mércores, 25 de abril de 2018

Presentación de ALBAS e EPÍLOGOS. Un novo libro de Manuel Pereira en Ouzande


A Fervenza de Ouzande continua co seu programa de actividades de primavera e dá comezo a un mes de maio repleto de actividades.
A primeira será a presentación dun novo libro do escritor ouzandés afincado en Madrid, Manuel Pereira Valcárcel. Trátase dunha nova proposta poética baixo o título Albas e epílogos.
A presentación terá lugar o próximo venres 4 de maio ás 20:30 horas no Local Social de Ouzande. Ademais do autor, que falará da súa obra e recitará algúns dos seus poemas, contaremos coa presenza da escritora estradense Nieves Soutelo, que fará a presentación do libro.

Obradoiro de plantas medicinais e o seu aproveitamento. As imaxes.

O local de Ouzande acolleu o pasado sábado 21 de abril un interesantísimo obradoiro de recoñecemento e usos das plantas medicinais que temos na nosa contorna máis próxima. As corenta persoas participantes gozaron co bo facer e os coñecementos de Montse Fernández Búa, de Bio Tenda Casa Xorxeira. Diversas aplicacións con alcohois, aceites e auga saíron das súas mans para satisfacción da concorrencia. Tarde de aprendizaxe en boa compaña en Ouzande.
Se queres ver as mellores fotos  do evento pica na seguinte imaxe:

https://photos.app.goo.gl/NqMc6c4iQVloYks83

xoves, 12 de abril de 2018

Obradoiro de plantas medicinais e o seu aproveitamento en Ouzande


PROGRAMACIÓN PRIMAVERA 2018
OBRADOIRO DE APROVEITAMENTO DE PLANTAS MEDICINAIS

O obradoiro ten como obxectivo o recoñecemento de plantas aromáticas e medicinais que temos ao noso arredor, así como a elaboración de substancias para diferentes usos: cosméticos ou terapéuticos. Tamén se traballará a extracción de propiedades das plantes a través de alambiques. Os asistentes levarán mostras dos produtos elaborados.
A obradoiro será impartido por Montse Fernández Búa, agricultora ecolóxica e especialista no aproveitamento de plantas e recursos naturais para diferentes utilidades. Rexenta a Bio Tenda Casa Xorxeira na Praza de Abastos da Estrada.
A actividade enmárcase dentro da filosofía da Asociación de achegar aos seus asociados e público xeral información teórica e práctica sobre un uso responsable e limpo dos recursos naturais que nos rodean.

A sesión terá lugar o próximo 21 de abril, sábado, a partir das 6 da tarde no local social de Ouzande.
O prezo será de 3 euros para socios e socias e de 8 euros para persoas non socias. As prazas son limitadas. 

Poderanse inscribir na Taberna de Ouzande (986570285) ou no correo electrónico da asociación carreirosouzande@gmail.com

Así foi a charla informativa sobre a praga das velutinas.

O pasado 2 de marzo o local social de Ouzande encheuse de para participar na charla informativa sobre a praga das velutinas en Galicia a cargo do doutor en Bioloxía Xulio Maside, da Universidade de Santiago. O investigador forma parte do grupo que está a analizar a incidencia da velutina en Galicia dende diversas perspectivas así como para propor medidas para a súa erradicación realizado pola Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña. Maside pertence ao grupo de Xenómica de Parásitos do CiMUS e investiga a posibilidade de que parasitos autóctonos galegos podan chegar a afectar ás velutinas. 

O prestixioso científico abordou o tema de xeito moi claro e achegando un punto de vista honrado e crítico con determinadas prácticas que hoxe se están a dar para tratar de abordar o tema. Charla moi amena e excelentemente documentada que aportou aos asistentes novos puntos de vista de cara a posibles solucións para combater a praga.

Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos do evento:

https://photos.app.goo.gl/aJSRuNRlcBPBYIFp1