martes, 31 de outubro de 2017

Festa DOUTONO en Ouzande.



A Asociación continúa co seu programa DE OUTONO, coa celebración da Festa de Outono que terá lugar o próximo sábado 4 de novembro de 2017.
A partir das 20:30 da noite no Campo da Festa de Ouzande celebramos a festa das castañas en Ouzande.

Haberá castañas asadas e viño novo, de balde para todos os asistentes.

Este ano volveremos ter novidades gastronómicas interesantes para facer unha festa máis doce para todos:

-Degustación de pasteis e doces elaborados con castañas  e produtos do outono cociñados por socios e socias. 

SE TI QUERES, PODES TAMÉN TRAER O DOCE FEITO POR TI E COMPARTILO.

-Tamén teremos un servizo de bar con chourizos asados a prezo módico para completar a festa.

Non faltará a música cos compoñentes de RETROUSO,  e co grupo de cancións RECANTO.
Nesta ocasión contaremos coa participación musical do grupo de S. André de Vea, AS CARABUÑEIRAS DE VEA.

As imaxes da Ruta Doutono en Ouzande. 2017

Ruta dos Montes da Somoza e Ferreiros

Domingo 29 de outubro de 20017.
Un total de 40 persoas de todas as idades e chegadas da parroquia de Ouzande e de diversos lugares da contorna cumpriron co percorrido previsto. Foron recibidos por unha mañá luminosa e de agradable temperatura que permitiu realizar o traxecto de xeito pracenteiro. Os camiñantes gozaron da paisaxe e da conversa nas máis de tres horas de paseo. Quedaron citados para a proxima ruta da Fervenza, que será a do 25 do mes próximo, día de Nadal.

Se picas na imaxe poderas ver as mellores fotos da ruta:

https://photos.app.goo.gl/8z7vUW0381qf88LR2

martes, 24 de outubro de 2017

Ruta de Outono en Ouzande


Despois de dous anos, recuperamos as rutas de Outono. Nesta ocasión realizarmos a Ruta dos MONTES DA SOMOZA E FERREIROS.
Terá lugar o próximo domingo 29 de outubro e nela poden participar todas as persoas interesadas. Trátase dunha actividade gratuíta e a iscrición realizarase no momento da partida.
Hora de saída: 10:00, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.
11 km de percorrido, dificultade baixa.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
A ruta só se suspenderá se as condicións metereolóxicas impiden a súa realización.
LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese: 
-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que historicamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande. 
-Congostra dos lobos. Para chegar a Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas historias de lobos.
-Fervenza e muíños de Ouzande. Contorno de 7 muíños e un pozo. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...). 
-No transcurso da ruta atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que cruzaremos no percorrido.

Recanto e as gaiteiras da Fervenza de Ouzande na Fuliada de Santo André de Vea.

O pasado sábado, 21 de outubro, o grupo Recanto, acompañado das gaiteiras da Fervenza de Ouzande, participaron na Foliada de Santo André de Vea, que organizan magnificamente as Mulleres Rurais da parroquia. Moita música, castañas, e chocolate para quecer a noite. Aí quedan algunhas imaxes. Todas picando AQUÍ.



Inicio das Xuntanzas para Tecer.

O pasado 9 de outubro comezaron as Xuntanzas para Tecer. Podes achegarte calquera luns de 8 a 10 da noite no local de Ouzande. Aí quedan as imaxes:







As clases da Fervenza de Ouzande en marcha, curso 2017-18

Aí quedan as imaxes do inicio das clases deste curso. Aínda queda sitio para ti. Deixamos tamén o horario semanal. Picando na foto poderás ver as mellores imaxes das clases.

https://photos.app.goo.gl/tuXJWAC0e0Pf9nlT2

Horario

sábado, 7 de outubro de 2017

VOLVEN AS XUNTANZAS PARA TECER






SEGUIMOS TECENDO.
Por terceiro ano consecutivo a Asociación leva adiante esta iniciativa, que tivo as súas orixes nun curso de tear realizado en 2014. 
No curso 15-16 o curso reconverteuse, por iniciativa das participantes nunhas XUNTANZAS PARA TECER, no que as participantes se reunían semanalmente para tecer aprendendo unhas das outras. 
Despois do éxito destas xuntanzas, convocamos a todas as persoas interesadas a poñer de novo en marcha as XUNTANZAS PARA TECER. Será o próximo luns día 9 de outubro, ás 8 da tarde no Local do Campo da Festa de Ouzande. 
Nesta primeira reunión poñerémonos de acordo para organizarnos e comezar a tecer. Tear, ganchillo, calceta.... Pode escollerse calquera modalidade ou material, como a la ou o trapillo. O caso é facelo en compañía e aprendendo unhas das outras. Compartindo o que sabemos, compartindo contos e pasando o tempo xuntos e xuntas.
As xuntanzas serán todos os luns ás 8 da tarde no Local do Campo da Festa.
Pode participar quen queira, homes, mulleres, mozos e mozas. A actividade é gratuíta.