mércores, 31 de decembro de 2014

imaxes da V Feliz Ruta de Nadal

E PARA DESPEDIR O 2014 AS FOTOS E A CRÓNICA DA RUTA DO NADAL.

Un total de 25 persoas responderon á convocatoria desta 5ª edición da Ruta de Nadal que levou aos camiñantes ao Castro de Arcos, no veciño Concello de Cuntis. Unha magnífica mañá, máis propia de outono que de inverno, serviu de marco dunha marcha de 11 km que levou aos sendeiristas desde a Igrexa de Ouzande ata o citado Castro, volvendo de regreso polo antigo encoro da Estrada e polo contorno da Fervenza de Ouzande e muíños que lucía unha espectacular paisaxe de inverno. 

De volta, a Asociación premiou aos asistentes cunha visita guiada á igrexa de Ouzande, unha das xoias do románico estradense do século XII.

venres, 19 de decembro de 2014

FELIZ RUTA DE NADAL EN OUZANDE

Atréveste? E xa van cinco...

O próximo xoves 25 de decembro, a AC A Fervenza de Ouzande inicia o co seu programa de Actividades do Inverno coa convocatoria da QUINTA edición da Ruta de Nadal. Na mesma percorreremos o Roteiro do Castro de Arcos.



A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Disfrutaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa. A actividade é gratuíta.



Hora de saída: 10:30, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.



Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.



DATOS DA RUTA

Percorrido: 11 km

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

-Castro de Arcos. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.

-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que históricamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande.

-Congostra dos lobos. Para chegarmos á aldea de Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas historias de lobos.

-Fervenza e muíños de Ouzande. Contorno de 7 muiños e un pozo. No camiño de volta atravesaremos este contorno, que da nome á asociación. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...). 

Retrouso e Recanto nas Noites de Raíz en Callobre

Os nosos amigos e amigas de Regato de Matamulleres convidaron á primeira edición das Noites de Raíz de Callobre aos grupos Recanto e Retrouso de Ouzande. Alí estiveron o pasado sábado 13 de decembro.



imaxes camiño ecolóxico en Ouzande

O pasado 12 de decembro a asociación puxo o ramo ao programa OUTONO NA FERVENZA DE OUZANDE coa charla divulgativa CAMIÑO ECOLÓXICO. Representantes da Fundación para o desenrolo ecolóxico de Galicia expuxeron as vantaxes medioambientais e económicas dun aproveitamento ecolóxico das nosas fincas. O público participou de forma activa con moitas observacións e preguntas que foron respondidas polos ponentes: Manuel Barcala, Nicolás Andión e Alfonso Uzal. Aí quedan as imaxes:


luns, 8 de decembro de 2014

camiño ecóloxico en ouzande

O próximo venres 12 de decembro terá lugar unha charla divulgativa no local social de Ouzande que comezará ás 8 e media da tarde.
Estará impartida por representantes da Fundación para o Desenrolo Ecolóxico de Galicia co título de “Camiño ecolóxico”. Explicarán as vantaxes de todo tipo que pode ter dedicar as nosas fincas a cultivos ecolóxicos, tanto económicas como medioambientais.
Aclararán as nosas dúbidas sobre que tipo de produtos son os mellores para cultivar, así como o mellor xeito de tirarlle a maior rendibilidade económica, aproveitando así as propiedades que moitas veces temos descoidadas e sen producir.
A entrada é de balde parta todas as persoas interesadas.