venres, 18 de maio de 2018


4 horas de marcha para 15 km.
 
Mañá agradable e soleada que acolleu as ganas de andar dos 20 participantes na ruta, de todas as idades. Subida e desfrute do alto da Pedralba e das paraxes en plena explosión primaveral. A organización convidou aos camiñantes, no punto de saída, a adicar o camiño e o esforzo á memoria da escritora María Victoria Moreno, galega de adopción, e que escolleu o noso idioma como xeito de expresión vital e literaria, de entre os moitos que dominaba. Un exemplo para todos e todas, aínda hoxe en día. Os camiñantes fixeron seu o propósito da marcha. Ao final libros para todos: moitos Bolechas, moita narrativa contemporánea, moita María Victoria Moreno. E prometemos encontrarnos na próxima.
 
Picando nesta imaxe poderás ver as mellores fotos da actividade:
 
https://photos.app.goo.gl/A51oIGZapOO1brdN2

 

luns, 14 de maio de 2018

PADRE MERINO EN OUZANDE

A asociación continúa co seu programa de Primavera/Maio da lingua coa organización dun espectáculo de humor a cargo do Padre Meríno co seu monólogo A.M.E.N. (Accións Misioneiras Evanxélicas Nocturnas)
 
Terá lugar o próximo domingo, 20 de maio, ás 19:30 no Local Social de Ouzande. A entrada é gratuíta e está aberto a todas as persoas interesadas.

venres, 11 de maio de 2018

XIII RUTA DAS LETRAS EN OUZANDE. ANDAMOS E FALAMOS


XIII Ruta das Letras. Andamos e falamos.

Subida á Pedralba

O próximo xoves 17 de maio, terá lugar a XIII edición da Ruta das Letras, organizada pola Asociación.

Carácterísticas:

Saída/Chegada: 9:45 / 13:30 Igrexa de Ouzande

Percorrido: 15 km

TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES SERÁN AGASALLADAS CUN LIBRO EN GALEGO, CORTESÍA DA ASOCIACIÓN, EN CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS E DA NOSA LINGUA.

A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.

Recoméndase levar calzado resistente, debido ás condicións do camiño, así como uns prismáticos.

A actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatolóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma.

Achégase cartel da actividade

LUGARES DE INTERESE:

- Montes do Pedroso e A Pedralba (A Somoza). Albergan numerosas especies autóctonas que sobreviviron as reforestacións masivas de coníferas, especialmente de piñeiros e eucaliptos. É unha zona de especial beleza polo motivo citado e permitirá atravesar varias carballeiras, bosques de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...

- Monte Cabalar: A ruta discorre en parte a través das parcelas incluídas no coñecido proxecto “Monte cabalar”, o que nos permitirá disfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar as mandas de cabalos e vacas en liberdade.

- Vistas panorámicas: fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza...
O alto da Pedralba, obxectivo da ruta, sitúase a 634 m de altitude, e permitirá gozar aos camiñantes de vistas como as indicadas, e mesmo, en caso de boa visibilidade, da contemplación das Rías de Arousa e Pontevedra.



Así foi a Ruta de Codeseda

O pasado domingo 6 de maio iniciouse o programa IMOS ANDAR, AS RUTAS DA FERVENZA DE OUZANDE coa Ruta de Codeseda na que participaron 13 persoas que disfrutaron dun agradable percorrido fundamentalmente fluvial, á beira regato de Fontefría e do río Umia. A soleada mañá e a conversa contribuíron tamén para que a macha dos camiñantes fose moi levadeira. Picando nesta imaxe poderás ver as mellores fotos do evento:

https://photos.app.goo.gl/PeqPkeFWMWajEaHu1

sábado, 5 de maio de 2018

Imos Andar. Ruta de Codeseda

ANÍMATE E VEN ANDAR COA FERVENZA DE OUZANDE 



Ruta de Codeseda

6 de maio de 2017



Inicio: A Sagrada (Codeseda) 09.45h [42.619420, -8.437501]

Fin: A Sagrada (Codeseda)13.30h [42.619420, -8.437501]

Tipo de ruta: circular                   

Distancia e percorrido: Trátase dos primeiros 11 quilómetros do reto Codeseda-Sabucedo, futura PGR-197 que discorren pola zona fluvial da parroquia de Codeseda, atravesando paraxes espectaculares repletas de vexetación de ribeira e de patrimonio etnográfico ligado á auga, principalmente fontes, lavadeiros, pontillóns, pontes e muíños.

DIFICULTADE: baixa, apta para todos os públicos, participación gratuíta           

MATERIAL: é preciso levar roupa cómoda e calzado adecuado pois haberá zonas húmidas no camiño. Téñase en conta a predición meteorolóxica.



LUGARES DE INTERESE

O inicio é no lugar da Sagrada, ao carón da carballeira, onde encontraremos o panel co mapa da zona. Neste punto temos espazos para estacionar os nosos vehículos así como locais de hostaleira, recomendable a visita exterior á igrexa de Codeseda. Na zona hai numerosos aloxamentos rurais.

O primeiro punto de interese é o lugar de Fontenlo que conserva mostras da arquitectura civil da zona, especialmente un lavadoiro, fonte e casas centenarias. A seguir desviarémonos durante uns km cara ao Regato de Fontefría, un curso de auga que nos irá regalando numerosas estampas de postal, como a fervenza e pontella de Campos.

Río abaixo habemos chegar ao entroncamento do Rego de Fontefría co Río Umia, nun espazo de recreo de especial beleza. Os camiños nesta zona son carreiros de a un, polo que a conversa se apaga para deixar a cadaquén marabillarse coa contorna.

O seguinte punto de interese é un dos puntos máis coñecidos de Codeseda, o Refuxio de Abragán, un refuxio de pescadores que conta cunha caseta rodeada dunha fermosa carballeira e flanqueada polo Río Umia, un bo lugar para facer un avituallamento.

A ruta lévanos río arriba e permítenos descubrir algúns dos muíños da parroquia: O Novo, o de Bascuas e o do Ferreiro. Nos seguintes metros a ruta toma aires de aventura ao estreitarse o carreiro e ir ben pegado ao río, polo que cómpre ir ben atentas e atentos a non esvarar e levar un chapuzón. Nuns metros atravesaremos a estrada A Estrada-Forcarei por debaixo dun viaduto, descubrindo unha fermosa paisaxe de prados que nos ha levar a outro dos lugares históricos de Codeseda, a Fábrica da Luz. Trátase das ruínas da fábrica  “Sagrado Corazón” unha pequena eléctrica que data da década de 1920 e que fornecía de electricidade aos lugares máis próximos. A ruta desvíase cara ao lugar de Marcenlos e diríxese cara á  Sagrada por camiños sen asfaltar.



mércores, 2 de maio de 2018

IMOS ANDAR. As rutas da Fervenza de Ouzande. Primavera 2018

PRIMAVERA 2018
IMOS ANDAR. AS RUTAS DA FERVENZA DE OUZANDE
Nesta ocasión a asociación programa dúas rutas de sendeirismo que se inclúen no programa IMOS ANDAR. 

RUTA DE CODESEDA
Domingo 6 de maio
Achegarérmonos a unha das partes da ruta homologada de Codeseda, a da zona do Umia.

Datos:
Saída: 9:45 da mañá.
Chegada: 13:30
Lugar de saída e chegada: A Sagrada, Codeseda
Dificultade media baixa.
Distancia: 11 km
Recoméndase levar un bo calzado de ruta  e atender ás previsións meteorolóxicas.

XIII RUTA DAS LETRAS
O Día das Letras Galegas, ANDAMOS E FALAMOS
Ruta da Pedralba
Xoves 17 de maio

Datos:
Saída: 9:45 da mañá.
Chegada: 13:30
Lugar: Igrexa de Ouzande 
Dificultade media baixa.
Distancia: 15 km
Recoméndase levar un bo calzado de ruta  e atender ás previsións meteorolóxicas.
Ao final do roteiro, todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego en conmemoración do Día das Letras.

martes, 1 de maio de 2018

Retrouso e Recanto nos Cantos de Taberna da Estrada 2018

Un ano máis, os grupos musicais da Fervenza de Ouzande participaron nunha nova edición, a quinta, dos Cantos de Taberna da Estrada. Os nosos músicos animaron co seu bo facer os bares Mesón da Estrada, Gran Vía e Eureka. Ao rematar, as nove agrupacións participantes xuntáronse nun xantar de confraternidade, que se prolongou durante toda a tarde. O evento foi organizado con éxito polos nosos amigos da Asociación Regatos de Callobre.
Picando na imaxe poderás ver as fotos do evento:

https://photos.app.goo.gl/8LV6PHMTXtHKa8Uo1