xoves, 25 de agosto de 2016

Pola tarde no Muíño.

O próximo sábado a AC A Fervenza de Ouzande convoca a todas as persoas interesadas a unha tarde de limpeza e merenza na contorna da Fervenza de Ouzande.

Tomando como encontro o Muíño do Rubio, os participantes teñen que traer os seus utensilios para a limpeza da maleza a partir das 5 da tarde.

Unha vez rematada a mesma, sobre as 8 da tarde, a Asociación convoca a unha merenda de convivencia á que pode asistir quen o desexe, aínda que non participase na limpeza. A merenda é un convite da AC A Fervenza de Ouzande.

Cómpre dicir que non hai moita maleza que desbrozar pois estes traballos realízanse todos os anos, desde a fundación da asociación alá por 2001. Véxanse imaxes seguintes:


                                          Antes

                                          Despois



                                          Antes
 
                                          Despois

                                         



                                          Antes
                                          Despois


Participa na limpeza.
ENTRE TODOS E TODAS CONSERVAMOS E COIDAMOS O NOSO PATRIMONIO.


Preparando os Oulímpicos 16 en Ouzande

Pinchando na imaxe podes acceder ás imaxes da preparación da pasada edición dos IV Xogos Oulímpicos de Ouzande.

https://goo.gl/photos/MsgGWHZTi8QhRTYM7

mércores, 24 de agosto de 2016

Imaxes IV Xogos Oulímpicos 2016


Se pinchas na imaxe poderás acceder ás mellores imaxes da cuarta edición dos Xogos Oulímpicos celebrados en Ouzande o pasado 14 de agosto:

https://goo.gl/photos/HDDCrdQ3HyKGeuD48


No Portal de Noticias podes ler unha crónica do evento e ver máis imaxes.




xoves, 4 de agosto de 2016

IV Xogos Oulímpicos. Ouzande 2016






ASOCIACIÓN CULTURAL A FERVENZA DE OUZANDE

Ouzande 2016. Ano OUlímpico.



IV XOGOS OULÍMPICOS

O próximo domingo día 14 de agosto, coincidindo coas Festas de San Lourenzo, a AC A Fervenza de Ouzande organiza os cuartos “Xogos Oulímpicos”, a partir das 6:30 da tarde no Campo da Festa. A actividade destinada a público de todas as idades constará dos seguintes xogos e deportes:



Baixada de augas mansas

Levantamento de carozo

100 metros pavón

Baloncegho

Xincarreta

Biciclentas

Saltos sincronizados

Rebola bóla

Pikachocú


Horario:
18:30 Inscrición (Gratuíta)
19:00: Chegada do Fachico Oulímpico e  Desfile Oulímpico con todos os participantes
19:30. Probas Oulímpicas.
21:00: Entrega de Medallas e coroas oulímpicas.
 

Haberá Bebedeiro Oulímpico para os participantes.

Tamén teremos camisetas á venda.



Músicas da Fervenza de Ouzande na Festa Implicada no Areal.

O pasado de xullo o grupo estradense da ONG Implicadas no Desenvolvemento organizou unha foliada no Areal do Río Ulla, en Berres, co motivo de recadar fondos para a entidade.
A Fervenza de Ouzande participou activamente a través da actuación de varias agrupacións como As Estribillos, Retrouso, Recanto e o grupo Chafarís do que fan parte músicos ouzandeses e os nosos profes Marcos e Fofi.
Na romaría tamén se puido ver a cesta de produtos que sorteaba a ONG entre os que destacaba a MANTA realizada polas mulleres das Xuntanzas pra tecer da Fervenza de Ouzande.
Aí quedan unhas imaxes da festa:






mércores, 3 de agosto de 2016

Lumeiro 2016

Este ano non fixo falta nin anuncialo. Un bo grupo de xente de todas as idades foise achegando ao Campo da Festa de Ouzande para preparar e celebrar a Festa do Lumeiro. Recollemos plantas e flores para facer a auga de flores, preparamos un lindo home do saco para guindalo ao lume, asamos chourizos, comemos, bebemos, cantamos, tocamos e bailamos. Anotamos todo o que queriamos queimar, metémolo no saco e ao lume. Festa.

Aí quedan as imaxes:

15 anos da Fervenza de Ouzande en imaxes. 2001-2016

Fixemos un video coas imaxes da nosa historia

Un pouco de historia
É para A Fervenza de Ouzande unha enorme satisfacción chegar a este 15º aniversario despois de realizar perto de 300 actividades puntuais dende a súa fundación no verán de 2001.

Desde o proceso de constitución da asociación, contando coa participación e a opinión dos veciños e veciñas ata hoxe, sempre foi intención da Asociación achegarse á xente e as súas opinións sobre o que debía ser a dinamización sociocultural da parroquia de Ouzande.

Nestes 15 anos foron moitos os obxectivos iniciais que se foron cumprindo, e mesmo foron incorporándose outros inicialmente non contemplados.
Conseguiuse recuperar, sempre coa colaboración de moitos socios e veciños da parroquia, o contorno da Fervenza de Ouzande (que deu nome á asociación) para o disfrute e o lecer da veciñanza e de todas as persoas e grupos que hoxe se achegan para o seu disfrute; case sempre co noso esforzo colectivo e sen apenas axudas de outras entidades públicas.

Recuperouse tamén o ciclo festivo anual coa celebración de actividades no antroido, lumeiro de san Xoán, magosto, canto dos reis, etc. e mocidade, especialmente nas festas patronais, e destacando seguramente os Xogos Oulímpicos que chegarán este verán á súa 4ª edición xa.

Tamén se programaron innumerables actividades para a infancia
Tamén se organizaron cursos e charlas de todo tipo, sempre tratando de ofrecer ao público contidos pouco habituais nos “circuítos” formativos do rural (curso de astronomía, p ex.) ou outros centrados no noso medio rural, focalizando sempre o tratamento deste tema no respecto ao medio ambiente e nos cultivos limpos. Cursos de cociña, musicoterapia, ximnasia, bailes de salón, micoloxía..., completaron a oferta destes anos. Pola súa novidade, no seu día, cumpriría destacar tamén as Xornadas sobre a Linguaxe das Campás, que incluían un curso práctico de campaneiro, en 2005, e que permitiu que o son das campás da igrexa de Ouzande estea recollido no Arquivo Sonoro de Galicia. Un último exemplo, e recente, de dinamización a partir de curso formativos constitúeno as Xuntanzas para tecer, que un grupo de mulleres da asociación constituíron autoxestionadamente e que deu como froito, entre outros, a Manta que se doou a ONG Implicadas, nesta mesma semana. E así ducias e ducias de horas, compartindo e aprendendo.

Presentacións de libros de escritores da parroquia e de fóra, acutacións musicais no Local Social, contacontos e magos, malabaristas, actuacións teatrais, fixeron da nosa humilde casa unha verdadeira Cidade da Cultura.

Decenas de rutas de sedeirismo pola zona, no programa Imos Andar coa Fervenza de Ouzande; unha excursión anual, e xa van quince tamén, son actividades que se foron realizando en cumprimento dos soños que tiñamos escritos naquelas intencións iniciais.

O que non estaba escrito, e que fomos construíndo de vagar, foi o que hoxe xa é unha pequena escola de música tradicional. Nas primeiras festas, nos primeiros anos, “tiñamos que buscar os gaiteiros fóra da parroquia”; hoxe en día “Ouzande exporta gaiteiros e gaiteiras”. Máis de 60 alumnos e alumnas por ano para as disciplinas de gaita, acordeón, percusión, canto e pandeireta. Un grupo de referencia na música tradicional da comarca, e máis alá, como Retrouso, con dous discos na mochila, e mais recentemente un grupo de cancións tradicionais, Recanto, e un futuro prometedor cheo de mozas e mozos gaiteiros.... son os froitos dese traballo de anos, paciencia e esforzo.

Polo camiño quedaron, sen nostalxias, pero con orgullo, o Festival Músicas da Terra, que trouxo a Ouzande as mellores agrupacións da nosa música, e a miles de asistentes, que fixeron do evento un punto de referencia musical no país. Ou a revista Carreiros, voceiro en papel da Asociación e da parroquia, que desde 2010 agarda por momentos mellores para o seu regreso.

Non sabemos que pasará dentro de 15 anos. Pero por agora SEGUIMOS TECENDO.

Crónica da Festa do 15º Aniversario da Fervenza de Ouzande


Na imaxe as 160 persoas que se xuntaron nun xantar de confraternidade, o pasado 19 de xuño no Campo da Festa de Ouzande.


 A festa contou con outras actividades:
-Venda de camisetas da asociación
-Mostra de paneis coa historia da asociación en imaxes e proxección dun vídeo coa historia da asociación, ambas actividades no Local Social de Ouzande.
-A celebración rematou cunha festa na que o alumnado das clases de música e baile tradicional que se imparten todos os sábados realizará unha serie de actuacións nas diferentes disciplinas musicais (gaita, acordeón, tambor, canto, baile e pandeireta).  Actuaron as Pandereteiras da Fervenza de Ouzande, Estribillos, Retrouso e Recanto. O grupo de baile tamén actuou nunha fermosa e calorosa tarde da que quedan aí as mellores imaxes.

Aí queda tamén o vídeo realizado Polo Portal de Noticias:



A nova tamén tivo repercusión na prensa escrita.
Faro de Vigo
 La Voz De Galicia