xoves, 22 de febreiro de 2018

As velutinas en Galicia. Charla informativa en Ouzande



O próximo venres 2 de marzo ás 20.30 horas no local social de Ouzande terá lugar unha charla informativa arredor da praga de avespas velutinas (asiáticas) que asola gran parte da nosa comunidade e que se manifesta de maneira virulenta na nosa parroquia e todas as da nosa contorna. A pesar de ser un fenómeno coñecido por todos, detectamos unha falta de información fidedigna, completa e fiable sobre as características e consecuencias da acción deste insecto así como das posibles medidas de prevención a tomar. En consecuencia, a AC A Fervenza de Ouzande, programa esta actividade, que tratará de achegar a maior e mellor información a todas as persoas interesadas e mesmo afectadas directamente: produtores de mel, de froita, e veciños en xeral. Para iso escolleuse como relator a unha das persoas que hoxe en Galicia conta con máis autoridade científica e coñecemento para falar do tema, o doutor en Bioloxía, Xulio Maside Rodríguez.
Xulio Maside, investigador do CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) da Universidade de Santiago de Compostela. O investigador forma parte do grupo que está a analizar a incidencia da velutina en Galicia dende diversas perspectivas así como para propor medidas para a súa erradicación realizado pola Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña. Maside pertence ao grupo de Xenómica de Parásitos do CiMUS e investiga a posibilidade de que parasitos autóctonos galegos podan chegar a afectar ás velutinas. A día de hoxe é, desde o punto de vista científico, unha das autoridades no tema en Galicia.

Info: Ficha no CIMUS e na Universidade de Santiago

A actividade é gratuíta e nela poden participar todas as persoas interesadas.

A actividade da comezo ao programa de actividades de PRIMAVERA da Asociación, que terá continuidade con outras medioambientais, saídas, rutas e excursións.

As imaxes do Antroido 2018 en Ouzande. Así foi FITOU

Picando na imaxe podes acceder a unha extensa selección de imaxes do noso particular antroido, a FITOU 2018. Moitos visitantes, moitas delegacións extranxeiras, moi bo ambiente e bo humor. Non faltou a música e  a festa.

https://photos.app.goo.gl/M0dOGKjVhK7uxtnD3



luns, 5 de febreiro de 2018

FITOU en Ouzande. ANTROIDO 2018


Delegacións chegadas de todos os recunchos do planeta daranse cita na Feira de Turismo máis importante da contorna, a FITOU (Feira Internacional de Turismo de Ouzande). Todos os continentes estarán representados e encherán de cor e alegría o Antroido ouzandés. Se queres participar neste inesquecible evento non tés máis que achegarte, convenientemente vestid@ para a ocasión, ao Local Social do Campo da Festa de Ouzande o próximo sábado 10 de Febreiro a partir das 8 da tarde. Calquera país, cultura, comunidade, pobo, tribu será ben recibida, e habera un sitio para ela nos stands que teremos preparados para a ocasión. As mellores delegacións recibirán cadanseu merecido premio. Tamén faremos cásting para termos os mellores azafatos e azafatas para o evento. Ven como queiras, pero ven.

HABERÁ MERENDA DE ANTROIDO PARA OS ASISTENTES. MÚSICA E FESTA ATA QUE O CORPO AGUANTE.

DAS CEGAS E AS SÚAS COPLAS NON SABEMOS NADA. A VER SE ALGUNHA DAS DELEGACIÓNS INTERNACIONAIS AS ENCONTRA POR AÍ E NOLAS TRAE.

Crónica da Xunta Xeral Anual da Asociación 2018



Unhas corenta persoas achegáronse o domingo 4 de febreiro ao local social de Ouzande para participar na Xunta Xeral Anual na que a A Xunta Directiva expuxo o informe económico e de actividades do ano 2017, que foron aprobados polos asistentes.
Así mesmo todos os socios e socias puideron disfrutar da proxección de vídeos e imaxes que recollían os mellores momentos do pasado ano asociativo. Tamén se escolleu a nova xunta Directiva que terá a seguinte composición:


Presidente.Xabier Camba Sanmartín
Vicepresidenta. Mari Luz Rodríguez Pazos
Secretario: Manuel Rosende Torres
Tesoureira. Rosa María Herraiz Cabanas
Vocal. María Chedas Camba
Vocal. Manuel Ángel Bouzón Fernández
Vocal. Noelia Bouzón Docampo
Vocal. Manuel Porto Gestoso.
Vocal. Cristina Riveira Porto.
Vocal. Laura Herraiz Cabanas
Vocal. Manuel Uzal Docampo
Novos vocais: 
Almudena Serantes Puente, 
Isabel Durán Parada 
Patxi López Durán.

Como remate da reunión, todos os asistentes compartiron unha merenda a base de chocolate quente e rosca.
Picando na imaxe podes ver as mellores imaxes da reunión:

https://photos.app.goo.gl/SBeescdLLRttFlef1

A seguir achegamos o informe de actividades presentado e aprobado na reunión:


1. Implicación activa dos asociados:

    -Alta porcentaxe de pagamento da cota anual.
    -Novas altas de socios e socias.
    -Participación nas actividades satisfactoria. Tanto na cantidade como  na implicación nelas
2. Descenso do número de iniciativas socioculturais. Este ano 15, frente á media de 20 dos anos pasados.
3. En consecuencia co anterior, o número de participantes é menor, aínda que segue sendo unha cifra á considerar, achegándose ás 600 persoas.
4.  Aposta pola continuidade de actividades relacionadas coa noso contorna e pola nosa relación co medio rural e co medio ambiente. Moi boa acollida tanto cuantitativa como cualitativa.
5.  Mantemento das actividades de aire libre, rutas e excursión, e celebración do ciclo festivo anual, antroido, lumeiro, magosto... Boa participación nas mesmas. Recuperouse a Ruta de Outono, que non se celebrou nestes últimos anos, con gran éxito de participación.
6.  Potenciación das Clases de música e baile tradicional. Mantense o número das persoas inscritas. Aumento de socios.  Participación do grupo de cancións Recanto en iniciativas de fóra da parroquia: A Estrada, S. André de Vea, Pontecesures, Aríns... Participación nestas das novas xeracións de gaiteiras da asociación.
7.  Colaboración con outras entidades da contorna, S. André de Vea, Regatos, centros educativos.
8. Consolidación de outras  formas de organización a través da posta en marcha,  por segundo ano, das Xuntanzas para tecer en Ouzande, xurdidas a partir do Obradoiro de tear realizado no ano 2014.
9. Deixouse de organizar a Fervenza de Músicas das Festas do Socorro de setembro, a causa especialmente do cansazo e da percepción de que se trababa dun proxecto en vías de esgotamento. Tampouco se organizaron actividades lúdicas nas Festas de Ouzande.

Previsións para o 2018
1. Continuar co proceso de renovación iniciado coa Xunta Directiva que se propón para estes dous anos vindeiros.
2. Revisión da metodoloxía de traballo e planificación máis realista e acaída das actividades a realizar.
3.  Mantemento e Dinamización da Ruta da Fervenza. Continuación coa recuperación do Muiño do Rubio.
4. Reforzo de actividades e autoorganización e potenciación das clases de Música e Baile, así como dos grupos que xorden delas.
5. Planificación e deseño dunha nova actividade musical da asociación. Colaboración co proxecto Invernía Lorient 2019 no que está incluído Retrouso xunto con outros grupos galegos.


Realizáronse un total de 15 actividades nas que participaron unhas 600 persoas.

Desde a súa fundación, a Asociación leva realizadas 314 iniciativas ou actividades, ademais de manter durante todo o ano actividades semanais como as Clases de Música e as Xuntanzas para tecer.



xoves, 1 de febreiro de 2018

Convocatoria de Xunta Xeral Anual da AC A Fervenza de Ouzande



AC A FERVENZA DE OUZANDE
CONVOCATORIA DE XUNTA XERAL ANUAL
Estimada socia/Estimado socio:

Pola presente quedas convocada/o á Xunta Xeral anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 4 de febreiro de 2018 ás 5:30 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:

1. Informe de xestión do ano 2017

-Informe de actividades (con proxección de fotografías e vídeos)
-Informe económico.

2. Elección de Xunta Directiva

3. Previsión de ingresos e gastos para o ano 2018

4. Programación anual.

5. Rogos e preguntas.

Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e rosca.

En Ouzande, A Estrada, xaneiro de 2018

PD.
1. É moi importante que fagas o posible por asistir á reunión para que entre todos colaboremos na boa marcha da asociación, e na proposta e organización de actividades. Recorda que a Asociación somos todos e todas. Ademais este ano corresponde renovar a Xunta Directiva

2. Na reunión estarán xa a disposición de todos os socios e socias os recibos da cota anual correspondente, e os pendentes do ano anterior (para os socios/as que non pagaron aínda). Recorda que para a organización das actividades é moi necesario dispoñer dos recursos económicos necesarios. Despois da reunión quedarán á túa disposición na Taberna de Ouzande.



Recanto de Ouzande nas Noites de Raíz de Callobre.

O pasado 13 de xaneiro o grupo Recanto de Ouzande participou na primeira edición deste ano 2018 das Noites de Raíz que se celbran en Callobre organizadas polos nosos amigos OS REGATOS. Estiveron acompañados polas nosas novas gaiteiras, participando nunha estupenda festa cos grupos Gharatuxa e Tanto Nos Ten.

Picando na foto poderas ver as mellores imaxes do evento.

https://photos.app.goo.gl/g0CvOkKxEUtw4Gpk1