luns, 22 de outubro de 2018

Ruta de Outono 2018. CAMIÑO DO RÍO GALLO


RUTA DE OUTONO. Camiño do RÍO GALLO
A Asociación da comezo á súa programación de actividades de outono coa realización dunha ruta a pé.
Terá lugar o próximo domingo 28 de outubro e nela poden participar todas as persoas interesadas. Trátase dunha actividade gratuíta e a inscrición realizarase no momento da partida.
A seguir achéganse todos os datos da mesma e infórmase que a actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatolóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma.
Datos:
Saída: 9:30 da mañá.
Chegada: 13:30
Lugar: Igrexa de Ouzande
Dificultade media-baixa.
Distancia: 12 km
Recoméndase levar un bo calzado de ruta, así como roupa apropiada para a época do ano, e atender ás previsións meteorolóxicas.

Puntos de Interese
- Fonte do Redondo. Perto da saída atravesaremos o fermoso contorno da Fonte do Redondo, en Ouzande, onde a auga abrolla directamente desde o chan.

- Montes de Ouzande. O percorrido inclúe na súa primeira parte camiños a través dos montes da parroquia, onde se combinan masas de árbores autóctonas, de extraordinaria beleza, con outras de coníferas e foráneas.

-Castro de Arcos. Rodearemos este fermoso promontorio no noso percorrido.

-Montes de Arcos. Percorreremos parte dos frondosos bosques dos Montes de Arcos, con masas arbóreas autóctonas de carballos, castiñeiros e acivros.

-Río Gallo. Atravesaremos o Río Gallo, perto do seu nacemento, moi próximo ao límite da parroquia de Ouzande, A Somoza e Arcos. Paraxe fermosa con numerosos saltos, estanques e flora típica de ribeira.

-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que historicamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande.

-Muíños da Fervenza de Ouzande. Contorno de 7 muiños e un pozo. No camiño de volta atravesaremos esta contorna, que da nome á asociación. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...).

 Mapa da ruta