mércores, 29 de abril de 2015

Imos Andar 2015. Ruta do Río Gallo


Este venres, 1 de maio, iníciase o programa Imos Andar, promovido pola Fervenza de Ouzande, coa Ruta do Río Gallo.
A seguir achéganse todos os datos da mesma e infórmase que a actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatólóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma.

Datos:
Saída: 10 da mañá.
Chegada: 13:30
Lugar: Igrexa de Ouzande

Dificuldade media baixa.
Distancia: 12 km
Recoméndase levar un bo calzado de ruta, así como roupa apropiada para a chuvia, e atender ás previsións meteorolóxicas.


Puntos de Interese 
 
- Fonte do Redondo. Perto da saída atravesaremos o fermoso contorno da Fonte do Redondo, en Ouzande, onde a auga abrolla directamente desde o chan.

- Montes de Ouzande. O percorrido inclúe na súa primeira parte camiños a través dos montes da parroquia, onde se combinan masas de árbores autóctonas, de extraordinaria beleza, con outras de coníferas e foráneas.

-Castro de Arcos. Rodearemos este fermoso promontorio no noso percorrido.

-Montes de Arcos. Percorreremos parte dos frondosos bosques dos Montes de Arcos, con masas arbóreas autóctonas de carballos, castiñeiros e acivros.

-Río Gallo. Atravesaremos o Río Gallo, perto do seu nacemento, moi próximo ao límite da parroquia de Ouzande, A Somoza e Arcos. Paraxe fermosa con numerosos saltos, estanques e flora típica de ribeira.

-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que historicamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande.

mapa da ruta

Imaxes do Roteiro Teatral III Festival de Teatro escolar da Estrada

A pesar da chuvia, que arreciou na tarde do sábado día 25 de abril, o espectáculo teatral preparado polo grupo de Teatro Avelaíñas do IES Antón Losada, e no que colaborou A Fervenza de Ouzande, puido realizarse nas diferentes salas do Local Social de Ouzande, ao non poder ter lugar no contorno da Fervenza e muiños de Ouzande.

Numeroso público chegado desde Palas de Rei, Melide, Laxe, Touro e A Estrada, disfrutou dos 3 escenarios nos que se desenvolveron as diferentes propostas teatrais, poéticas e musicais.

Máis de 20 socios e socias da Asociación participaron nun dos escenarios cunha intervención musical a cargo dos grupos Retrouso e Recanto, e coa participación, a modo de actores e actrices improvisados, de varios veciños e veciñas que compartiron as súas experiencias pasadas noutros tempos nos muíños da Fervenza.

A actividade estaba incluída na programación do 3º Festival de Teatro Escolar, organizado pola Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez.

Aí quedan as imaxes do evento:


domingo, 26 de abril de 2015

Imos Andar. As rutas da Fervenza de Ouzande

 
INICIO DE ACTIVIDADES DE PRIMAVERA 2015

Programa IMOS ANDAR. As rutas da Fervenza de Ouzande

A AC A Fervenza de Ouzande programa unha nova edición da actividade IIMOS ANDAR para a primavera deste 2015. Inclúe 3 rutas de sendeirismo que se detallan abaixo e que teñen como obxectivos fundamentais: a difusión e coñecemento dos valores medioambientais, paisaxísticos e do patrimonio arquitectónico da parroquia de Ouzande e das parroquias da contorna, como A Somoza, Guimarei, Lugar de Ferreiros, Arcos, etc.; tamén se trata de favorecer a participación de persoas socias e público en xeral, nunha actividade saudable e permitir a convivencia activa entre todos e todas.

Este programa, iniciado no ano 2003, chega por tanto, á súa decimoterceira edición, con máis de 50 rutas realizadas e centos de participantes nas mesmas.

Todas as rutas terán como punto de partida e chegada a Igrexa de Ouzande. A saída será sempre ás 10 da mañá e o regreso ás 13:30 horas. Todas terán unha dificultade baixa ou media-baixa para facilitar a participación nas mesmas. Serán gratuítas e abertas tanto a persoas socias como ao público en xeral.
  1. Venres 1 de maio..Ruta do Río Gallo. Fermosa ruta na que chegaremos ao Río Gallo, despois de percorrer os montes do Arcos no veciño concello de Cuntis. Despois de cruzar o río achégaremonos ao lugar de Ferreiros e, atravensando a congostra dos Lobos, regresar á Igrexa de Ouzande polos muíños da Fervenza. 12 km. Dificultade media-baixa. A inscrición é gratuíta e realizarase no momento da saída, polo que se roga puntualidade.
  1. Domingo 17 de maio. X Ruta das Letras. Ruta das lagoas de Zoo e Monte Cabalar Todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego.
  1. Domingo 7 de xuño. Ruta de Guimarei.

mércores, 22 de abril de 2015

Roteiro poético, teatral e musical pola Fervenza de Ouzande

O próximo sabado, 25 de abril, terá lugar o III Festival de Teatro Escolar organizado pola Aula de Teatro do Antón Losada Diéguez “Avelaíñas Teatro”, xunto coa Asociación A Fervenza de Ouzande e o Concello da Estrada.
Dentro deste festival, ás 18 h. sairá dende a igrexa de Ouzande un roteiro teatral, poético e musical que irá ata os muíños realizado por alumnos do grupo Avelaíñas, do citado instituto, e no que colaborará a asociación coa participación do grupo Retrouso e o grupo Recanto. Tamén participarán varios socios e socias da asociación que farán de improvisados actores no Muíño do Rubio.
En palabras do director da Aula de Teatro do IES Losada, Alfonso García:  "A palabra clave destes festivais é a interrelación e a búsqueda da relación entre alumnos de diversos lugares xeográficos de Galicia, a interrelación entre actores e actrices de diversas idades, de 3 a 100 anos. Tamén hai unha interrelación de xéneros literarios, xa que poderáse contemplar teatro, pero tamén poesía, narrativa, música, todo mesturado nun contorno fantástico como é a Fervenza de Ouzande. Trátase non de competir, senon de mirar de igual a igual e intercambiar experiencias."


O ensaio da pasada semana estivo pasado por auga na Fervenza.


Aí queda a divertida presentación celebrada no Concello da Estrada (Video Catro Gatos)

Retrouso e Recanto nos II Cantos de Taberna da Estrada

28 de marzo de 2015. Nova e exitosa edición dos cantos de taberna na Estrada, organizados polos nosos amigos de Regato de Matamulleres. Parabéns.
Aí estivemos con Retrouso e Recanto.