venres, 16 de xuño de 2023

FOLIDADA FIN DE CURSO DA FERVENZA DE OUZANDE

A Fervenza de Ouzande pon fin ao curso musical cunha foliada.

Este sábado a partir das 21 horas, no campo da festa de Ouzande, terá lugar o peche festivo das clases de música, baile e canto tradicional correspondente ao presente curso 2022-23. Despois da paréntese provocada pola pandemia da covid, volvían no pasado outono estas clases a Ouzande nas disciplinas de gaita, percusión, canto, pandeireta e baile tradicional. Unhas 30 persoas acudiron á súa cita semanal nestas modalidades, o cal supuxo a recuperación exitosa dunha das iniciativas que máis identifican á asociación.

O evento do próximo sábado iniciarase coas actuacións do alumnado a fin de  mostrar a súa progresión nas diferentes disciplinas das clases. A foliada continuará coa participación de dous grupos amigos, como son o Grupo Pena Maior de Marrozos (Compostela) e As Rebolos de Terreboredo (A Estrada). Convidamos tamén a que as persoas que o desexen traian os seus instrumentos e ganas de pasalo ben para continuar coa festa.

Haberá servizo de bar con bebidas e chourizos asados a prezos módicos.

CAMISETAS DA FERVENZA DE OUZANDE

Aproveitaremos esta actividade para poñer á venda a camiseta da Fervenza 2023, que tamén volve despois do parón pandémico. Nesta ocasión o deseño, de Rosa de Cabanas, homenaxea ao grupo da asociación, Retrouso, e ao folclore tradicional. Tamén se porán á venda bolsas(tote bag) co mesmo deseño.