domingo, 23 de setembro de 2012

bailas? clases de música curso 2012-2013

  -->
CURSOS DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL
ACORDEÓN, GAITA, BAILE, PANDEIRETA, TAMBORIL E CANCIÓNS TRADICIONAIS
AC A FERVENZA DE OUZANDE
Dan comezo as clases deste novo curso. A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar o próximo sábado 29 de SETEMBRO no local do campo da festa ás 16:30 da tarde.

Novidade importante: Este ano teremos clases de CANCIÓNS TRADICIONAIS, ademais das clases de ACORDEÓN, GAITA, PERCUSIÓN, BAILE E PANDEIRETA.

Na reunión informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA, BAILE que terán lugar os sábados pola tarde, e das clases de ACORDEÓN, GAITA E TAMBORIL, que se celebrarán os sábados pola mañá. TAMÉN SE INFORMARÁ DO HORARIO DO GRUPO DE CANCIÓNS TRADICIONAIS.

Tamén convidamos ás persoas participantes nas diferentes clases e a todas as interesadas a traeren os seus instrumentos para interpretaren algunha peza e facer algo de festa. Para rematar a reunión a Asociación convida a uns pinchos de merenda.

Anímate a tocar algún instrumento, a cantar ou a bailar. Verás que non é tan difícil, e ademais vaste divertir. Podes inscribirte enviando un correo a carreirosouzande@gmail.com oui asistindo á reunión.

venres, 21 de setembro de 2012

GO ON en Ouzande. Imaxes

Na tarde do 9 de setembro a compañía teatral de Xoque Carbajal Malasombra teatro puxo en escena GO ON no Campo da Festa de Ouzande. Numeroso público achegouse ata o teatro improvisado pola Fervenza de Ouzande neste lugar para gozar cunha historia divertida que fala de nós mesmos.
Da autoría de Xosé Prieto e coa dirección de Marcos Orsi e co traballo de Carlos Alonso na escenografía, son e vestiario. Os intérpretes son Xoque Carbajal e Jousue García.
A historia que se conta nesta obra é a dun reto necesario logo da chegada do home á lúa, a súa chegada a Galicia. Así é como os dous actores entrañan a dous lunáticos personaxes que deciden adentrarse na odisea de investigar que é e como é Galicia. Farano pola ruta xacobea.
Así é como teñen que loitar contra un can de palleiro, entender a matanza, despistar a Santa Compaña, viaxar nun tren galego...
Todo isto para conseguir as constantes gargalladas do público e a complicidade do mesmo.
Malasombra teatro xa ten unha nova obra en cartel, pero a partir desta actuación retoman Go On logo do parón do verán para representala en diversos auditorios de Galicia adiante. Polo momento xa é a obra que conta con maior número de representacións.
(Texto tomado de ouzande.blogspot.com)

imaxes da V Fervenza de músicas en ouzande


O pasado 7 de setembro Ouzande tivo unha estupenda noite de foliada, acompañada pola agradable temperatura e unha boa afluencia de xente. Os grupos Maravallada de Pontevedra e Os Tabernícolas de Santiago ocuparonse de animar a festa coa súa música e as súas cantigas populares e de "taberna". Xuntanza dos Regatos de Orazo, cunha animadísima posta en escena ocupouse de arrancar os primeiros bailes da concorrencia. A "culminación da festa" chegou coa magnífica e inesperada actuación conxunta dos grupos Pana Raiada, de Santiago e os anfitrións de Retrouso, que sumaban un total de 29 músicos de todas as idades (22 gaitas, soando sorprendentemente afinadas). Fixeron un amplo repertorio de pezas de todos os paus, de cante e de baile, que arrincaron o baile de numerosos participantes e moitos aplausos do público. A foliada aberta continuou ata pasadas as catro da madrugada.

luns, 3 de setembro de 2012

TEATRO NAS FESTAS DE OUZANDE 2012

 
Este domingo, 9 de setembro, A Fervenza de Ouzande programa un espectáculo teatral de primeiro nivel en Galicia para poñer remate ás festas do Socorro 2012.
Trátase da obra GO ON, da compañía Malasombra, que xa supera as 50 representacións en toda Galicia.
No reparto encontramos a Josué García e ao ouzandés Xoque Carbajal, dirixidos por Marcos Orsi.
A representación terá lugar no Campo da Festa de Ouzande, a partir das 19:30 horas. A entrada será de balde, e a obra é apta para todos os públicos.

GO ON.
“Logo da chegada do home á lúa á humanidade só lle faltaba un reto: a chegada do home a Galicia. No ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso), dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea.”

Máis información e imaxes en MALASOMBRA.

FERVENZA DE MÚSICAS. V FOLIADA DE MÚSICA TRADICIONAL




A AC A Fervenza de Ouzande presenta a quinta edición da FERVENZA DE MÚSICAS, dirixida especialmente á promoción e divulgación da nosa música, tal como ven facendo desde a súa fundación, a través do desaparecido festival Músicas da Terra, ata 2007, ou coas clases de música tradicional que se desenvolven no local social de Ouzande.

As actuacións dos grupos convidados serán todas elas “a pé de campo”, mesturándose entre o público , tratando así de recuperar o sabor e ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior participación posible dos asistentes. 
 
O programa desta V Foliada será o seguinte:
Día: Venres, 7 de setembro de 2012
Hora: 22:00 h.
Lugar: Campo da Festa de Ouzande.
O campo estará cuberto por unha carpa e haberá posto de polbo e churrasco, así como servizo de bar.

Actuacións Musicais:
Maravallada (Pontevedra)
Retrouso (Ouzande)
Pana Raiada (Santiago)
Os Tabernícolas (Santiago)
Xuntanza dos Regatos (Orazo)

Ademais, o grupo anfitrión, Retrouso, continúa coa xeira de actuacións de presentación do seu primeiro dísco, “OU”, de recente publicación, e que poderá ser adquirido no posto da asociación, no transcurso da festa.

Venda de camisetas e gorras conmemorativas
Nesta ocasión as camisetas, deseñadas pola ouzandesa Rosa Herraiz, fan referencia a este primeiro disco do grupo Retrouso. A oferta compleméntase cunhas gorras, co lema Ouzande 2012.

Ao mesmo tempo convidamos a todos e todas as asistentes a traer os seus instrumentos musicais, para poñer remate á festa como é debido.