luns, 26 de maio de 2014

Ruta Ouzande Tabeirós A Somoza 2014


Programa Imos Andar Primavera 14
Rematamos as rutas da Fervenza de Ouzande da primavera 2014
RUTA OUZANDE-TABEIRÓS-A SOMOZA
ACCESOS: Hai que saír da igrexa de Ouzande (A Estrada), situada a 1 km do centro urbano da vila en dirección sur; rúa Pérez Viondi e travesía de Ouzande (sinalizada). A igrexa está a man esquerda.

PUNTO DE PARTIDA / CHEGADA: A citada igrexa, é unha ruta circular, alí hai sitio para estacionar os turismos.

PERCORRIDO: 13 quilómetros, partindo de Ouzande, percorreremos carreiros cara as veciñas parroquias de Tabeirós e A Somoza, destacando o patrimonio arquitectónico destas parroquias polas que transcorre a ruta.

DURACIÓN: 3h e media

MATERIAL: levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña...) e ter en conta a predición meteorolóxica.

SAÍDA: 10:00 (Igrexa de Ouzande) Pinchando AQUÍ mapa

REGRESO: 13:30h (Igrexa de Ouzande)
A participación está aberta a todas as persoas interesadas e é gratuíta. Non é necesario inscribirse previamente.



LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

- Igrexas Románicas: Igrexa de Ouzande e de Santiago de Tabeirós.

- Contornos rurais: O Formigueiro en Ouzande, As Quintas en Tabeirós; e especialmente Castrorramiro na Somoza, lugar que conserva numerosas edificacións tradicionais, así como a estrutura histórica da aldea.

- Contornos naturais: Agros de Ouzande, Tabeirós e A Somoza; numerosas masas de flora autóctona, especialmente carballeiras. Especialmente: Pozo da Freixa na Somoza: contorno de muiños e unha fervenza de extraordinaria beleza.

Mapa co percorrido a realizar:


domingo, 25 de maio de 2014

imaxes da IX Ruta das Letras 2014

O pasado 17 de maio, unhas 40 persoas participaron na novena edición das Ruta das Letras da Fervenza de Ouzande nunha espléndida mañá soleada e primaveral. Cumpriron o programa previsto, ascendendo ao monte Pedroso, na parroquia veciña da Somoza, o que orixinou a admiración dos participantes, que na súa inmensa maioría non subiran nunca a este alto. As impresionantes vistas fixeron que o grupo demorara a súa parada durante varios minutos. Tamén houbo algunha sorpresa na ruta pois os camiñantes foron atopando en diversos puntos do traxecto, diferentes anacos do poema Penélope, do libro NIMBOS de X. M. Díaz Castro, homenaxeado neste ano das Letras. Despois da lectura en voz alta dalgún dos participantes, o grupo continou a súa marcha ata a chegada ao adro da igrexa de Ouzande, onde agardaba o ben merecido descanso á sombra, así como exemplares de libros en galego de diferentes xéneros cos que a Asociación agasallou aos sendeiristas. O profesor e membro da directiva da asociación, Manuel Rosende fixo unha emotiva lectura do poema completo, facendo as delicias do público, e servindo de colofón a unha extraordinaria xornada de celebración de convivencia, deporte, e cultura, arredor das nosas letras e o noso idioma. 
Aí quedan as fotos tiradas baixo a Mirada de Manuel Rosende. Fermosas.

Penélope
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
 e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
 Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
 a xente que levaron. Deus é o mesmo.
 Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,
 e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!

mércores, 14 de maio de 2014

Imaxes da Ruta dos Carreiros de Ouzande 2014

Este primeiro de maio tivo lugar a primeira das rutas de primavera programadas pola AC A Fervenza de Ouzande, dentro do seu programa Imos Andar. Os 21 participantes na camiñata partiron ás 10 da mañá da igrexa de Ouzande regresando ao mesmo lugar ás 13:30, despois de percorrer os 11 km anunciados. Achegáronse aos camiños do monte da parroquia de Ouzande despois de andar os carreiros dos diferentes lugares da mesma. O bo ambiente e a conversa acompañou aos camiñantes, que se citaron para a próxima convocatoria da Fervenza, o vindeiro 17 de maio. Aí quedan as mellores imaxes:


luns, 12 de maio de 2014

IX RUTA DAS LETRAS


ANDAMOS, FALAMOS E LEVAMOS UN LIBRO PARA A CASA 
AS RUTAS DA FERVENZA DE OUZANDE  
A Fervenza de Ouzande continúa co programa “Imos andar”, coa Ruta das Letras que chega á súa novena edición. Nesta ocasión realizaremos a ruta “Subida ao monte Pedroso”

Será o sábado 17 de maio, con saída ás 10:00 da mañá e regreso ás 13:30 (Igrexa de Ouzande) Ao final do roteiro, todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego en conmemoración do Día das Letras.

A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias. No transcurso da camiñata haberá algunha sorpresa literaria en relación coa obra do autor homenaxeado, X. M. Díaz Castro

ACCESOS: Hai que saír da igrexa de Ouzande (A Estrada), situada a 1 km do centro urbano da vila en dirección sur; rúa Pérez Viondi e travesía de Ouzande (sinalizada). A igrexa está a man esquerda.

PUNTO DE PARTIDA / CHEGADA: A citada igrexa, é unha ruta circular, alí hai sitio para estacionar os turismos. Este é o mapa.
MAPA DO PUNTO DE SAÍDA PINCHANDO AQUÍ

PERCORRIDO: 11 quilómetros, atravesando o monte de Ouzande, cara os montes da parroquia limítrofe da Somoza. Inclúe a subida ao Monte Pedroso (577 m de altitude). Regreso polos bosques frondosos da aba do monte Pedroso cara Ouzande.

DIFICULTADE: Media

DURACIÓN: 3h e media

MATERIAL: levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña...) e ter en conta a predición meteorolóxica. Podes levar prismáticos.



PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

- Monte do Pedroso (A Somoza): Ofrece fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza... O alto do Pedroso, obxectivo da ruta, sitúase a 577 m de altitude, e permitirá gozar aos camiñantes de vistas como as indicadas, e mesmo, en caso de boa visibilidade, da contemplación das Rías de Arousa e Pontevedra.

- Monte Cabalar: A rota discorre en parte a través das parcelas incluídas no coñecido proxecto “Monte cabalar”, o que nos permitirá disfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar os rabaños de cabras e mandas de cabalos e vacas en liberdade.

No transcurso da ruta atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que cruzaremos no percorrido.


ESTE SERÁ O PERCORRIDO QUE REALIZAREMOS