luns, 30 de decembro de 2019

Así foi a X Ruta de Nadal en Ouzande

En Nadal tamén fomos andar

Un grupo de 20 persoas acudiu á cita da Fervenza de Ouzande e gozou dunha estupenda mañá de paseo con temperaturas propias doutras épocas do ano. A pesar diso aínda estaban os camiños anegados de auga das recentes chuvias, pero que permitiron, ao mesmo tempo, gozar de estupendas visións da Fervenza de Ouzande e os seus muíños e dos numerosos regatos que encontraron no seu camiño os sendeiristas. Unha vez máis reinou un gran ambiente de convivencia e camaradaría, e os participantes citáronse para a próxima convocatoria, xa na primavera.

Para ver máis fotos, pica na imaxe:

https://photos.app.goo.gl/GhUXYKmZeW6ujfQN6 

 Con esta publicación despedimos o ano 2019. Moi boas festas e feliz 2020 para todos e todas


luns, 23 de decembro de 2019

Cea das clases de música e baile.

Un ano máis, o alumnado e profesorado das clases de música e baile tradicional da asociación, xuntouse para cear e facer foliada agora que se achega o fin de ano. Coma sempre, o evento foi no restaurante o Xarro, o pasado día 13 de decembro, e serviu para intercambiar comentarios dun anos de clases, e para pasalo moi, moi ben.

Picando na foto poderás ver máis imaxes do evento:

https://photos.app.goo.gl/Z7TP3drFFZRX6DbE8

domingo, 22 de decembro de 2019

X Ruta de Nadal en Ouzande


EN NADAL TAMÉN IMOS ANDAR

O próximo mércores 25 de decembro, a AC A Fervenza de Ouzande inicia o co seu programa de Actividades do Inverno coa convocatoria da décima edición da Ruta de Nadal. Nesta ocasión escolleuse a RUTA DOS MONTES DE OUZANDE E A SOMOZA.

A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Gozaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa. A actividade é gratuíta.
A actividade só será suspendida en caso de que as condicións meteorolóxicas impidan a súa realización.

PERCORRIDO: 10 quilómetros, atravesando os montes das parroquias de Ouzande e A Somoza, polos antigos carreiros e camiños, reparando en diferentes puntos de interese. 
DIFICULTADE: baixa
MATERIAL: roupa cómoda, calzado de inverno, e ter en conta a predición meteorolóxica.
SAÍDA: 10:15 (Igrexa de Ouzande)
REGRESO: 13:15h (Igrexa de Ouzande)

PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

-Muíños da Fervenza. Conxunto formado por sete muíños distribuídos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do S. XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros...). Destaca a orografía que crea neste punto a famosa Fervenza,  e son numerosos os cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta. Debido ás recentes chuvias observaremos estampas de extraordinaria beleza.
- Montes da Somoza. No transcurso da ruta pola esta parroquia atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que pasaremos no percorrido. Cruzarmos tamén o pequeno lugar de Bargo, na parroquia da Somoza, con algunhas construcións da nosa arquitectura rural tradicional.

 Mapa da ruta

Así foi o obradoiro de xabón.

Aí quedan algunhas imaxes da actividade do programa FACÉMOLO NÓS que tivo lugar o pasado sábado, 14 de decembro. Aprendemos e pasámolo ben con Montse Fernández Búa, de Bio casa Xorxeira.


martes, 10 de decembro de 2019

FACÉMOLO NÓS. OBRADOIRO DE FABRICACIÓN DE XABÓN EN OUZANDE

Este sábado, 14 de decembro, poremos remates á programación de actividades de Outono coa realización dun Obradoiro de fabricación caseira de xabón, dentro do proxecto FACÉMOLO NÓS, que leva adiante a Asociación e que ten como fin a realización propia de diversos produtos, sempre dende un punto de vista de respecto ao medio e de aproveitamento e reciclaxe dos recuros dos que dispoñemos ao noso arredor.
Nesta ocasión contaremos, unha vez máis, con Montse Fernández Búa, agricultora ecolóxica e especialista no aproveitamento de recursos naturais para diferentes utilidades. Rexenta a Bio Tenda Casa Xorxeira na Praza de Abastos da Estrada.
O obradoiro estará destinado á autofabricación caseira de pastillas de xabón utilizando restos de aceite usado.

Ofrécense un número limitado de prazas e cada persoa debe traer o seguinte material:

-Dous litros, como máximo, de aceite usado.
-Unha bañeira pequena de plástico.
-Una caixa de cartón pequena.
-Unha batedora. (Pode compartirse entre varias persoas)

A sesión terá lugar o próximo 14 de decembro, sábado, a partir das 17:30 da tarde no local social de Ouzande.
O prezo será de 4 euros para socios e socias e de 8 euros para persoas non socias. As prazas son limitadas. 
Poderanse inscribir na Taberna de Ouzande (986570285) ou no correo electrónico da asociación carreirosouzande@gmail.com


luns, 4 de novembro de 2019

Comezan as clases de canto tradicional. Todos os martes no Local Social


Inicio das clases de canto na Fervenza de Ouzande

Mañá martes reiniciaranse as clases de canto no Local Social de Ouzande, ás 20.30 horas. Este será o horario definitivo no que se imparta esta disciplina, dentro do marco das clases de música e baile tradicional da Fervenza de Ouzande.
As clases iniciaronse en 2012 baixo a dirección do músico e profesor de gaita e acordeón, Marcos Varela. Neste curso, ante a imposibilidade de continuar co mesmo docente a asociación presenta a Miguel Ponte Liste, músico santiagués, que atesoura sen embargo unha sólida formación na música tradicional. Comezou como músico na agrupación compostelá, Pana Raiada, e na actualidade forma parte e é docente na Asociación Néboas do Cumio onde ten a cargo o grupo de acompañamento musical e imparte clase de gaita, percusión e baile. Forma parte da charanga e do grupo de pandereteiras/os da Asociación Rosalía de Castro de Cacheiras e imparte clases de canto, pandeireta, percusión, gaita e baile en diferentes asociacións da comarca de Compostela.

A AC A Fervenza de Ouzande convida a todas as persoas interesadas no horario indicado, pois aínda que hai un bo número de persoas inscritas, aínda quedan prazas libres.

 Miguel Ponte Liste

domingo, 3 de novembro de 2019

Así foi a festa dOUtono 2019 en Ouzande

Festa concorrida e animada que serviu para que os asistentes degustasen os produtos típicos do outono. Tamén houbo música e animación a cargo dos gaiteiros do grupo Retrouso. 
As mellores fotos do evento, picando AQUÍ



venres, 25 de outubro de 2019

As imaxes da ruta de Outono ao Castro de Arcos

Unha decena de persoas acudiu á convocatoria da asociación. A pesar das malas previsións meteorolóxicas, a mañá do domingo foi moi agradable para o paseo, anubrada e mesmo con momentos nos que o sol asomaba. O grupo completou o percorrido previsto facendo parada nos lugares máis destacados do recorrido e admirando a paisaxe outonal, na que destacou unha notable presenza de cogomelos de diversas especies.

Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos da ruta.


https://photos.app.goo.gl/Ta1PH2XXpYkj9y72A

martes, 22 de outubro de 2019

Festa dOUtono en OUzande. Música e castañas


FESTA DE OUTONO_MÚSICA E CASTAÑAS

A Asociación continúa co seu programa DE OUTONO, coa celebración da Festa de Outono que terá lugar o próximo sábado 26 de OUTUBRO.

A partir das 20:30 da noite no Campo da Festa de Ouzande celebramos a festa das castañas en Ouzande.  

Haberá castañas asadas e viño novo, de balde para todos os asistentes.  Tamén teremos un servizo de bar con chourizos asados a prezo módico para completar a festa.

Non faltará a música cos compoñentes de RETROUSO e convidamos aos asistentes a traeren os seus instrumentos para participar da festa

sábado, 19 de outubro de 2019

VOLVEMOS COAS CLASES DE CANTO!!!

Se estás interesado/a, se che gusta cantar, se queres probar, se o queres pasar ben..., pois entón, ven o mércores día 23 ás 21:30 horas a unha reunión informativa no local social de Ouzande.
Informarase a todas as persoas asistentes sobre a nova clase de canto que temos preparada. Contaremos cunha nova profesora, e cun novo horario.
Para todas as idades, pode participar quen queira nesta interesante actividade.

luns, 14 de outubro de 2019

RUTA DE OUTONO. Ruta ao Castro de Arcos





A AC A Fervenza de Ouzande inicia o seu programa de outono coa celebración, un ano máis, da ruta de Outono. Este ano imos subir ao Castro de Arcos, no veciño concello de Cuntis.

Domingo 20 de outubro de 2019
Hora de saída; 9:30, diante da Igrexa de Ouzande.
Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.
12,5 km de percorrido, dificultade media baixa.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
A ruta só se suspenderá se as condicións meteorolóxicas impiden a súa realización.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

Castro de Arcos. Sito no Concello de Cuntis. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.

Encoro da Estrada: Descenderemos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.

Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de gran valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muíños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes.

venres, 11 de outubro de 2019

Horarios definitivos. Clases de música e baile. Curso 2019-20

Comezou o curso 2019-20 na Fervenza de Ouzande. Aí quedan os horarios definitivos das clases.Temos prazas libres. Achégate polo local social de Ouzande nestes mesmos horarios e infórmate.

SABADO MAÑÁ


ACORDEÓN
11:15
Profesor: Marcos Varela.

GAITA (Iniciación)
12:00
Profesor: Marcos Varela.

GAITA (Avanzado)
12:30
Profesor: Marcos Varela.

TAMBORIL
11:30

Profesor: Xosé Martíns, Fofi


SÁBADO TARDE

PANDEIRETA (Iniciación)
18:00
Profesora: Silvia Martínez

PANDEIRETA (Avanzado)
19:00
Profesora: Silvia Martínez


BAILE
20:30

Profesora: Silvia Martínez
As imaxes da primeira xornada de clases picando na foto:

https://photos.app.goo.gl/RVmtEfQvusXZh8a88

venres, 4 de outubro de 2019

Inicio das clases 2019-20


Mañá sábado, 5 de outubro, darán comezo as clases de música e baile tradicional en Ouzande. Este é o horario provisional. Na próxima semana publicaremos o horario definitivo. Anímate que aínda quedan prazas libres.

SABADOS MAÑÁ



ACORDEÓN
11:30 a 12:30
Profesor: Marcos Varela.

GAITA (Iniciación)
12:00
Profesor: Marcos Varela.

GAITA (Avanzado)
12:30 a 13:45
Profesor: Marcos Varela.

TAMBORIL
11:30 a 12:30

Profesor: Xosé Martíns, Fofi

SÁBADOS TARDE

PANDEIRETA 
19:00
Profesora: Silvia Martínez

BAILE
20:30

Profesora: Silvia Martínez

Así foi a presentación das clases 19-20. Concerto de Invernía

O pasado 21 de setembro tivo lugar en Ouzande a presentación das clases de música e baile en Ouzande, nunha tarde noite chuviosa, na que a Banda de Gaitas Invernía puxo a música e a calor.
Aí quedan as fotos, picando na imaxe:

https://photos.app.goo.gl/1yhrJ3WX8QAmoncd9

venres, 13 de setembro de 2019

INICIO DAS CLASES DE MÚSICA EN OUZANDE COA BANDA DE GAITAS INVERNÍA


CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL EN OUZANDE

ACORDEÓN, GAITA, BAILE, PANDEIRETA, TAMBORIL. CURSO 2019-20

A AC A Fervenza de Ouzande comezará, un curso máis, as súas clases de música e baile tradicional cun acto de presentación e un concerto da Banda de Gaitas INVERNÍA.

A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a un acto que terá lugar o próximo sábado 21 de setembro no campo da festa de Ouzande, ás 21:30 h. Neste  informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA, BAILE que terán lugar os sábados pola tarde, e das clases de ACORDEÓN, GAITA E TAMBORIL, que se celebrarán os sábados pola mañá. As clases comezarán o PRIMEIRO FIN DE SEMANA DE OUTUBRO.

A presentación terá como colofón a actuación da Banda de Gaitas INVERNÍA, da que forman parte os músicos do grupo Retrouso da Fervenza de Ouzande. Como sabe, agrupación ven de actuar en representación de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, colleitando un importante éxito e moi boas críticas.

A Banda está formada, ademais dos músicos ouzandeses, por outros das agrupacións: Gaiteiros de Buxantes (Dumbría), Pana Raiada (Compostela) e Sonche Lerias (Vedra).

Ao remate do concerto continuarase cunha foliada na que participaran os músicos e alumnos das diferentes clases.

Haberá un posto con servizo de bar, bocadillos e empanada para os asistentes. O campo estará cuberto.

As persoas interesadas poden informarse ou matricularse en:

carreirosouzande@gmail.com

facebook.com/afervenza.deouzande

XORNADA DE LIMPEZA NA FERVENZA DE OUZANDE. ASÍ FOI

Un grupo de socios e veciños de Ouzande pasaron a tarde do pasado 24 de agosto facendo traballos de limpeza e conservación na contorna dos muíños da Fervenza de Ouzande. Despois dos mesmos compartiron unha merenda de confraternidade.




Máis fotos picando AQUÍ


xoves, 22 de agosto de 2019

TARDE NO MUÍÑO NA FERVENZA DE OUZANDE


O próximo sábado, 24 de agosto, a AC A Fervenza de Ouzande convoca a todas as persoas interesadas a unha tarde de limpeza e merenda na contorna da Fervenza de Ouzande.

O lugar de encontro será o Muiño do Rubio, e os participantes teñen que traer os seus utensilios para a limpeza da maleza a partir das 5 da tarde.

Unha vez rematados os tgraballos de limpeza, sobre as 8 da tarde, terá lugar unha merenda de confraternidade na que pode participar calquera persoa, aínda que non puidese participar na limpeza. A merenda é un convite da AC A Fervenza de Ouzande.


Muíño do Rubio

sábado, 22 de xuño de 2019

LUMEIRO 2019

LUMEIRO EN OUZANDE

O próximo 23 de xuño, DOMINGO,  terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Teremos música e festa e  se queres, podes traer algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderás asar ti mesmo/a nas brasas da fogueira. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa.

Coma sempre, haberá algunha sorpresiña..., onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el...

Ah!  Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 7:30 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...

mércores, 19 de xuño de 2019

Imaxes da Foliada de Fin de curso 2018-19 da asociación

Picando na imaxe podes ver as mellores fotos da celebración do fin de curso das clases de música e baile da asociación. Foi o pasado sábado 15 de xuño.

https://photos.app.goo.gl/XXnWxJqUttDsnHKE7


luns, 10 de xuño de 2019

Así foi a excursión anual da Asociación. Mondoñedo e Meira 2019

Trinta persoas desafiaron o frío do norte con bo humor, camaradería e ansia por coñecer e compartir cousas.
O grupo de excursionistas arribou a San Martiño de Mondoñedo, en Foz, despois dunha longa viaxe, pero confortable coma sempre no bus de Exprés de Vea.
Alí fixeron a súa primeira visita guiada do día admirando a magnífica basílica románica, considerada a unha das catedrais máis antigas de Europa e cuxo actual edificio, en bo estado de conservación data do século XI.
Trasladáronse despois á vila de Mondoñedo onde visitaron e admiraron a casa onde naceu o escritor Álvaro Cunqueiro, hoxe convertida nun fermoso museo. Tamén aproveitaron para visitar a vila, aproveitando que a chuvia remitía.
Novo desprazamento á vila de Meira, onde puideron xantar a cuberto no Cabanón cedido polo concello para tal fin.
Despois, sen moito tempo de descanso, foron gozar da igrexa de Santa María, que formaba parte do antigo Mosteiro do Cister. Alí, magnificamente guiados pola traballadora da oficina de turismo, foron percorrendo as diferentes estancias da mesma, para rematar admirando unha extraordinaria maqueta do antigo mosteiro.
Sen tempo que perder dirixiuse o grupo ao Pedregal de Irimia, extraordinaria formación rochosa glaciar onde nace oficialmente o río Miño. O grupo gozou coas pedras, as súas lendas, e o son do río...
Para rematar, parada e merenda en Fontemiña onde tamén o Miño ten as súas fontes.

Como sempre volveron para casa felices e contentes, agardando pola próxima edición.

Picando na imaxe do grupo, en San Martiño de Mondoñedo, podes ver máis fotos do evento.

https://photos.app.goo.gl/M2uPwNGD8PFkJrMw7

Festa Fin de Curso das clases da Fervenza de Ouzande.

FIN DE CURSO 2019

Un ano máis a asociación celebra a FESTA de fin de curso das clases de música e canto tradicionais que se desenvolven todos os sábados no local social de Ouzande. 
O curso presente mantivo unha notable participación nestas clases, superando as sesenta persoas, de todas as idades, nas disciplinas de: gaita, tambor, pandeireta, baile, canto e acordeón. 
Os alumnos e alumnas de todas as clases teñen preparadas diferentes actuacións para esta festa de fin de curso.
A asociación convida a unha foliada para o sábado 15 de xuño a partir das 21:00 no campo da festa. Agasallaremos tamén cuns pinchos a todos os asistentes. 
HABERÁ MEXILLÓNS DA RÍA DE AROUSA PARA TODOS E TODAS AS ASISTENTES.

Están invitados todos os veciños e veciñas da contorna e cantos amigos desexen vir.

sábado, 8 de xuño de 2019

CRÓNICA E FOTOS DO CONCERTO DE INVERNÍA NA ESTRADA

A Banda de gaitas IINVERNÍA facía a súa presentación oficial na Estrada nun concerto organizado pola asociación, celebrado o pasado 2 de xuño, que contou coa colaboración do Concello da Estrada.
Boa entrada no Teatro Principal para acoller este debut, no que participaban músicos do grupo nacido no seo da asociación, Retrouso: Paula Darriba Botana, Manuel Bouzón Fernández, Pablo Neiro Mogo, Uxía Rodríguez Nebra, Celia Astorga Herraiz, Inés Bugallo Puente, Ana Gestoso Froján, Maria Troitiño Seoane, Noelia Bouzón Docampo, e o profesor Marcos Varela Couselo. Entre o público tamén destacaba unha notable presenza de xente da nosa parroquia, pero tamén de moitos estradenses en xeral e outras persoas chegadas de Compostela ou de Dumbría, lugares de orixe das outras formacións que compoñen a banda.

Unha coidada presentación e posta en escena da numerosa banda de gaitas, xunto cunha vestimenta alegre e tamén detallista, acompañou a unha excelente escolla e execución das pezas interpretadas. Esconitáronse comentarios sobre o afinados e acompasados que soaban os músicos e músicas. Cada vez máis cómodos no escenario, acabaron por meter ao público no peto con pezas complexas pero tamén outras moi alegres e bailables. Precisamente cun pasodobre bailado por dous membros do grupo, deuse por finalizado o concerto, que acabou sendo unha festa.

Parabéns a Invernía, e moita sorte na súa singradura cara a Lorient, onde os agarda o Festival Intercéltico. 

Picando nesta imaxe podes ver outras fotos do concerto:

https://photos.app.goo.gl/4neeTNx3yGJ5kgGDA

domingo, 2 de xuño de 2019

Excursion anual. Terras de Mondoñedo e Meira.


Mondoñedo

Un ano máis a Asociación organiza a excursión anual, que este ano terá como destino as Terras de Mondoñedo e de Meira,  e e os seus lugares máis atractivos. Será o día 9 de xuño, domingo.

Horario
08:30h  saída de Ouzande
Pola mañá visita á basílica de San Martiño de Mondoñedo e  histórica vila de Mondoñedo, na que se inclúe unha visita guiada á Casa de Álvaro Cunqueiro.
15.00h Xantar en Meira
Pola tarde visita guiada á Igrexa románica de Santa María.
Visita ao Pedregal de Irimia, onde nace o río Miño, e merenda en Fontemiñá.
20.30h Chegada a Ouzande

Inscrición. Na taberna de Ouzande (986570285), ou no correo carreirosouzande@gmail.com ata o venres 7 de xuño. 

Xantar. Cada persoa/familia levará o xantar.
Recomendación importante. Levar roupa e calzado cómodo.

martes, 28 de maio de 2019

CONCERTO PRESENTACIÓN DA BANDA DE GAITAS INVERNÍA NA ESTRADA



Invernía, banda de gaitas composta por máis de 30 músicos, e da que forman parte varios estradenses do grupo ouzandés Retrouso, actuará este ano no Festival Interceltico de Lorient , que se celebrará no vindeiro mes de agosto e que estará dedicado a Galicia e ás súas músicas. Este domingo fará o seu concerto de presentación na Estrada.
O grupo Retrouso, nacido na nosa asociación, achega unha parte importante do proxecto, xa que  10 dos seus compoñentes pertencen ao grupo nacido en Ouzande: Paula Darriba Botana, Manuel Bouzón Fernández, Pablo Neiro Mogo, Uxía Rodríguez Nebra, Celia Astorga Herraiz, Inés Bugallo Puente, Ana Gestoso Froján, Maria Troitiño Seoane, Noelia Bouzón Docampo, e o profesor Marcos Varela Couselo.

A principios de agosto o grupo poñerá rumbo a Francia para participar no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña Francesa. Trátase do festival de música celta máis importante a nivel mundial, que se leva celebrando dende 1971 en dita cidade, e supón o maior punto de encontro das chamadas nacións celtas. Unha particularidade do festival  é que cada ano está adicado a unha rexión celta do mundo diferente, sendo este o ano de Galiza. Invernía acudirá pois, xunto con outras agrupacións, representando á nosa comunidade nesta edición tan importante.

Invernía preséntase oficialmente na Estrada este domingo 2 de xuño no Teatro Principal nun concerto fixado para as 20:00. Será gratuíto e as entradas poden retirarse no Departamento de Cultura do Concello da Estrada, na Taberna de Ouzande ou no propio teatro o día do concerto.



luns, 27 de maio de 2019

Así foi o obradoiro de loción corporal en Ouzande

Celebrouse a sesión do obradoiro na tarde de hoxe cun total de 15 persoas inscritas.

Levaron mostras do resultado, elaborado con ingredientes naturais (aceite de améndoas, cera de abella, auga e gotas de aceite esencial de xeranio)




xoves, 23 de maio de 2019

Así foi a XIV Ruta das Letras a Castrorramiro.

Celebrouse hoxe a 14ª Ruta das Letras no día de hoxe, conforme o programa previsto. As previsións meteorolóxicas seguramente desanimaron a algunhas persoas, a pesar de que o tempo, por veces inestable e chuvioso, permitiu a celebración da camiñada. Unha ducia de persoas acudiu á convocatoria da Asociación para completar os 11 km de recorrido nun ambiente agradable e tranquilo, con numerosas paradas para reparar na flora, na fauna e nas diferentes mostras de arquitectura popular que nos ofrecía o camiño.
Adiantándose mesmo ao horario previsto o grupo xuntouse no adro de Ouzande onde os participantes foron agasallados con dous libros en conmemoración do Día das Letras Galegas. Foron, o volume de recente publicación, Contra o vento, 30 anos do premio García Barros, e Voa, versión de Ana Carreira de O espantallo amigo de Neira Vilas. (Para este agasallo a asociación contou coa colaboración do Concello)
Desde a organización recordouse a figura de Antonio Fraguas, que traballou como mestre na Estrada, e que foi aldraxado e humillado polos membros da falanxe nos tempos da Guerra Civil, destacando a importancia da formación, da cultura e da lectura para non repetir eses tristes momentos da nosa historia.

MÁIS FOTOS AQUÍ

luns, 20 de maio de 2019

OBRADOIRO DE LOCIÓN CORPORAL


OBRADOIRO DE LOCIÓN HIDRATANTE CORPORAL
O obxectivo é a elaboración dunha loción para o coidado e hidratación da pel feito con ingredientes naturais, ecolóxicos e materias primas puras. Tanto os ingredientes como o resultado son respectuosos coa nosa pel e o medioambiente. Cada persoa asistente poderá levar unha mostra do mesmo.
A obradoiro será impartido por Montse Fernández Búa, agricultora ecolóxica e especialista no aproveitamento de plantas e recursos naturais para diferentes utilidades. Rexenta a Bio Tenda Casa Xorxeira na Praza de Abastos da Estrada.
A actividade enmárcase dentro da filosofía da Asociación de achegar aos seus asociados e público xeral información teórica e práctica sobre un uso responsable e limpo dos recursos naturais que nos rodean.
A sesión terá lugar o próximo 25 de maio, sábado, a partir das 5 da tarde no local social de Ouzande.
O prezo será de 3 euros para socios e socias e de 5 euros para persoas non socias. As prazas son limitadas. Poderanse inscribir na Taberna de Ouzande (986570285) ou no correo electrónico da asociación carreirosouzande@gmail.com

Recanto e Retrouso nos Cantos de Taberna da Estrada 2019

Os Cantos de Taberna da Estrada chegaban á súa 6ª edición. Os nosos grupos participaron, unha vez máis neste evento, levando as súas cantigas ao Candil de Silvia, O Bodegón e Bar Enredo. A festa rematou cun xantar comunitario na Polbeiría Porta, onde seguiron cantando ata o anoitecer. Aí quedan as mellores imaxes, picando AQUÍ, do pasado 30 de marzo.


mércores, 15 de maio de 2019

O mapa da XIV Ruta das Letras

Mapa da Ruta a Castrorramiro. Arredor de 12 km

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
- No transcurso da ruta atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que cruzaremos no percorrido.
-Lugar de Castrorramiro. Fermoso lugar da parroquia da Somoza, que conserva numerosas costrucións tradicionais e a estrutura de pequeno nucleo rural con ruelas e fermosos recunchos.
-Pozo da Freixa ou Fírvida. Contorna con muíños e unha fervenza, ademais dun pozo de considarables dimensións para facer un descanso.
-Contorno de muíños da Fervenza de Ouzande.
TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES SERÁN AGASALLADAS CUN LIBRO EN GALEGO, CORTESÍA DA ASOCIACIÓN, EN CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS E DA NOSA LINGUA




Vista da Somoza desde a ruta


domingo, 12 de maio de 2019

XIV Ruta das Letras en Ouzande. Camiño de Castrorramiro


O próximo venres 17 de maio, terá lugar a XIV edición da Ruta das Letras, organizada pola Asociación.

Hora de saída; 9:45, diante da Igrexa de Ouzande.
Chegada sobre as 13:15 ao mesmo sitio.
11 km de percorrido, dificultade baixa.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
A ruta só se suspenderá se as condicións metereolóxicas impiden a súa realización.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
- No transcurso da ruta atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que cruzaremos no percorrido.
-Lugar de Castrorramiro. Fermoso lugar da parroquia da Somoza, que conserva numerosas costrucións tradicionais e a estrutura de pequeno nucleo rural con ruelas e fermosos recunchos.
-Pozo da Freixa ou Fírvida. Contorna con muíños e unha fervenza, ademais dun pozo de considarables dimensións para facer un descanso.
-Contorno de muíños da Fervenza de Ouzande.
TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES SERÁN AGASALLADAS CUN LIBRO EN GALEGO, CORTESÍA DA ASOCIACIÓN, EN CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS E DA NOSA LINGUA.

sábado, 11 de maio de 2019

Así foi o Antroido 19 en Ouzande

Xa pasou algún tempo, pero aquí quedan as mellores imaxes de NOUTURNIA, o Antroido deste ano en Ouzande, celebrado o pasado 2 de marzo.

Pica na imaxe para ver as fotos

https://photos.app.goo.gl/svxpnviMZtRhu9138

martes, 26 de febreiro de 2019

ANTROIDO 2019 EN OUZANDE. NOUTURNIA




ASÍ COMO DE NOITE
Este é o lema do Antroido 2019 en Ouzande.
Sábado 2 de marzo.
A partir das OITO E MEDIA da tarde no Local do Campo da Festa.

Gran baile de disfraces
NOUTURNIA
Imos inspirarnos no enigmático e tentador mundo da noite. Estará chea de personaxes relacionados cos misterios da noite. Escolle ti o que queiras. Seres fantásticos, aves nocturnas, personaxes da noite, e tamén podes vir en pixama se queres
Teremos música, baile, merenda con produtos típicos de antroido e churrasco, bebidas….
NON FALTARÁN, COMA SEMPRE, AS CEGAS DO ANTROIDO, COAS SÚAS COPLAS SOBRE ACTUALIDADE.
QUEN NON PODE FALTAR ES TI.
AGARDÁMOSTE

A Fervenza de Ouzande. Febreiro de 2019

Así foi a XUNTA XERAL ANUAL 2019

O domingo 10 de febreiro tivo lugar no Local Social de Ouzande a Xunta Xeral Anual da AC A Fervenza de Ouzande. Na mesma participaron 35 socios e socias da mesma que trataron a seguinte orde do día:

1. Informe de xestión do ano 2018

-Informe de actividades (con proxección de fotografías e vídeos)
-Informe económico.

2.Previsión de ingresos e gastos para o ano 2019
3.Programación anual.
4. Rogos e preguntas.
A reunión rematou cunha merenda de confraternidade a base de chocolate quente e rosca. Picando na imaxe poderás acceder ás mellores fotos do evento:


https://photos.app.goo.gl/EwyqJZvNaNp6TQKJ7

Conclusións e informe de actividades aprobado na reunión:
ASOCIACIÓN CULTURAL A FERVENZA DE OUZANDE. RESUME ACTIVIDADES 2018

315. 4 de febreiro. Xunta Xeral Anual. Elección de Xunta Directiva. Merenda de convivencia. 40 asistentes.
316. 10 de febreiro. Antroido. FITOU (Feira internacional de Turismo de Ouzande). Festa disfraces no Campo da Festa e no Local Social de Ouzande. Merenda e actuacións musicais. 60 participantes.
317. 2 de marzo. Imos andar. Charla informativa: As velutinas en Galicia. Xulio Maside 50 asistentes.
318. 21 de abril. Obradoiro de aproveitamento de plantas medicinais. Montse F. Búa. 40 persoas inscritas.
319. 4 de maio. Presentación do libro Albas e epílogos de Manuel Pereira Valcárcel. 50 asistentes.
320.4 de maio. Cea de clausura das Xuntanzas para tecer. 15 participantes.
321. 4 de maio. Imos andar. Ruta de Codeseda. 13 persoas participantes.
322. 17 de maio. Imos andar. XIII Ruta das Letras. Ruta á Pedralba. Agasallo dun libro a cada camiñante. 20 participantes
323. 20 de maio. Espectáculo humorístico co Padre Merino. A.M.E.N. 35 asistentes.
324. 27 de maio. Excursión anual á comarca de Bergantiños. Malpica, Cabana de Bergantiños, Corme, Dolmen de Dombate, Laxe. 50 participantes.
325. 16 de xuño. Festa de Fin de Curso das Clases de música. Mostra, foliada e merenda. 50 asistentes.
326. 23 de xuño. Lumeiro. Chourizos, festa, e lume. 60 participantes.
327. 18 de agosto. Pola tarde no muíño. Xornada de limpeza e merenda na Fervenza de Ouzande. 15 participantes.
328. 7 de setembro. Colaboración coa Xunta Parroquial na organización da Noite de Música Tradiciona nas Festas do Socorro de Ouzande. Retrouso, Recanto, Os Xeitosos de Trazo, Grupo Nai e AC Rosalía de Castro. 250 asistentes.
329. 29 de setembro. Inicio dos Cursos de Música e Baile tradicional. Pandeireta, gaita, acordeón, baile, percusión e canto. 50 inscritos/as.
330. 28 de outubro. Ruta de Outono. Camiño do Río Gallo. 15 participantes.
331. 10 de novembro. Foliada de outono. Música e castañas. Inicialmente estaba prevista a participación de gaitas Invernía. Debido ás malas condicións climatolóxicas tivo que suspenderse. Finalmente celebrouse unha pequena festa con castañas asadas. festa e música dentro do local. 30 participantes.
332. 25 de novembro. II Encontro de formación e reflexión da Xunta Directiva en Sabucedo. 10 participantes.
333. 30 de novembro. Cea das Clases de Música da Asociación. 35 participantes. O Xarro, Aguións.
334. 25 de decembro. IX Feliz Ruta de Nadal. Carreiros de Ouzande. 20 participantes.
335. Durante todo o ano os grupos de música Retrouso e Recanto participaron en foliadas como: Noites de raíz de Callobre, Cantos de Taberna da Estrada, Encontro Teatral do IES Losada Diébuez, Sardiñada de Ouzande, , Ghaitellón de Pontecesures, Festas de San Lourenzo de Ouzande, Foliada de S. André, Magosto de Marrozos (Santiago), Encontro Teatral en Orazo...
336. Venda de camisetas “Andando camiños” e suadoiros para o alumnado das clases.

Realizáronse un total de 21 actividades nas que participaron unhas 900 persoas. Desde a súa fundación, a Asociación leva realizadas 336 iniciativas ou actividades, ademais de manter durante todo o ano actividades semanais como as Clases de Música, todos os sábados.

Neste 2019 a Asociaición cumprirá os 18 anos de existencia.

Conclusións INFORME DE ACTIVIDADES 2018 A FERVENZA DE OUZANDE

1. Implicación activa dos asociados:
-Alta porcentaxe de pagamento da cota anual. 
-Participación nas actividades satisfactoria. Tanto na cantidade como na implicación nelas

2. Recuperación do número de iniciativas socioculturais, en relación con 2018. Realizáronse máis dunha vintena de actividades.
3. Aposta pola continuidade e reforzo de actividades relacionadas coa nosa contorna e pola nosa relación co medio rural e co medio ambiente. Moi boa acollida tanto cuantitativa como cualitativa.
4. Mantemento das actividades de aire libre, rutas e excursión, e celebración do ciclo festivo anual, antroido, lumeiro, magosto... Boa participación nas mesmas.
5. Potenciación das Clases de música e baile tradicional. Mantense o número das persoas inscritas, aínda que non en todas as disciplinas. Achegáronse novos socios e socias grazas a esta actividade.
6. Colaboración con outras entidades da contorna, Regatos de Callobre, Xarandeira de Pontecesures, Coto Manguelo de Orazo, centros educativos (IES Losada Diéguez, CEIP Cabada Vázquez de Codeseda), etc.
7. Consolidación de outras formas de organización a través da posta en marcha, por terceiro ano, das Xuntanzas para tecer en Ouzande.
8. Colaboración coa Xunta Parroquial de Ouzande en diversas inciativas.

Previsións para o 2019

1. Continuar co proceso de formación e renovación iniciado coa Xunta Directiva que se iniciou o ano pasado.
2. Profundizar na revisión e actualización da metodoloxía de traballo e planificación máis realista e acaída das actividades a realizar.
3. Mantemento e Dinamización da Ruta da Fervenza. Continuación coa recuperación do Muiño do Rubio.
4. Reforzo de actividades e autoorganización e potenciación das clases de Música e Baile, así como dos grupos que xorden delas.
5. Planificación e deseño dunha nova actividade musical da asociación.
Colaboración co proxecto Invernía no que está incluído Retrouso xunto con outros grupos galegos.

sábado, 9 de febreiro de 2019

Convocatoria Xunta Xeral Anual



Convócase a todos os socios e socias a Xunta Xeral anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 10 de febreiro de 2019 ás 5:30 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:

1. Informe de xestión do ano 2018

-Informe de actividades (con proxección de fotografías e vídeos)
-Informe económico.

2. Previsión de ingresos e gastos para o ano 2019

3. Programación anual.

4. Rogos e preguntas.

Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e rosca.

En Ouzande, A Estrada, febreiro de 2019

PD.
1. É moi importante que fagas o posible por asistir á reunión para que entre todos colaboremos na boa marcha da asociación, e na proposta e organización de actividades. Recorda que a Asociación somos todos e todas.

2. Na reunión estarán xa a disposición de todos os socios e socias os recibos da cota anual deste ano, e os pendentes do ano anterior (para os socios/as que non pagaron aínda). Recorda que para a organización das actividades é moi necesario dispoñer dos recursos económicos necesarios. Despois da reunión quedarán á túa disposición na Taberna de Ouzande.

A Fervenza de Ouzande