luns, 28 de abril de 2014

Ruta dos Carreiros de Ouzande 2014

Comezan as rutas d´A Fervenza de Ouzande en 2014. Non é necesaria a inscrición previa. De balde para calquera persoa interesada, socia ou non socia da Fervenza de Ouzande.

Toda a info sobre a primeira, o próximo xoves 1 de maio:


ACCESOS: Hai que saír da igrexa de Ouzande (A Estrada), situada a 1 km do centro urbano da vila en dirección sur; rúa Pérez Viondi e travesía de Ouzande (sinalizada). A igrexa está a man esquerda.

PUNTO DE PARTIDA / CHEGADA: A citada igrexa, é unha ruta circular, alí hai sitio para estacionar os turismos.

PERCORRIDO: 11 quilómetros, atravesando os diferentes lugares de Ouzande (O Redondo, O Castro, O Picoto, O Formigueiro e Alemparte) polos antigos carreiros e camiños, reparando en diferentes puntos de interese como fontes, lavadoiros e antigas calzadas. Unha parte do roteiro cruzará o monte de Ouzande, con numerosas carballeiras e pequenos bosques de acivros. Tamén percorreremos un tramo da Ruta da Fervenza e muiños de Ouzande.

DIFICULTADE: baixa, con tramos de media-baixa.

DURACIÓN: 3h e media

MATERIAL: levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña...) e ter en conta a predición meteorolóxica.

SAÍDA: 10:00 (Igrexa de Ouzande)

REGRESO: 13:30h (Igrexa de Ouzande)

PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

-igrexa de Ouzande: É de estilo orixinalmente románico, conserva elementos da época coma os canzorros que son únicos na zona ao representaren pecados condenados pola Igrexa. Tamén destaca o seu arco central, o agnus dei, o retablo barroco do Carme...

-cruceiros: hai dous que están nas inmediacións da igrexa, un deles é dos máis antigos da zona, foi recollido por Castelao en As Cruces de Pedra da Galiza.

-muíños da Fervenza: conxunto formado por sete muíños distribuídos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do S.XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros...). Destaca a orografía que crea neste punto a famosa Fervenza, aínda que son numerosos os cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta.

-vistas panorámicas: fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas,  así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza, Torre de Guimarei...

Aí queda unha imaxe co percorrido que se ha realizar:

martes, 22 de abril de 2014

IMOS ANDAR. RUTAS PRIMAVERA 2014


A AC A Fervenza de Ouzande programa unha nova edición da actividade IIMOS ANDAR para a primavera deste 2014. Inclúe 3 rutas de sendeirismo que se detallan abaixo e que teñen como obxectivos fundamentais: a difusión e coñecemento dos valores medioambientais, paisaxísticos e do patrimonio arquitectónico da parroquia de Ouzande e das parroquias da contorna, como A Somoza, Tabeirós, Lugar de Ferreiros, etc.; tamén se trata de favorecer a participación de persoas socias e público en xeral, nunha actividade saudable e permitir a convivencia activa entre todos e todas.
Todas as rutas terán como punto de partida e chegada a Igrexa de Ouzande. A saída será sempre ás 10 da mañá e o regreso ás 13:30 horas. Todas terán unha dificultade media ou media-baixa para facilitar a participación nas mesmas. Serán gratuítas e abertas tanto a persoas socias como ao público en xeral.

  1. Xoves 1 de maio.. Ruta dos carreiros de Ouzande. Percorreremos os diferentes carreiros polo monte e os diferentes lugares de Ouzande, incluíndo a Fervenza e os muíños.
  1. Sábado 17 de maio. IX Ruta das Letras. Subida ao Monte Pedroso. Todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego.
  1. Domingo 1 de xuño. Ruta Ouzande-Tabeirós-A Somoza



xoves, 10 de abril de 2014

imaxes dos Cantos de Taberna en Arzúa con Retrouso e Recanto

O pasado sábado, 5 de abril de 2014, tivo lugar na vila de Arzúa unha nova edición da Festa da Gaita e dos cantos de Taberna. O Grupo ouzandés Retrouso, acompañado unha vez máis polo grupo de cancións Recanto, formou parte do cartel da actividade. Despois dun pasarrúas en homenaxe da familia Seivane, e dun xantar popular, deron comezo os Cantos de Taberna. Os ouzandeses e ouzandesas fixeron as delicias dos clientes dos bares por onde pasaron, interpretando o seu repertorio, e mesmo actuando polas rúas arzuanas. Aí quedan as mellores imaxes.