mércores, 20 de xuño de 2018

Lumeiro 18 en Ouzande.







LUMEIRO EN OUZANDE

O próximo 23 de xuño, sábado,  terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Teremos música e festa e  se queres, podes traer algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderás asar ti mesmo/a nas brasas da fogueira. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa.

Coma sempre, haberá algunha sorpresiña..., onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el...

Ah!  Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 7:30 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...

Festa Fin de curso 2018. As imaxes

Animada e concorrida festa fin de curso das clases de música, canto e baile tradicional en Ouzande. Moita participación e gran ambiente ata a madrugada. Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos do evento:
https://photos.app.goo.gl/mbEuUSsYijvZScr7A

Retrouso e Recanto na Sardiñada de Ouzande

O pasado 8 de xuño tivo lugar a Sardiñada anual organizada pola Xunta Parroquial. Alí estiveron, coma sempre os compoñentes de Retrouso e de Recanto para animar a festa, acompañados do Grupo Regatos. Aí quedan algunhas imaxes do evento:










xoves, 14 de xuño de 2018

Festa Fin de curso en Ouzande




FIN DE CURSO 2018

Un ano máis a asociación celebra a FESTA de fin de curso das clases de música e canto tradicionais que se desenvolven todos os sábados no local social de Ouzande. 
O curso presente mantivo unha notable participación nestas clases, superando as sesenta persoas, de todas as idades, nas disciplinas de: gaita, tambor, pandeireta, baile, canto e acordeón. 
Os alumnos e alumnas de todas as clases teñen preparadas diferentes actuacións para esta festa de fin de curso.
A asociación convida a unha foliada para o sábado 16 de xuño a partir das 21:00 no campo da festa. Agasallaremos tamén cuns pinchos a todos os asistentes. 

NOVIDADE!!!: Teremos á venda os primeiros exemplares das camisetas de moda neste verán: ANDANDO CAMIÑOS. OUZANDE 2018. 

Están invitados todos os veciños e veciñas da contorna e cantos amigos desexen vir.

Recanto de Ouzande no CEIP Codeseda

O pasado 25 de maio o Grupo Recanto da asociación tivo o inmenso pracer de participar nunha foliada no Colexio Cabada Vázquez de Codeseda. Falamos da Asociación, fomos agasallados con diversas pezas musicais e de baile e puidemos cantar unhas cantigas para esa marabillosa rapazada e esas profes magníficas. Que ben o pasamos. Moitas grazas por nos convidar.









Así foi a prédica de padre Merino en Ouzande

Moitas risas nunha tarde de domingo no local de Ouzande. Boa entrada para atender aos sabios consellos do PADRE MERINO. Picando na imaxe poderas ver as mellores fotos do evento.