carismático barrio da capital de Galicia. Unha ducia de gaiteiros e gaiteiras que veñen amenizando festas e foliadas de Santiago e de diferentes puntos da nosa comunidade. Proxecto interxeracional de amantes da nosa música.



 
Retrouso (Ouzande)
Fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O ano 2012 presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional. Preparan a gravación do seu segundo traballo. 

Recanto (Ouzande)
Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, ese mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, e participou en foliadas e certames de cantos de Taberna en Trazo, Arzúa ou Santo André de Vea
Cómpre subliñar que esta actividade se realiza cos recursos propios da Asociación, así como a colaboración da Xunta Parroquial de Ouzande, e sen ningún tipo de subvención das entidades públicas oficiais. Neste sentido, queremos agradecer publicamente a boa disposición de grupos e músicos convidados, que sumarán perto de medio cento de persoas.
Ao mesmo tempo convidamos a todos e a todos os veciños da Estrada e a súa contorna a traer os seus instrumentos musicais, para poñer remate á festa como é debido.
TAMÉN HABERÁ UN STAND DA ASOCIACIÓN NO QUE SE PORÁN Á VENDA AS CAMISETAS OFICIAIS DESTE ANO 2014. O DESEÑO RURAL FAXION DE ROSA DE CABANAS.









xoves, 4 de setembro de 2014

VII Fervenza de Músicas en Ouzande


VII FERVENZA DE MÚSICAS 2014
A Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande presenta a sexta edición da FERVENZA DE MÚSICAS, VII Foliada de Música Tradicional para estas festas. A cita musical terá lugar o próximo venres, 12 de setembro, a partir das 10 da noite no Campo da Festa de Ouzande, dentro do programa das Festas do Socorro organizadas pola Xunta Parroquial. Os grupos convidados son:
Milgrandeira (A Estrada)
Vou Vir Vor Ver (Santiago)
A Xuntanza de San Pedro (Santiago)
Retrouso (Ouzande)
Recanto (Ouzande)

Haberá posto de polbo e churrasco. Tamén teremos un posto de venda de camisetas. Mentres tanto, seguen á venda na taberna de Ouzande as camisetas do verán 2014. Poderás lucir un fermoso deseño RURAL FAXION.



Imaxes unha noite no muíño 2014

A actividade tivo unha estupenda resposta pois foron bastantes as persoas que se achegaron a pasar Unha noite no muíño no contorno da Fervenza de Ouzande. Foron recibidas, desde as dez da noite polos misterioros trasnos do monte, que penaban polas congostras cumprindo penitencia dos seus males.
Arrepiantes sons saídos da espesura do bosque arrincaban gritos estarrecedores dos participantes ata chegar ao Muiño da Fervenza onde foron dispoñendo todo o neceserario para unha cea en compañía. Ala pola media noite os misteriosos seres da fervenza foronse concentrando no Muiño, escoltados polos gaiteiros que se achegaron á festa. Alí fixeron un rito de esconxuro no que expiaron os seus "pecados"
Despois da cea e da conversa deu comezo a foliada na que participaron gaiteiros e gaiteiras dos grupos Retrouso e Milgrandeira. Tamén se cumpriu, un ano máis, co rito do conxuro da queimada, que logos degustaron todos os festeiros.
Despois de horas de foliada, festa, baile e cancións a madrugada levou consigos a festeiros e trasnos, tan contentos ata a próxima noite do muíño.

fotos dos xogos agosto 2014

A chuvia impediu que puidesemos celebrar o GRAN XOGO DO CALDEIRO PENZO. Témolo gardado para o ano que ven. Aínda así xuntámonos debaixo do toldo de Porta para pasar unha tarde divertida. Os/as máis valentes....