sábado, 22 de xuño de 2013

fotos ruta ouzande-tabeirós-somoza

Tivo lugar o pasado 8 de xuño. Foi a últimas rutas do programa de primavera IMOS ANDAR, na que participaron unha ducia de persoas, que pecorreron os camiños que unen as parroquias de Ouzande, Tabeirós e A Somoza. Destacou o bo ambiente e a camaradería entre os participantes, así como a visita á igrexa románica de Santiago de Tabeirós, o lugar de Castrorramiro na parroquia da Somoza, e a parada no fermoso contorno da Freixa (fervenza de muiños) desa mesma parroquia. Aí quedan as imaxes:

luns, 17 de xuño de 2013

Lumeiro 2013

UNHA FESTA DIFERENTE
O próximo 23 de xuño, domingo, terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Faremos festa co grupo Retrouso e, se queres, podes traer algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderás asar ti mesmo/a nas brasas da fogueira. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa. Coma sempre, haberá algunha sorpresiña..., onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el... Ah! Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 6 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...

Fotos Festa Fin de curso 2013

Máis de sesenta persoas participaron na Festa de Fin de curso das Clases de Música tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande, que tivo lugar o pasado sábado 15 de xuño. Comezaron compartindo unha merenda de confraternidade, á que seguiu unha velada musical, na que participaron os alumnos e alumnas das clases de gaita, pandeireta, tambor, acordeón e canto tradicional. A Foliada prolongouse ata ben entrada a noite, entre un bo ambiente de todos e todas as participantes. Aí quedan as mellores fotos:

mércores, 12 de xuño de 2013

Festa Fin de Curso 2013

Este ano a asociación celebra a FESTA de fin de curso das clases de música e canto tradicionais que se desenvolven todos os sábados no local social de Ouzande. O curso presente supuxo un notable aumento da participación nestas clases, superando as sesenta persoas, de todas as idades, nas disciplinas de: gaita, tambor, pandeireta e acordeón. Destacou tamén o grupo de cancións tradicionais que empezou as clases este curso e que xa conta cun número importante de compoñentes, que xa fixeron algunha actuación, nos Cantos de Taberna de Pontevedra e na Sardiñada de San Antón. Convidámoste entón a unha foliada para o sábado 15 de xuño a partir das 9 da tarde no campo da festa. Convidaremos tamén a uns pinchos a todos os asistentes. (Se queres, podes achegarte a partir das 8 e cuarto para ir preparando todo) Non esquezas traer o teu instrumento musical. Están invitados todos os veciños e veciñas da parroquia e cantos amigos desexen vir.

venres, 7 de xuño de 2013

imaxes excursión ourense romano e urbano 2013

A excursión anual, que cumpría a décimo segunda edición, organizada pola AC A Fervenza de Ouzande tivo lugar este domingo día 2 de xuño. Perto de 50 persoas responderon á convocatoria e desprazáronse á cidade de Ourense, e á Comarca de Bande, a onde foran convocados pola asociación para vivir e revivir o OURENSE URBANO E ROMANO. O tempo despexado e cálido acompañou aos ouzandeses durante toda a xornada en terras ourensás.
A visita á cidade consistiu nun percorrido pola zona histórica, partindo das súas orixes romanas, e percorrendo as súas diferentes rúas e prazas nunha viaxe ata o presente.
Comezaron polas orixes coa visita á Alameda e ás Burgas e o seu Centro de Interpretación. Pasaron polo punto onde se situaba o campamento romano e foron comprobando como se foi conformando urbanísticamente a cidade. Aproveitaron a vista a igrexa de Santa María Nai para coñecer a época xermánica. A plena Idade Media coñecérona a través da percorrido pola Praza Maior ou Praza do Campo. Desda Praza do Trigo, antigo mercado medieval, accederon á Catedral, de orixe románica, comezada a construír en 1157. Puideron comprobar as orixinais singularidades da igrexa barroca de Santa Eufemia. Aproximáronse xa a unha fasquía máis moderna da cidade coa Rúa do Paseo ata a chegada ao parque de San Lázaro, desde onde baixaron, percorrendo o Camiño de Santiago, ata a famosa Ponte Romana ourensá, onde gozaron dunhas magníficas vistas da cidade e do río Miño.
O xantar comunitario celebrouse nas magníficas instalacións da Feira de Ourense, á beira do Rio Miño, e moi perto das termas da Chavasqueira, onde os máis atrevidos aproveitaron para darse un baño.
Despois do merecido descanso dirixíronse á coñecida igrexa de Santa Comba de Bande, con orixes no século VII. Nesta visita os excursionistas puideron gozar dunha magnífica explicación histórica e artística por parte dunha veciña do lugar, que é a encargada do coidado e divulgación desde monumento histórico.
No mesmo concello de Bande, dirixíronse ao Xacemento Arqueolóxico Aquis Querquennis, antigo asentamento do exército romano na chamada Via Nova. Tiveron ocasión de visitar previamente o magnífico Centro de Interpretación do mesmo, da man dunha guía do mesmo. Os veciños e de Ouzande resultaron moi gratamente sorprendidos coa visita “in situ” a este magnífico recurso arqueolóxico e histórico, e tan pouco coñecido na nosa comunidade.
Sen moitas máis incidencias, e cun sorriso nos beizos, despois dun día de convivencia e descubrimento de novas cousas, o autobús puxo rumbo a Ouzande, onde os excursionistas arribaron na hora prevista.
Aí van as mellores imaxes

fotos ruta das letras 2013

VIII RUTA DAS LETRAS.
SUBIDA Á PEDRALBA
ANDAMOS E FALAMOS
A pesar das anunciadas inclemencias meteorolóxicas un grupo de 22 respondeu á convocatoria da Fervenza de Ouzande. A comitiva saiu puntual do adro da Igrexa de Ouzande, para dirixirse aos montes da Somoza. Atravesaron as abas do Pedroso sen maiores incidencias, pero cando acadaban o cumio do monte da Pedralba (634m) foron recibidos por unha boa tormenta, que por momentos chegou a ser de sarabia. A volta permitiu atravesar os fermosos montes da Somoza e Ouzande, que conservan aínda numerosas masas de carballeiras e outras especies autóctonas. O grupo, mollado, pero satisfeito polo obxectivo cumprido, chegou á hora prevista ao punto de regreso. Alí, ademais de recibir o agasallo prometido pola asociación, un libro na nosa lingua(Longa noite de Pedra, de Celso Emilio Ferreiro), foron obsequiados coa lectura dramatizada de textos de Roberto Vidal Bolaño, a cargo de membros da asociación. Un ano máis a Asociación cumpriu os obxectivos da actividade: ANDAMOS, FALAMOS E LEVAMOS UN LIBRO PARA A CASA.
AÍ QUEDAN AS MELLORES IMAXES

Ruta Ouzande-Tabeirós-A Somoza



Rematamos o programa IMOS ANDAR de camiñadas a pé na primavera.
O próximo domingo, 9 de xuño realizaremos a Ruta a Tabeirós e a Somoza.
Hora de saida e chegada: 10:00/13:30 Igrexa de Ouzande
Percorrido: 12 km.
Dificultade: baixa.

Puntos de Interese:

-Igrexas Románicas: Igrexa de Ouzande e de Santiago de Tabeirós.
-Contornos rurais: O Formigueiro en Ouzande, As Quintas en Tabeirós; e especialmente Castrorramiro na Somoza, lugar que conserva numerosas edificacións tradicionais, así como a estrutura histórica da aldea.
-Contornos naturais: Agros de Ouzande, numerosas masas de flora autóctona, especialmente carballeiras. 
Pozo da Freixa na Somoza: contorno de muiños e unha fervenza de extraordinaria beleza.