luns, 23 de maio de 2016

As imaxes da XI ruta das Letras

Aí quedan as imaxes e unha breve crónica da actividade realizada o pasado 17 de maio.




XI Ruta das Letras. Ruta do Río Gallo

17 para o 17 de maio.
Foron 17 as persoas que responderon á convocatoria da AC  A Fervenza de Ouzande, nunha nova edición, a úndecima, da Ruta das Letras.
12 km de percorrido, na procuras dos alicerces do Río Gallo, que nunha agradable mañá fixeron as delicias dos participantes. Mañá de paseo, de conversa e de convivencia, que se foi salferindo con lecturas dos camiñantes de diferentes estrofas dun dos poemas máis coñecidos de Manuel María, A Fala. O percorrido, atravesando paraxes fermosas da parroquia de Ouzande, pero tamén da veciña parroquia de Arcos de Furcos, no Concello de Cuntis, en especial o lugar de Ferreiros, non defraudou aos sendeiristas que gozaron co esforzo e viron recompensado o mesmo co descanso final, no adro da Igrexa de Ouzande, onde a Asociación lles ofreceu a escolla dun libro de narrativa e outro de poesía na nosa lingua. Cabe dicir que o último premio García Barros, Lourenço xograr, de Manuel Portas foi un dos títulos máis solicitados.
A despedida dos participantes, citándose para o ano vindeiro selouse cos versos de Manuel María:

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

mércores, 11 de maio de 2016

XI Ruta das Letras en Ouzande. Andamos e falamos pola Ruta do Río Gallo




XI RUTA DAS LETRAS

O Día das Letras Galegas ANDAMOS E FALAMOS.

A Fervenza de Ouzande inicia o programa “Imos andar”, coa Ruta  das Letras que chega á súa undécima edición. Nesta ocasión realizaremos a "Ruta do río Gallo".


Será o martes17 de maio, con saída ás 10 da mañá e regreso ás 13:30 (Igrexa de Ouzande) Ao final do roteiro, todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego en conmemoración do Día das Letras.
A Asociación agradece a colaboración do Concello da Estrada nesta actividade
A seguir achéganse todos os datos da mesma e infórmase que a actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatólóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma.


Datos:

Saída: 9:30 da mañá.

Chegada: 13:30

Lugar: Igrexa de Ouzande

Dificuldade media baixa.

Distancia: 12 km

Recoméndase levar un bo calzado de ruta, así como roupa apropiada para a chuvia, e atender ás previsións meteorolóxicas.

Puntos de Interese 
 

- Fonte do Redondo. Perto da saída atravesaremos o fermoso contorno da Fonte do Redondo, en Ouzande, onde a auga abrolla directamente desde o chan.


- Montes de Ouzande. O percorrido inclúe na súa primeira parte camiños a través dos montes da parroquia, onde se combinan masas de árbores autóctonas, de extraordinaria beleza, con outras de coníferas e foráneas.


-Castro de Arcos. Rodearemos este fermoso promontorio no noso percorrido.


-Montes de Arcos. Percorreremos parte dos frondosos bosques dos Montes de Arcos, con masas arbóreas autóctonas de carballos, castiñeiros e acivros.


-Río Gallo. Atravesaremos o Río Gallo, perto do seu nacemento, moi próximo ao límite da parroquia de Ouzande, A Somoza e Arcos. Paraxe fermosa con numerosos saltos, estanques e flora típica de ribeira.

-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que historicamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande.


Mapa da ruta

Recanto de Ouzande na Fuliada de Santo André de Vea

Aí quedan unhas imaxes da actuación do grupo de canto Ouzandés na festa organizada o pasado sábado, 7 de maio polas Mulleres Rurais de Santo André de Vea.


domingo, 8 de maio de 2016

Imaxes do Roteiro Teatral na Fervenza de Ouzande

O pasado 24 de abril, máis dun cento de persoas, de todas as idades, chegadas de lugares como Palas de Rei, Touro, Laxe, Melide e A Estrada participaron no IV Encontro de Teatro Escolar, organizado pola Aula de teatro Avelaíñas do IES Antón Losada Diéguez. A actividade que se iniciou no Teatro Principal da Estrada tivo un magnífico corolario no roteiro teatral poético e musical que se realizou na nosa parroquia e que contou coa colaboración e participación activa da AC A Fervenza de Ouzande.
A xornada teatral e festiva rematou no Campo da Festa de Ouzande cun xantar no que participaron todos os asistentes ao roteiro. Aí quedan as imaxes dun fermoso día de teatro, música, poesía e convivencia.