martes, 24 de novembro de 2009

festadoutono 09


trompos e castañas

O día 28 de novembro tarde de xogos e festa no Campo da Festa de Ouzande.

A partir das 16:30, gran CAMPIONATO DE TROMPOS para todas as idades. Haberá zona de principiantes.

Ás 19:30, castañas asadas, chourizos, pan e viño novo para todos e todas, e de balde, porque celebramos o Premio San Martiño. Festa e música con Retrouso. Podes traer instrumentos musicais para sumarte á festa.

venres, 13 de novembro de 2009

entrega do san martiño na prensa

a nosa intervención na entrega de premios, cortesía dun amigo da asociación



No Faro de Vigo

Na Voz


En Galicia Hoxe
E tamén en:

El Correo Gallego

de premio

fomos recibir o premio e dixemos isto:

Os compoñentes da Xunta Directiva da Asociación: Natalia de Sueiro, Manuel de Topete, Rosa de Cabanas, Manuel, da Casa do Rubio, Malusa da Cardalda, Julio de Sueiro, Laura de Topete, Manolo da Taberna, Loli de Cabanas, Xabier Adán o Becario, Alex Ayude e Noelia da Casa do Rubio. E tamén quen foron parte e seguen a estar: Ánxel de Chedas, primeiro presidente, Conchita de Xestoso , Teri da Cardalda, Belén de Obdulia, Miguel de Sueiro, Adolfo da Rega, e quen lles fala, en nome dos máis de 250 socios e socias da Fervenza de Ouzande, xentes de toda idade, caste e pensamento, queremos expresar o noso sentido agradecemento á AC O Brado e ao Padroado dos Premios San Martiño a concesión desta distinción, e as fermosas palabras que nos adicaron na súa xustificación. Poder estarmos á beira de personalidades que forman parte da historia do noso país, como o Fiscal sr. Varela García e o escritor e investigador Sr. Franco Grande, supón para nós unha honra quizais excesiva.

A Fervenza de Ouzande naceu o verán de 2001 coa modesta intención de dinamizar a vida sociocomutaria da nosa parroquia, así como para intentar preservar e mellorar o noso patrimonio cultural, arquitectónico e natural. Desde un primeiro momento escollemos a lingua galega como vehículo natural de comunicación, porque queriamos facelo así. Recibir este premio por facer o que queriamos e o que debiamos supón para nós un gran reconforto e ánimo para seguir adiante no noso labor.

Unha das actividades que promovemos que goza de máis favor e participación é a excursión anual na que imos gozando pouco a pouco dos máis fermosos lugares do noso país: Nun luminoso día de primavera do ano 2005 fomos a Corrubedo e descubrimos que máis alá da duna había un mundo. Serverino de Carlota, daquela un dos socios de máis idade e que nos deixou xa hai algún tempo, volvía a modiño polo carreiro de táboas. Cando chegou onda nós, díxonos que estaba canso, que daba volta, que fora ata o cumio da duna para ver o que había despois, e aínda había outro tanto. Dixo que era como o conto daquel home que nunca pasara da Pontevea e que cría que alí remataba o mundo. Dunha vez que cruzou para alá volveu dicindo: “Pero canto mundo hai despois, outro tanto como para acá!

Nós, un día, fixemos como Severino, subimos ao alto, miramos, mais seguimos para diante a ver o que había. E atopamos os camiños da Fervenza e dos Muiños cheos de silveiras, intransitables. E fomos limpar para poder andar por eles. E todos os anos volvemos limpar e andar camiños.

E atopamos o local social de Ouzande, no soto dun vello palco da música, desfeito e sen vida, e limpamos e pintamos tardes de verán en vez de ir á praia.
E construímos a nosa verdadeira cidade da cultura, aínda que cando chove moito teñamos que enxugar a auga que o asolaga coas nosas propias mans. E foi entón lugar de reunión, de festa, de contos, de teatro, de maxia, de música, de libros, de Asemblea, de merenda, de fin de ano, de aprender Astronomía, de Cogomelos, de Saúde, de tecer cestos, de ceas, de clases de música e baile, de facer e refacer a cotío.

E tamén aprendemos a vender moitas e fermosas camisetas, viramos en especialistas en carros de viño e polbo e churrasco para facer uns cartiños para ter canda nós tanta música da nosa, da de sempre e da de agora, na lingua que falamos. E xogamos moito no campo da festa e no adro da igrexa. Con maiores, con nenos e nenas, e por iso cada catro anos, só en Ouzande, temos Xogos Oulímpicos,. E disfrazámonos, e cantamos coplas, e asamos castañas, e queimamos o home do saco, entre todos e todas. Mesmo aprendemos a tocar as campás, nós e mais os que quixeron, un fin de semana de outono, da man sabia de Alfonso de Chedas, que hoxe ha estar repenicando no ceo os sinos da nosa memoria.

E quixemos escribir o noso presente e tamén o pasado para que quedase para o futuro. E tecemos Carreiros, a nosa revista, o libro como lle chaman en Ouzande, e que, cada ano, chega co outono. Ao final, con todo isto e máis, conseguimos algo que non estaba estaba escrito nos Estatutos, sermos un pouco máis felices, coma hoxe.


Nesta sala están presentes moitas persoas que teñen a responsabilidade de decidir, de mirar polo ben común. Queremos pedirlles que no desempeño da súa función, sexan xustas co noso idioma e a nosa cultura. Humildemente, pensamos que iso non quere dicir manter unha aparente neutralidade. Debe ser neutral o árbitro na contenda, mais non estamos diante de contenda ningunha. Ser xustos é lexislar en favor daquelas realidades que presentan unha maior fraxilidade social. E, nalgúns ámbitos, esa é a situación do galego. Ser xustos é favorecer ao idioma, sen que isto supoña prexuízo para nada nin para ninguén.


Mais, como a lingua tamén a construímos todos e todas, queremos facer extensivo o noso rogo a todos nós, a pais e nais, e pedirlles que non releen a formación dos seus fillos. Que non lles troncemos os azos con que afrontar o futuro. Quitarlles a posibilidade de medrar no que lles é propio, no que os nosos pais e as nosas nais nos aprenderon non garante nin mellor educación, nin tan sequera máis felicidade.


Para ir rematando, queremos dedicar este premio a todas as persoas que encetaron o camiño con nós, que nos aprenderon a coidar e a amar o noso, e que hoxe xa non están. No seu nome quixeramos citar a dúas delas que nos deixaron nos últimos meses:

En primeiro lugar a Don Manuel, o crego de Ouzande e mais da Estrada. Socio fundador, e a quen debemos en gran parte o nome da nosa asociación, “porque fervenzas hai moitas, pero a nosa e a nosa”. Manuel Castiñeiras foi un constante é cómplice valedor desta asociación, colaborador activo na vida asociativa. Os veciños e veciñas de Ouzande, temos ademais, moitos motivos para recordar con agradecemento a súa xenerosa contribución ao desenvolvemento material e social da nosa parroquia.

E en segundo lugar, a Carme Sanmartín, nacida Carmiña da Eira de Castrorramiro da Somoza, tamén socia fundadora e colaboradora entusiasta deste noso proxecto. Ademais, Carme gardaba na súa memoria o tesouro das palabras da lingua, e entre outras moitas cousas, e perdoen que agora fale en primeira persoa, aprendeume o que era un ganduxo, e a botalo tamén.

Eles dous han estar tan orgullosos coma nós, ou se cadra máis, no día de hoxe.

Remato dando unha vez máis as grazas por este recoñecemento, e mentres tanto nós coma sempre, seguimos a andar, seguimos a falar.


Nunca menos.

luns, 9 de novembro de 2009