xoves, 31 de decembro de 2015

Resume Clases de Música, Canto e Baile. Curso 2025.16

Máis de 50 persoas asisten, todos os sábados, ás clases de acordeón, gaita, tamboril, pandeireta, baile e canto tradicional que organiza a Asociación. Sirvan estas imaxes de testemuño da banda sonora de Ouzande todos os sábados.

mércores, 30 de decembro de 2015

as fotos da VI Feliz Ruta de Nadal.

Aí quedan as imaxes de máis de 11 km de ruta, conversa e alegría da mañá do día de Nadal de 2015. Polos montes de Ouzande, A Somoza e Ferreiros.

xoves, 17 de decembro de 2015

ATRÉVESTE?

O próximo venres 25 de decembro, a AC A Fervenza de Ouzande inicia o co seu programa de Actividades do Inverno coa convocatoria da SEXTA edición da Ruta de Nadal. Na mesma percorreremos o Roteiro dos Montes da Somoza e Ferreiros.
A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Disfrutaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa.
A actividade é gratuíta.

Hora de saída: 10:15, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:15 ao mesmo sitio.
11 km. Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
 A ruta só se suspenderá se as condicións climatolóxicas impiden o súa realización.
LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese: 
-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que históricamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande. 
-Congostra dos lobos. Para chegar a Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas historias de lobos.
-Fervenza e muíños de Ouzande. Contorno de 7 muiños e un pozo. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...). 
-No transcurso da ruta atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que cruzaremos no percorrido.
Aí queda o mapa co percorrido que realizaremos:
 
 

As fotos do BRINCACONTOS en Ouzande

Aí quedan as imaxes da representación da obra BRINCA CONTOS de Andaravía Teatro que tivo lugar o domingo 13 pola tarde no Local Social de Ouzande. Este, habilitado nesta ocasión como sala teatral, acolleu un bo número de asistentes de todas as idades, que disfrutaron dunha familiar tarde de teatro, e na que o elenco vedrés por fin nos desvelou o rico sabor do "mexunxe marrón" que repartiron entre os asistentes en ricos bocadillos. Aplausos para todos, risas e mesmo algúns pavorosos momentos, deixaron un sorriso entre os asistentes.

sábado, 5 de decembro de 2015

ANDARAVÍA TEATRO NO LOCAL SOCIAL DE OUZANDE

TEATRO PARA TODOS OS PÚBLICOS NO LOCAL SOCIAL DE OUZANDE

O próximo domingo, 13 de decembro, ás 18 horas, pecharase o ciclo de actividades de Outono cunha actividade teatral para público de todas as idades.  Trátase da obra Brinca Contos, posta en escena polo grupo Andaravía Teatro, do veciño Concello de Vedra.

A obra, pensada para o público infantil, e tamén apta para persoas de todas as idades, ás que convidamos para a data sinalada. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo do local social.

O espectáculo convídanos a brincar no mundo dos contos para achegármonos a acontecementos máxicos e misteriosos. Meigas que pelexan pola fórmula secreta das beberaxes, Miñocas inxenuas, vellos grilos e formigas obreiras que queren arranxar o que lle pasa ao sol... Preguntas que resolveremos se brincamos nestes contos.

Con esta actividade ponse fin á programación do Outono 2015 da Fervenza de Ouzande, adicado especialmente á posta en marcha das clases de música, xuntanzas para tecer, xornadas de coidados ecolóxicos, e celbración da Festa de Outono, Actividades nas que participaron máis de 150 persoas.

venres, 4 de decembro de 2015

Xornadas A HORTA NATURAL. As imaxes

Os pasados 20 e 21 de novembro tiveron lugar en Ouzande as Xornadas dedicadas aos coidados naturais e limpos dos nosos cultivos, baixo o título A HORTA NATURAL.
O venres, a especialista en tratamentos biosanitarios para a horta, Alicia Rey, da firma BioSolutio, ofreceu unha documentada e moi produtiva charla sobre os diferentes produtos que hoxe existen no mercado, para este fin, xerando un interesante debate e intercambio de opinións sobre o mesmo.
O sábado, a produtora ecolóxica, propietaria da Tenda Bio Casa Xorxeira, no Novo Mercado da Estrada, ofreceu solucións caseiras para o tratamento de pragas e fungos, así como múltiples remedios preventivos. Na segunda parte ofreceu o práctico obradoiro de fabricación de xabón potásico, do que todos e todas as participantes levaron mostra. Ao igual que na xornada anterior, houbo múltiples preguntas e intervencións que desmostraron o enorme interese polo tema.
As xornadas tiveron unha grande aceptación, pois sobrepasouse a trintena de persoas en cada unha delas.

Aí queda unha selección de imaxes dos dous días: