martes, 28 de maio de 2019

CONCERTO PRESENTACIÓN DA BANDA DE GAITAS INVERNÍA NA ESTRADA



Invernía, banda de gaitas composta por máis de 30 músicos, e da que forman parte varios estradenses do grupo ouzandés Retrouso, actuará este ano no Festival Interceltico de Lorient , que se celebrará no vindeiro mes de agosto e que estará dedicado a Galicia e ás súas músicas. Este domingo fará o seu concerto de presentación na Estrada.
O grupo Retrouso, nacido na nosa asociación, achega unha parte importante do proxecto, xa que  10 dos seus compoñentes pertencen ao grupo nacido en Ouzande: Paula Darriba Botana, Manuel Bouzón Fernández, Pablo Neiro Mogo, Uxía Rodríguez Nebra, Celia Astorga Herraiz, Inés Bugallo Puente, Ana Gestoso Froján, Maria Troitiño Seoane, Noelia Bouzón Docampo, e o profesor Marcos Varela Couselo.

A principios de agosto o grupo poñerá rumbo a Francia para participar no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña Francesa. Trátase do festival de música celta máis importante a nivel mundial, que se leva celebrando dende 1971 en dita cidade, e supón o maior punto de encontro das chamadas nacións celtas. Unha particularidade do festival  é que cada ano está adicado a unha rexión celta do mundo diferente, sendo este o ano de Galiza. Invernía acudirá pois, xunto con outras agrupacións, representando á nosa comunidade nesta edición tan importante.

Invernía preséntase oficialmente na Estrada este domingo 2 de xuño no Teatro Principal nun concerto fixado para as 20:00. Será gratuíto e as entradas poden retirarse no Departamento de Cultura do Concello da Estrada, na Taberna de Ouzande ou no propio teatro o día do concerto.



luns, 27 de maio de 2019

Así foi o obradoiro de loción corporal en Ouzande

Celebrouse a sesión do obradoiro na tarde de hoxe cun total de 15 persoas inscritas.

Levaron mostras do resultado, elaborado con ingredientes naturais (aceite de améndoas, cera de abella, auga e gotas de aceite esencial de xeranio)




xoves, 23 de maio de 2019

Así foi a XIV Ruta das Letras a Castrorramiro.

Celebrouse hoxe a 14ª Ruta das Letras no día de hoxe, conforme o programa previsto. As previsións meteorolóxicas seguramente desanimaron a algunhas persoas, a pesar de que o tempo, por veces inestable e chuvioso, permitiu a celebración da camiñada. Unha ducia de persoas acudiu á convocatoria da Asociación para completar os 11 km de recorrido nun ambiente agradable e tranquilo, con numerosas paradas para reparar na flora, na fauna e nas diferentes mostras de arquitectura popular que nos ofrecía o camiño.
Adiantándose mesmo ao horario previsto o grupo xuntouse no adro de Ouzande onde os participantes foron agasallados con dous libros en conmemoración do Día das Letras Galegas. Foron, o volume de recente publicación, Contra o vento, 30 anos do premio García Barros, e Voa, versión de Ana Carreira de O espantallo amigo de Neira Vilas. (Para este agasallo a asociación contou coa colaboración do Concello)
Desde a organización recordouse a figura de Antonio Fraguas, que traballou como mestre na Estrada, e que foi aldraxado e humillado polos membros da falanxe nos tempos da Guerra Civil, destacando a importancia da formación, da cultura e da lectura para non repetir eses tristes momentos da nosa historia.

MÁIS FOTOS AQUÍ

luns, 20 de maio de 2019

OBRADOIRO DE LOCIÓN CORPORAL


OBRADOIRO DE LOCIÓN HIDRATANTE CORPORAL
O obxectivo é a elaboración dunha loción para o coidado e hidratación da pel feito con ingredientes naturais, ecolóxicos e materias primas puras. Tanto os ingredientes como o resultado son respectuosos coa nosa pel e o medioambiente. Cada persoa asistente poderá levar unha mostra do mesmo.
A obradoiro será impartido por Montse Fernández Búa, agricultora ecolóxica e especialista no aproveitamento de plantas e recursos naturais para diferentes utilidades. Rexenta a Bio Tenda Casa Xorxeira na Praza de Abastos da Estrada.
A actividade enmárcase dentro da filosofía da Asociación de achegar aos seus asociados e público xeral información teórica e práctica sobre un uso responsable e limpo dos recursos naturais que nos rodean.
A sesión terá lugar o próximo 25 de maio, sábado, a partir das 5 da tarde no local social de Ouzande.
O prezo será de 3 euros para socios e socias e de 5 euros para persoas non socias. As prazas son limitadas. Poderanse inscribir na Taberna de Ouzande (986570285) ou no correo electrónico da asociación carreirosouzande@gmail.com

Recanto e Retrouso nos Cantos de Taberna da Estrada 2019

Os Cantos de Taberna da Estrada chegaban á súa 6ª edición. Os nosos grupos participaron, unha vez máis neste evento, levando as súas cantigas ao Candil de Silvia, O Bodegón e Bar Enredo. A festa rematou cun xantar comunitario na Polbeiría Porta, onde seguiron cantando ata o anoitecer. Aí quedan as mellores imaxes, picando AQUÍ, do pasado 30 de marzo.


mércores, 15 de maio de 2019

O mapa da XIV Ruta das Letras

Mapa da Ruta a Castrorramiro. Arredor de 12 km

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
- No transcurso da ruta atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que cruzaremos no percorrido.
-Lugar de Castrorramiro. Fermoso lugar da parroquia da Somoza, que conserva numerosas costrucións tradicionais e a estrutura de pequeno nucleo rural con ruelas e fermosos recunchos.
-Pozo da Freixa ou Fírvida. Contorna con muíños e unha fervenza, ademais dun pozo de considarables dimensións para facer un descanso.
-Contorno de muíños da Fervenza de Ouzande.
TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES SERÁN AGASALLADAS CUN LIBRO EN GALEGO, CORTESÍA DA ASOCIACIÓN, EN CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS E DA NOSA LINGUA




Vista da Somoza desde a ruta


domingo, 12 de maio de 2019

XIV Ruta das Letras en Ouzande. Camiño de Castrorramiro


O próximo venres 17 de maio, terá lugar a XIV edición da Ruta das Letras, organizada pola Asociación.

Hora de saída; 9:45, diante da Igrexa de Ouzande.
Chegada sobre as 13:15 ao mesmo sitio.
11 km de percorrido, dificultade baixa.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
A ruta só se suspenderá se as condicións metereolóxicas impiden a súa realización.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
- No transcurso da ruta atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que cruzaremos no percorrido.
-Lugar de Castrorramiro. Fermoso lugar da parroquia da Somoza, que conserva numerosas costrucións tradicionais e a estrutura de pequeno nucleo rural con ruelas e fermosos recunchos.
-Pozo da Freixa ou Fírvida. Contorna con muíños e unha fervenza, ademais dun pozo de considarables dimensións para facer un descanso.
-Contorno de muíños da Fervenza de Ouzande.
TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES SERÁN AGASALLADAS CUN LIBRO EN GALEGO, CORTESÍA DA ASOCIACIÓN, EN CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS E DA NOSA LINGUA.

sábado, 11 de maio de 2019

Así foi o Antroido 19 en Ouzande

Xa pasou algún tempo, pero aquí quedan as mellores imaxes de NOUTURNIA, o Antroido deste ano en Ouzande, celebrado o pasado 2 de marzo.

Pica na imaxe para ver as fotos

https://photos.app.goo.gl/svxpnviMZtRhu9138