mércores, 31 de decembro de 2014

imaxes da V Feliz Ruta de Nadal

E PARA DESPEDIR O 2014 AS FOTOS E A CRÓNICA DA RUTA DO NADAL.

Un total de 25 persoas responderon á convocatoria desta 5ª edición da Ruta de Nadal que levou aos camiñantes ao Castro de Arcos, no veciño Concello de Cuntis. Unha magnífica mañá, máis propia de outono que de inverno, serviu de marco dunha marcha de 11 km que levou aos sendeiristas desde a Igrexa de Ouzande ata o citado Castro, volvendo de regreso polo antigo encoro da Estrada e polo contorno da Fervenza de Ouzande e muíños que lucía unha espectacular paisaxe de inverno. 

De volta, a Asociación premiou aos asistentes cunha visita guiada á igrexa de Ouzande, unha das xoias do románico estradense do século XII.

venres, 19 de decembro de 2014

FELIZ RUTA DE NADAL EN OUZANDE

Atréveste? E xa van cinco...

O próximo xoves 25 de decembro, a AC A Fervenza de Ouzande inicia o co seu programa de Actividades do Inverno coa convocatoria da QUINTA edición da Ruta de Nadal. Na mesma percorreremos o Roteiro do Castro de Arcos.



A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Disfrutaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa. A actividade é gratuíta.



Hora de saída: 10:30, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.



Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.



DATOS DA RUTA

Percorrido: 11 km

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

-Castro de Arcos. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.

-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que históricamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande.

-Congostra dos lobos. Para chegarmos á aldea de Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas historias de lobos.

-Fervenza e muíños de Ouzande. Contorno de 7 muiños e un pozo. No camiño de volta atravesaremos este contorno, que da nome á asociación. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...). 

Retrouso e Recanto nas Noites de Raíz en Callobre

Os nosos amigos e amigas de Regato de Matamulleres convidaron á primeira edición das Noites de Raíz de Callobre aos grupos Recanto e Retrouso de Ouzande. Alí estiveron o pasado sábado 13 de decembro.



imaxes camiño ecolóxico en Ouzande

O pasado 12 de decembro a asociación puxo o ramo ao programa OUTONO NA FERVENZA DE OUZANDE coa charla divulgativa CAMIÑO ECOLÓXICO. Representantes da Fundación para o desenrolo ecolóxico de Galicia expuxeron as vantaxes medioambientais e económicas dun aproveitamento ecolóxico das nosas fincas. O público participou de forma activa con moitas observacións e preguntas que foron respondidas polos ponentes: Manuel Barcala, Nicolás Andión e Alfonso Uzal. Aí quedan as imaxes:


luns, 8 de decembro de 2014

camiño ecóloxico en ouzande

O próximo venres 12 de decembro terá lugar unha charla divulgativa no local social de Ouzande que comezará ás 8 e media da tarde.
Estará impartida por representantes da Fundación para o Desenrolo Ecolóxico de Galicia co título de “Camiño ecolóxico”. Explicarán as vantaxes de todo tipo que pode ter dedicar as nosas fincas a cultivos ecolóxicos, tanto económicas como medioambientais.
Aclararán as nosas dúbidas sobre que tipo de produtos son os mellores para cultivar, así como o mellor xeito de tirarlle a maior rendibilidade económica, aproveitando así as propiedades que moitas veces temos descoidadas e sen producir.
A entrada é de balde parta todas as persoas interesadas.

xoves, 27 de novembro de 2014

imaxes curso de cociña de outono con Jaume García

O pasado mércores 19 de novembro tivemos o pracer de ter con nós ao cociñeiro Jaume García, do restaurante Velis Nolis, que nos deleitou coa realización de tres pratos con produtos típicos de outono. As castañas e os cogomelos foron os protagonistas destas receitas, que os case 30 asistentes puideron degustar. Aí quedan as imaxes do evento.

sábado, 15 de novembro de 2014

Curso de Cociña de Outono con Jaume García


OUTONO NA FERVENZA DE OUZANDE.
COCIÑA DE OUTONO
Cogomelos de Ouzande.

O próximo mércores 19 de novembro terá lugar un CURSO INTENSIVO DE COCIÑA DE OUTONO, de 8 a 10 da noite no local social de Ouzande.

Estará impartido polo cociñeiro Jaume García (Restaurante Velis Nolis da Estrada). Realizará receitas baseadas en produtos típicos da estación outonal, que poderán ser degustados polos asistentes.

Trátase da segunda vez que temos con nós a este magnífico cociñeiro, despois do curso celebrado en febreiro de 2012, que tan bo sabor de boca nos deixara.

Nesta ocasión, o curso tera un custo de 3 euros para as persoas socias e 5 para as non socias.

Anotarse na taberna de Ouzande. PRAZAS LIMITADAS.

venres, 14 de novembro de 2014

festa doutono 2014

O pasado sábado, 8 de novembro, celebramos a FESTA DOUTONO con castañas asadas, doces e festa. Moita participación e moita animación nunha chuviosa noite máis de inverno que de outono. Aí quedan as imaxes do evento
Pola tarde, pequenos e maiores estiveron facendo estes orixinais enredos de outono:

xoves, 13 de novembro de 2014

Inicio do obradoiro de tear.

O pasado 4 de novembro iniciouse o curso de tear no Local Social de Ouzande, impartido por María Gaiteiro Moure. Aí quedan as imaxes das dúas primeiras sesións.

venres, 31 de outubro de 2014

Festa doutono 2014 en Ouzande

OUTONO NA FERVENZA DE OUZANDE. 
Festa de Outono 



Pola tarde Obradoiro de Xoguetes de Outono para todas as idades. 
 A partir das 6 da tarde no Local, todos os nenos e nenas están convidados a participar nun obradoiro de xoguetes realizados con froitos naturais típicos desta época do ano. NON O PODES PERDER. 

Pola noite castañas asadas, doces de outono e festa. 
A partir das 20:30 h celebramos a festa das castañas en Ouzande. Haberá castañas asadas e viño novo, de balde para todos os asistentes. Este ano volveremos ter novidades gastronómicas interesantes para facer unha festa máis doce para todos: 
-Degustación de pasteis e doces elaborados con castañas cociñados por socios e socias. SE TI QUERES FACER O TEU DOCE TAMÉN O PODES FACER E COMPARTILO.... Tamén teremos un servizo de bar con chourizos asados a prezo módico para completar a festa. 
Non faltará a música cos compoñentes de RETROUSO, co grupo de pandeireteiras da Asociación e co grupo de cancións RECANTO. 
ANÍMATE E PARTICIPA NA FESTA.

luns, 20 de outubro de 2014

presentación curso tear 2014 en Ouzande

O 19 de outubro presentouse no local social de Ouzande o Curso de Tear, trapillo e ganchillo que organiza a Asociación. Participou no mesmo a profesora María Gaiteiro que expuxo perante as persoas interesadas exemplos dos contidos do obradoiro. Na mesma sesión complétaronse todas as prazas ofertadas. Darán comezo o próximo 4 de novembro, martes, ás 20:30 horas e terá unha duración de 3 meses.

Aí quedan as imaxes do evento.

martes, 14 de outubro de 2014

CURSO DE TEAR EN OUZANDE.


CURSO DE TEAR, DE GANCHILLO E TRAPILLO. O próximo domingo 19 de outubro, a AC A Fervenza de Ouzande continuará co seu programa Outono na Fervenza de Ouzande coa convocatoria dunha reunión informativa sobre o CURSO DE TEAR, DE GANCHILLO E TRAPILLO que terá lugar neste outono en Ouzande. 
Na xuntanza estará presente a profesora do curso, María Gaiteiro. Na mesma explicaranse os contidos do curso, así como os prezos do mesmo e as datas nas que se realizará. 
Convidamos ás persoas interesadas, socias e non socias a coñecer esta técnica de tecido que permite a realización de alfombras, tapetes, manteis, cobertores.... Nesta reunión xa se poderá formalizar a matrícula no curso, que ten prazas limitadas. A reunión será ás 6 da tarde no local social de Ouzande. Achégase cartel da actividade.

xoves, 2 de outubro de 2014

II RUTA DOUTONO


OUTONO NA FERVENZA DE OUZANDE

II RUTA DE OUTONO. En outono tamén imos andar

O próximo domingo 12 de outubro, a AC A Fervenza de Ouzande continuará co seu programa Outono na Fervenza de Ouzande coa convocatoria da II Ruta do Outono. Percorreremos o Camiño á Somoza, atravesano os montes da parroquia de Ouzande e A Somoza. Son 11 km de percorrido a través de bosque de especies frondosas autóctonas, especialmente carballeiras. No traxecto, atravesaremos o contorno da Fervenza de Ouzande e achegarémonos ao lugar de Castrorramiro, na parroquia da Somoza. 
Na actividade poden participar todas as persoas que o desexen e é gratuíta. 
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable, en caso de chuvia.
Percorrido de dificuldade baixa.
Hora de saída: 10:00, diante da igrexa de Ouzande. Chegada sobre as 13:30 ao mesmo sitio.

martes, 23 de setembro de 2014

Inicio das clases de música e baile tradicional en Ouzande. Curso 2014-2015

O pasado sábado, 20 de setembro, presentouse o novo curso 2014-15 de Música, canto e baile tradicional en Ouzande.
As clases darán comezo o próximo sábado 4 de Outubro no seguinte horario: 

Mañá:
10:30 a 11:30 ACORDEÓN. Profesor: Marcos Varela. 
10:30 a 11:30 TAMBORIL. (Iniciación) Profesor Xosé Martíns, Fofi
11:30 A 12:30 GAITA (Iniciación) Profesor Marcos Varela.
11:30 a 12:30 TAMBORIL. (Avanzado)Profesor Xosé Martíns, Fofi
12:30 A 13:30 GAITA (Avanzado) Profesor Marcos Varela. 
 
Tarde:
16:30 PANDEIRETA. Profesora Silvia Martínez
20:30 BAILE. Profesora Silvia Martínez

Noite:
22:00 a 23:00 CANCIÓNS TRADICIONAIS Profesor Marcos Varela.

Se estás interesado/a achégate o día indicado no horario establecido.
Máis info no correo: carreirosouzande@gmail.com

Aí quedan as mellores imaxes da presentación, á que asistiron un bo número de persoas interesadas. Compartimos merenda e rematamos con música, cancións e baile.

ANÍMATE. Como mínimo, vaste divertir!


mércores, 17 de setembro de 2014

BAILAS? CLASES DE MÚSICA E BAILE EN OUZANDE. CURSO 2014-2015



CURSOS DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL 2014-2015

Dan comezo as clases deste novo curso. A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a unha reunión de presentación do curso que terá lugar o próximo sábado 20 de setembro no local social de Ouzande ás 4 e media da tarde.

As clases que poñeremos en marcha serán:
- Gaita
- Pandeireta
- Tamboril
- Baile
- Acordeón
- Cancións tradicionais


Na reunión informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA, BAILE que terán lugar os sábados pola tarde, e das clases de ACORDEÓN, GAITA E TAMBORIL, que se celebrarán os sábados pola mañá. TAMÉN SE INFORMARÁ DO HORARIO DO GRUPO DE CANCIÓNS TRADICIONAIS, que se celebrará os sábados pola noite.
No curso pasado, foron máis de sesenta as persoas matriculadas nestas especialidades musicais, de todas as idades.

Tamén convidamos ás persoas participantes nas diferentes clases e a todas as interesadas a traeren os seus instrumentos para interpretaren algunha peza e facer algo de festa. Para rematar a reunión a Asociación convida a uns pinchos de merenda.

As persoas interesadas poden inscribirse na propia reunión ou a traves do correo carreirosouzande@gmail.com. Tamén na Taberna de Ouzande (986570285)

martes, 16 de setembro de 2014

Imaxes VII Fervenza de Músicas 2014

Magnífica noite de festa a do pasado 12 de setembro no Campo da Festa de Ouzande. Moita asistencia e participación nunha foliada animada por A Xuntanza de San Pedro, Vou Vir Vor Ver, Milgrandeira, Recanto e Retrouso de Ouzande. Aí quedan as mellores imaxes:


OUTONO NA FERVENZA DE OUZANDE

O outono 2014 vai chegando...

mércores, 10 de setembro de 2014

TODA A INFO SOBRE A FERVENZA DE MÚSICAS 2014

 

A AC A Fervenza de Ouzande presenta a sexta edición da FERVENZA DE MÚSICAS, dirixida especialmente á promoción e divulgación da nosa música, tal como ven facendo desde a súa fundación, a través do desaparecido festival Músicas da Terra, ata 2007, ou coas clases de música tradicional que se desenvolven no local social de Ouzande.
A iniciativa, xa consolidada nas seis anos anteriores, cumpre o obxectivo fundamental de posibilitar o intercambio cultural e musical con outras iniciativas e grupos semellantes, achegando agrupacións da comarca e de comarcas próximas. Trátase de agrupacións de música tradicional e popular pero con formas ben distintas de achegarse á musica galega deste tipo, dando mostra da riqueza e variedade da mesma, obxectivo que tamén está nas nosas intencións.
Tamén está nas motivacións da actividade o feito de incluír no programa das festas parroquiais (Festas do Socorro de Ouzande) unha actividade musical diferente nas que a música tradicional e popular teña cabida e sexa a principal protagonista. En consecuencia FERVENZA DE MÚSICAS está incluída en dito programa de festexos que organiza a Xunta Parroquial de Ouzande.
As actuacións dos grupos convidados serán todas elas “a pé de campo”, mesturándose entre o público , tratando así de recuperar o sabor e ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior participación posible dos asistentes.
O programa desta VII Foliada será o seguinte:
Día: Venres, 12 de setembro de 2014
Hora: 22:00 h.
Lugar: Campo da Festa de Ouzande.
Haberá posto de polbo e churrasco, así como servizo de bar.

Actuacións Musicais:
Milgrandeira (A Estrada)
Milgrandeira é unha nova agrupación de música tradicional estradense que leva tocando dende fai un ano. Os seus instrumentistas son compoñenetes e excompoñentes da agrupación de Barbude que decidiron xuntarse para expandir as súas ansias de tocar. Durante este ano en activo tocaron en celebracións, festas e foliadas de diferentes puntos da comarca e a súa contorna. Milgrandeira está formada por: Raquel Lamazares: gaita e pandeireta; Lucía Chas: gaita; Ana Carballo: gaita; Andrea Arias: gaita; Sergio López: acordeón; Chema Cerqueiro: tamboril; Xosé Martíns: bombo.

Vou Vir Vor Ver (Santiago)
Grupo de música e canto tradicional de Santiago de Compostela que se presenta así: Había unha vez no coro dunha A.F. chamada Cantigas e Agarimos unha xentiña, mulleres e homes de todas as idades, que tiñan ganas de pasalo ben ao noso xeito, ao xeito dos galegos: cantando, tocando, bailando... música de aquí. E ás portas do mes de xuño do 2011 xuntáronse nun bar, onde se toman as decisións importantes, e crearon este proxecto. Pero pasou que xa non estaban sós porque outros moitos se lles foron arrimando e crearon así un mosaico violeta ben xeitoso. Estreáronse nos Cantos de Taberna do Folk in Río(Touro) e dende aquela seguen armando festa e coidando, como mellor saben facer, de que a nosa tradición siga viva e ben viva.

A Xuntanza de San Pedro (Santiago)
Grupo de Gaitas da Xuntanza xurdido hai máis dunha década no seo desta asociación veciñal do carismático barrio da capital de Galicia. Unha ducia de gaiteiros e gaiteiras que veñen amenizando festas e foliadas de Santiago e de diferentes puntos da nosa comunidade. Proxecto interxeracional de amantes da nosa música.



 
Retrouso (Ouzande)
Fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O ano 2012 presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional. Preparan a gravación do seu segundo traballo. 

Recanto (Ouzande)
Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, ese mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, e participou en foliadas e certames de cantos de Taberna en Trazo, Arzúa ou Santo André de Vea
Cómpre subliñar que esta actividade se realiza cos recursos propios da Asociación, así como a colaboración da Xunta Parroquial de Ouzande, e sen ningún tipo de subvención das entidades públicas oficiais. Neste sentido, queremos agradecer publicamente a boa disposición de grupos e músicos convidados, que sumarán perto de medio cento de persoas.
Ao mesmo tempo convidamos a todos e a todos os veciños da Estrada e a súa contorna a traer os seus instrumentos musicais, para poñer remate á festa como é debido.
TAMÉN HABERÁ UN STAND DA ASOCIACIÓN NO QUE SE PORÁN Á VENDA AS CAMISETAS OFICIAIS DESTE ANO 2014. O DESEÑO RURAL FAXION DE ROSA DE CABANAS.









xoves, 4 de setembro de 2014

VII Fervenza de Músicas en Ouzande


VII FERVENZA DE MÚSICAS 2014
A Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande presenta a sexta edición da FERVENZA DE MÚSICAS, VII Foliada de Música Tradicional para estas festas. A cita musical terá lugar o próximo venres, 12 de setembro, a partir das 10 da noite no Campo da Festa de Ouzande, dentro do programa das Festas do Socorro organizadas pola Xunta Parroquial. Os grupos convidados son:
Milgrandeira (A Estrada)
Vou Vir Vor Ver (Santiago)
A Xuntanza de San Pedro (Santiago)
Retrouso (Ouzande)
Recanto (Ouzande)

Haberá posto de polbo e churrasco. Tamén teremos un posto de venda de camisetas. Mentres tanto, seguen á venda na taberna de Ouzande as camisetas do verán 2014. Poderás lucir un fermoso deseño RURAL FAXION.



Imaxes unha noite no muíño 2014

A actividade tivo unha estupenda resposta pois foron bastantes as persoas que se achegaron a pasar Unha noite no muíño no contorno da Fervenza de Ouzande. Foron recibidas, desde as dez da noite polos misterioros trasnos do monte, que penaban polas congostras cumprindo penitencia dos seus males.
Arrepiantes sons saídos da espesura do bosque arrincaban gritos estarrecedores dos participantes ata chegar ao Muiño da Fervenza onde foron dispoñendo todo o neceserario para unha cea en compañía. Ala pola media noite os misteriosos seres da fervenza foronse concentrando no Muiño, escoltados polos gaiteiros que se achegaron á festa. Alí fixeron un rito de esconxuro no que expiaron os seus "pecados"
Despois da cea e da conversa deu comezo a foliada na que participaron gaiteiros e gaiteiras dos grupos Retrouso e Milgrandeira. Tamén se cumpriu, un ano máis, co rito do conxuro da queimada, que logos degustaron todos os festeiros.
Despois de horas de foliada, festa, baile e cancións a madrugada levou consigos a festeiros e trasnos, tan contentos ata a próxima noite do muíño.

fotos dos xogos agosto 2014

A chuvia impediu que puidesemos celebrar o GRAN XOGO DO CALDEIRO PENZO. Témolo gardado para o ano que ven. Aínda así xuntámonos debaixo do toldo de Porta para pasar unha tarde divertida. Os/as máis valentes....


venres, 15 de agosto de 2014

unha noite no muíño 2014

Este sábado 16 de agosto celebramos unha nova edición de UNHA NOITE NO MUIÑO.
A partir das 10 da noite estaremos no Muíño do Rubio, na Fervenza de Ouzande.
Haberá festa e música para unha noite de convivencia e lecer. Hai que levar a cea e moita gana de pasalo ben.
É imprescindible levar lanterna para o camiño, onde poderás levar algunha que outra sorpresa. 
Tamén podes ir vestido/a para a ocasión. Como queiras.

Estás convidado/Estás convidada.
 
Para quen queira ir “ben preparado/a” convocamos unhas sesión de maquillaxe para ser caracterizado de meiga/o da fervenza. A PARTIR DAS 7 DA TARDE NO LOCAL DO CAMPO DA FESTA. Levar roupa negra. (Dirixido sobre todo a rapaces e rapazas, pero para todas as idades)
AC A FERVENZA DE OUZANDE

venres, 8 de agosto de 2014

xa chega o caldeiro penzo

No plano deste folleto agóchanse os misteriosos lugares que os participantes no GRAN XOGO DO CALDEIRO PENZO terán que descubrir para desenmeigar aos turistas encantados que xa temos na parroquia. E para que quererán o caldeiro penzo?
Se queres descubrilo, e pasalo ben, achégate o próximo domingo ao campo da festa de Ouzande ás 18:30 h. Dá igual a túa idade. Ademais é de balde.
A actividade suspenderase en caso de que o mal tempo impida a súa realización

XA SABES QUE NON O VAS ESQUECER FACILMENTE

venres, 1 de agosto de 2014

o caldeiro penzo

AC A FERVENZA DE OUZANDE 
Festas de Ouzande 2014 
 GRAN XOGO DO CALDEIRO PENZO 
“Aí ven o San Lourenzo co caldeiriño penzo” 
Un grupo de turistas encantad@s están agardando polo desencantamento e para iso ti tes todo o poder. Se queres desencantalos ven o domingo 10 de agosto ao campo da festa de Ouzande ás 6 e media da tarde, hora na que comezará o rito para desenmeigar a estes turistas. Dá igual os anos que teñas. Para todas as idades e para todos os públicos. Gratuíto. Gran xogo do Caldeiro Penzo por todos os lugares de Ouzande. 
Non o vas esquecer facilmente. 
 Seguiremos informando

mércores, 9 de xullo de 2014

Lumeiro 2014 en Ouzande

Para poñer fin a un intenso mes de xuño, celebramos unha nova edición da festa do lumeiro no campo da festa. Despois de preparar a auga de flores e amañar o home do saco, comezaba a festa cando a noite caía sobre o Ouzande. Chourizos asados, viño, música e festa precederon á queima da fogueira, que comezou ás 12 da noite, despois da procesión do Home do Saco. Non faltaron os saltadores e saltadoras da fogueira, que deron lugar ás fermosas imaxes captadas por Manuel de Topete. Que as desfrutes:

Festa fin de curso en OUZANDE 2014

Máis de 60 persoas se deron cita na tarde do pasado 21 de xuño no Campo da Festa de Ouzande para celebrar a festa que poñía o ramo ao curso 2013-14. As clases, que volveron ter unha nutrida matrícula, tocaron as modalidades de acordeón, percusión, gaita, pandeireta, canto e baile tradicional. Foi precisamente unha mostra do alumnado desta última a que abriu unha bonita velada na que non faltou a boa música e a merenda de convivio dos asistentes.
Aí quedan as mellores imaxes


sábado, 21 de xuño de 2014

lumeiro 2014

AÍ VEN A FESTA DO LUMEIRO

 
O próximo 23 de xuño, luns, terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Faremos festa co grupo Retrouso e, se queres, podes traer algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderás asar ti mesmo/a nas brasas da fogueira. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa.
Coma sempre, haberá algunha sorpresiña..., onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el...
Ah! Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 7 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...

martes, 17 de xuño de 2014

camisetas rural faxion ouzande 2014


CAMISETAS DE MODA 
A camiseta do verán en Ouzande. Xa a tés á túa disposición na taberna de Ouzande. Talles e modelos a escoller. O RURAL FAXION está de moda. O deseño é de Rosa de Cabanas. 
 Á venda tamén nas actividades da asociación.

venres, 13 de xuño de 2014

Festa fin de curso 2014


Un ano máis asociación celebra a FESTA de fin de curso das clases de música e canto tradicionais que se desenvolven todos os sábados no local social de Ouzande. 
O curso que agora finaliza volveu ter unha notable participación nestas clases, superando as sesenta persoas, de todas as idades, nas disciplinas de: gaita, tambor, pandeireta acordeón e cancións tradicionais.
Convidámoste a unha foliada para o sábado 21 de xuño a partir das 9 da tarde no campo da festa. Convidaremos tamén a uns pinchos a todos os asistentes. (Se queres, podes achegarte a partir das 8 e cuarto para ir preparando todo) Non esquezas traer o teu instrumento musical. 
Están invitados todos os veciños e veciñas da parroquia e cantos amigos desexen vir.

excursión á comarca do morrazo

Unha mañá chuviosa e desapracible recibiu aos 62 excursionistas da Fervenza de Ouzande que o pasado domingo 8 de xuño se achegaron á Comarca do Morrazo na Excursión anual da Asociación que acadaba súa décimoterceira edición. O museo Massó de Bueu foi o primeiro punto de destino no que os visistantes puideron coñecer de primireira man a historia da fábrica de conservas de orixe catalá que tanta importancia tivo neste sector industrial en Galicia. O motivo mariñeiro foi o fío condutor da actividade que continuou coa visita ao mirador de Donón en Cangas, onde gozaron das vistas da Costa da Vela, Cabo Home e as Illas Cíes.
 O mal tempo foi en aumento, facendo que a posterior visita á antiga fábrica de Massó en Cangas estivese pasada por auga e vento, o mesmo que o paseo polo centro desta vila mariñeira. O xantar a cuberto, nunha escola da parroquia de Darbo, pareceu apaciguar a climatoloxía e esta premiou o aguante e bo humor dos ouzandeses cunha inesperada tarde soleada e agradable. 
Aproveitaron entón para visitar o mirador de Monte Carrasco en Cangas, onde gozaron de esplendorosas vistas da Ría de Vigo, e posteriormente desprazarse a Cabo Udra en Bueu, outro dos puntos fortes da visita á comarca morracense. Trátase dun contorno protexido, no que despois de visitar a Aula de Natureza do mesmo, noutra visita guiada, fixeron un percorrido a pé entre os penedos ou bolos de granito que coroan a paisaxe, ou os chozos de esqueiros, pequenas costrucións de pedra a carón das grandes rochas redondeadas onde pernoctaban os pastores ata non hai moitas décadas. 
Un paseo polas praias próximas puxo fin a unha mágnífica xornada de convivencia e disfrute dun dos recunchos máis fermosos de Galicia. Os participantes, regresaron a Ouzande repasando a banda sonora da excursión, o tema “Se vou a Bueu” de Andres do Barro, e citándose para a do próximo ano.

Aí van as mellores imaxes dunha xornada inesquecible:

fotos ruta ouzande tabeirós a somoza 2014


1 de xuño de 2014
Trinta e cinco persoas participaron nunha soleada mañá na Ruta Ouzande-Tabeirós-A Somoza que pechaba o ciclo primaveral do programa Imos Andar organizado pola Fervenza de Ouzande. Os camiñantes cumpriron co programa no horario previsto, gozando da conversa, dos camiños e das fermosas paraxes que estes lles proporcionaron, xunto coa visita a lugares senlleiros do patrimonio arquitectónico das parroquias polas que transcorreu o roteiro, como as igrexas románicas de Ouzande e Santiago de Tabeirós ou o lugar de Castrorramiro na Somoza. Aproveitaron tamén para facer un breve descanso no fermoso contorno da Poza da Freixa, na Somoza.
Os sendeiristas citaronse para a próxima camiñada, a ruta de Outono, que terá lugar o próximo 12 de outubro.
A AC A Fervenza de Ouzande remata con esta o programa primaveral de rutas IMOS ANDAR, no que participaron cen persoas chegadas da propia parroquia, doutras dos arredores e vila da Estrada, así como de localidades máis afastadas como Santiago de Compostela, Ames, Pontevedra, Vilagarcía, etc. Como non pode ser doutro xeito, a Asociación valora moi positivamente o resultado desta actividade.

luns, 26 de maio de 2014

Ruta Ouzande Tabeirós A Somoza 2014


Programa Imos Andar Primavera 14
Rematamos as rutas da Fervenza de Ouzande da primavera 2014
RUTA OUZANDE-TABEIRÓS-A SOMOZA
ACCESOS: Hai que saír da igrexa de Ouzande (A Estrada), situada a 1 km do centro urbano da vila en dirección sur; rúa Pérez Viondi e travesía de Ouzande (sinalizada). A igrexa está a man esquerda.

PUNTO DE PARTIDA / CHEGADA: A citada igrexa, é unha ruta circular, alí hai sitio para estacionar os turismos.

PERCORRIDO: 13 quilómetros, partindo de Ouzande, percorreremos carreiros cara as veciñas parroquias de Tabeirós e A Somoza, destacando o patrimonio arquitectónico destas parroquias polas que transcorre a ruta.

DURACIÓN: 3h e media

MATERIAL: levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña...) e ter en conta a predición meteorolóxica.

SAÍDA: 10:00 (Igrexa de Ouzande) Pinchando AQUÍ mapa

REGRESO: 13:30h (Igrexa de Ouzande)
A participación está aberta a todas as persoas interesadas e é gratuíta. Non é necesario inscribirse previamente.



LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

- Igrexas Románicas: Igrexa de Ouzande e de Santiago de Tabeirós.

- Contornos rurais: O Formigueiro en Ouzande, As Quintas en Tabeirós; e especialmente Castrorramiro na Somoza, lugar que conserva numerosas edificacións tradicionais, así como a estrutura histórica da aldea.

- Contornos naturais: Agros de Ouzande, Tabeirós e A Somoza; numerosas masas de flora autóctona, especialmente carballeiras. Especialmente: Pozo da Freixa na Somoza: contorno de muiños e unha fervenza de extraordinaria beleza.

Mapa co percorrido a realizar: