sábado, 7 de outubro de 2017

VOLVEN AS XUNTANZAS PARA TECER






SEGUIMOS TECENDO.
Por terceiro ano consecutivo a Asociación leva adiante esta iniciativa, que tivo as súas orixes nun curso de tear realizado en 2014. 
No curso 15-16 o curso reconverteuse, por iniciativa das participantes nunhas XUNTANZAS PARA TECER, no que as participantes se reunían semanalmente para tecer aprendendo unhas das outras. 
Despois do éxito destas xuntanzas, convocamos a todas as persoas interesadas a poñer de novo en marcha as XUNTANZAS PARA TECER. Será o próximo luns día 9 de outubro, ás 8 da tarde no Local do Campo da Festa de Ouzande. 
Nesta primeira reunión poñerémonos de acordo para organizarnos e comezar a tecer. Tear, ganchillo, calceta.... Pode escollerse calquera modalidade ou material, como a la ou o trapillo. O caso é facelo en compañía e aprendendo unhas das outras. Compartindo o que sabemos, compartindo contos e pasando o tempo xuntos e xuntas.
As xuntanzas serán todos os luns ás 8 da tarde no Local do Campo da Festa.
Pode participar quen queira, homes, mulleres, mozos e mozas. A actividade é gratuíta.

venres, 29 de setembro de 2017

venres, 22 de setembro de 2017

Bailas? Clases de Música, canto e baile tradicional en Ouzande. Curso 2016-17



Dan comezo as clases deste novo curso. Un ano máis, a Asociación ofrece a todas as persoas interesadas as diferentes disciplinas destas clases que comezaron alá polo ano 2002. Serán: Acordeón, gaita, percusión, pandeireta, baile e canto tradicional.

As clases darán comezo o próximo 30 de setembro, e terán lugar todos os sábados nos horarios que se informan.

As persoas interesadas poden solicitar información ou inscribirse no correo electrónico da asociación: carreirosouzande@gmail.com, na páxina do facebook A Fervenza de Ouzande ou no blog www.carreiros.blogspot.com.
Tamén se poden inscribir asistindo no horario que se indica a partir do próximo sábado 30 de setembro.

TODOS OS SÁBADOS

ACORDEÓN 10:30 a 11:30 Profesor: Marcos Varela.


GAITA (Iniciación) 11:30 a 12:45 Profesor: Marcos Varela.

GAITA (Perfeccionamento) 12:45 a 13:45 Profesor: Marcos Varela.

TAMBORIL (Iniciación) 10:30 a 11:30 Profesor: Xosé Martíns, Fofi

TAMBORIL (Perfeccionamento) 11:30 a 12:30 Profesor: Xosé Martíns, Fofi


PANDEIRETA (Iniciación) 17:30 a 19:00
Profesora: Silvia Martínez

PANDEIRETA (Perfeccionamento) 18:30 a 20:00
Profesora: Silvia Martínez

BAILE 20:30 a 22:00 Profesora: Silvia Martínez


CANTO 22:00 a 23:00
Profesor: Marcos Varela. (Comezo o 7 de outubro)

As imaxes da limpeza dos muíños da Fervenza 2017

Fomos pasar a tarde no muíño, o pasado 5 de agosto. Traballamos e merendamos. Aí quedan as imaxes:


venres, 4 de agosto de 2017

Pola tarde no muíño. 2017



O próximo sábado a AC A Fervenza de Ouzande convoca a todas as persoas interesadas a unha tarde de limpeza e merenza na contorna da Fervenza de Ouzande.

Tomando como encontro o Muíño do Rubio, os participantes teñen que traer os seus utensilios para a limpeza da maleza a partir das 5 da tarde.

Unha vez rematada a mesma, sobre as 8 da tarde, a Asociación convoca a unha merenda de convivencia á que pode asistir quen o desexe, aínda que non participase na limpeza. A merenda é un convite da AC A Fervenza de Ouzande.



Lumeiro 2017 en Ouzande

Outro ano foron para o lume todas as cousas que quixemos queimar. Festa, música, chourizos e lume.
As mellores fotos do evento picando aquí: Fotos Lumeiro 2017.




Recanto en Pontecesrues. Ghaitellón 2017

Por segundo ano consecutivo, e convidado pola AC Xarandeira, o grupo Recanto participou nunha nova edición do Ghaitellón de Pontecesures. Nesta ocasión estiveron acompañados das gaiteiras novas da asociación. Aí quedan algunhas imaxes. Foi o pasado 1 de xullo.



       


As fotos da Festa de Fin de curso das Clases 2016-17

O pasado 17 de xuño tivo lugar unha animada e concorrida festa de Fin de Curso das clases de música, canto e baile tradicional da asociación. Aí quedan as imaxes do evento. Podes ver máis picando AQUÍ: Fotos Fin de curso 2107.


martes, 13 de xuño de 2017

Festa fin de curso 2017



Un ano máis a asociación celebra a FESTA de fin de curso das clases de música e canto tradicionais que se desenvolven todos os sábados no local social de Ouzande. 

No curso presente mantívose unha gran participación nestas clases, de todas as idades, nas disciplinas de: gaita, tambor, pandeireta, baile, cancións tradicionais e acordeón.

Convidámoste entón a unha foliada para o sábado 17 de xuño a partir das 20:30 da tarde no campo da festa. Convidaremos tamén a uns pinchos a todos os asistentes.

Se queres, podes achegarte a partir das 7 da tarde  para ir preparando todo.
Non esquezas traer o teu instrumento musical.

Retrouso e Recanto na Sardiñada de Ouzande

O pasado venres os grupos da Asociación, Retrouso e Recanto animaron a celebración da Sardiñada de Ouzande, organizada pola Xunta parroquial. Aquí quedan as imaxes:







luns, 12 de xuño de 2017

As fotos da excursión anual 2017. Terras do Carballiño.

O pasado 4 de xuño lugar unha nova edición da Excursión anual da AC A Fervenza de Ouzande, actividade que se ven facendo de xeito ininterrumpido desde o ano 2002.

Nesta ocasión, un grupo de 50 veciños e socios responderon á convocatoria e desprazáronse á comarca das Terras do Carballiño para pasar unha xornada de convivencia, lecer de descuberta dos interesantes recursos cos que conta a zona.

Pola mañá realizaron unha completa e interesante visita guiada ao Castro de San Cibrao de Las. Visitaron o impresionante xacemento castrexo que chegou a albergar hai 2000 anos unha poboación de máis de 5000 habitantes, e tamén a magnífica musealización realizada neste Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.
Achegaronse á vila termal do Carballiño onde visitaron a orixinal e fermosa Igrexa da Veracruz do arquitecto Antonio Palacios (lugar onde están nunha das fotos que achegamos) para logo percorrer o centro histórico da vila do Arenteiro. 

O xantar campestre foi compartido polos excursionistas na fermosa contorna do parque fluvial do Carballiño, que permitiu un agradable convivio baixo a sombra das frondosas árbores do lugar.
A tarde rematou coa completa visita ao Mosteiro de Oseira, que chamou a atención dos veciños pola súa magnífica restauración. Aproveitaron para tirar unha foto nas Escaleiras de Honra, un dos recunchos do Mosteiro que máis chamou a atención dos excursionistas.

Un ano máis, unha xornada de convivencia e lecer, que rematou coa despedida ata o ano que ven.
Picando na imaxe podes acceder ás mellores fotos do evento.

venres, 19 de maio de 2017

As imaxes da XII Ruta das Letras. Subida á Pedralba.

A mañá presentouse con chuvia, o que non evitou que 17 persoas se achegasen puntuais á igrexa de Ouzande para percorrer os máis de 15 km de roteiro. Pouco a pouco o tempo foi mellorando e mesmo chegou a asomar o sol cando os camiñantes coroaban os case 700 metros do monte da Pedralba, na parroquia veciña da Somoza.
Andamos e falamos tamén. O bo ambiente e a camaradaría reinou un ano máis entre os participantes, de todas as idades, que regrasaban pouco despois do horario previsto ao adro ouzandés onde foron agasallados cun libro na nosa lingua. O ano que ven, máis.
Aí queda un collage coas mellores imaxes. Se picas nel, poderás ver máis fotos da ruta.


mércores, 10 de maio de 2017

XII Ruta das Letras. Subida ao monte da Pedralba.


PROGRAMACIÓN DE PRIMAVERA 2017
XII Ruta das Letras. Andamos e falamos.
Subida á Pedralba
O próximo mércores 17 de maio, terá lugar a XII edición da Ruta das Letras, organizada pola Asociación.
Saída/Chegada: 9:30 / 13:30 Igrexa de Ouzande
Percorrido: 15 km
TODAS AS PERSOAS PARTICIPANTES SERÁN AGASALLADAS CUN LIBRO EN GALEGO, CORTESÍA DA ASOCIACIÓN, EN CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS E DA NOSA LINGUA.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.
Recoméndase levar calzado resistente, debido ás condicións do camiño, así como uns prísmáticos.
A actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatólóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma.

Mapa do percorrido:



LUGARES DE INTERESE:
- Montes do Pedroso e A Pedralba (A Somoza): posto que albergan numerosas especies autóctonas que sobreviviron as reforestacións masivas de coníferas, especialmente de piñeiros e eucaliptos. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóctonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación dos cursos fluviais, salgueiros, ameneiros...).
- Monte Cabalar: A rota discorre en parte a través das parcelas incluídas no coñecido proxecto “Monte cabalar”, o que nos permitirá disfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar  as mandas de cabalos e vacas en liberdade.
- Vistas panorámicas: fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza... O alto da Pedralba, obxectivo da ruta, sitúase a 634 m de altitude, e permitirá gozar aos camiñantes de vistas como as indicadas, e mesmo, en caso de boa visibilidade, da contemplación das Rías de Arousa e Pontevedra.

martes, 2 de maio de 2017

As Xuntanzas para tecer despídense ata o outono.

Rematan as Xuntanzas de Tecer. Por segundo ano consecutivo, un grupo de 20 mulleres formaron parte desta iniciativa na que se xuntan unha vez á semana co obxectivid de tecer, aprendendo unhas das outras. Tamén sirve como momento de conversa e de convivencia.
Para poñerlle o ramo decidiron compartir unha cea o pasado venres, 28 de abril.
 Aí quedan as fotos que resumen as xuntanzas 16-17.








mércores, 26 de abril de 2017

Retrouso e Recanto no Roteiro Teatral de Avelaíñas en Callobre

Tarde solleira e fermosa a do pasado 23 de abril para recibir os centos de visitantes que chegaron a Callobre para participar neste evento, chegados de Palas de Rei, Laxe, Touro e A Estrada.
Unha coidada organización na que colaboraron diversas entidades, ademais do grupo de Teatro do IES Antón Losada, Avelaíñas, ofreceu un paseo musical e literario polo coidado contorno da Fervenza e do Castro de Callobre.
O grupo Retrouso acompañou a un dos grupos de visistantes, amenizando a visita con varias pezas do seu repertorio. O outro dos grupos era acompañado polos compañeiros Os Regatos de Callobre. Mentres tanto, o grupo de cancións Recanto agardaba nun recuncho do Castro polo paso dos asistentes para interpretar as súas pezas cantadas. Todas as interpretacións teatrais e musicais recibiron o entusiasta aplauso do público.

Aí quedan as imaxes








sábado, 22 de abril de 2017

A Fervenza de Ouzande colabora co Roteiro Teatral e Musical do V Festival de Teatro Escolar da Estrada

Un ano máis os grupos de música da asociación, Retrouso e Recanto, participarán na actividade organizada pola aula de teatro Avelaíñas do IES Antón Losada Diéguez da Estrada. Aí queda o cartel da actividade, á que queremos convidarte:



As nosas gaiteiras máis novas xa están preparadas.


Retrouso e Recanto nos Cantos de Taberna da Estrada

O pasado 25 de marzo un grupo de 25 persoas participou nunha nova edición dos Cantos de Taberna da Estrada. Formaron parte de Retrouso e Recanto e tiveron ocasión de compartir a súa música con outros moitos grupos chegados de todo o país polas tabernas da Estrada. A festa rematou cunha comida de confraternidade na que tampouco faltou a música e o canto.


Picando na imaxe poderás ver máis fotos do evento:

https://goo.gl/photos/SKhKDVeJhfmjxCgN7

As imaxes do Antroido Ourovisión 2017

O pasado 25 de febreiro tivo lugar unha nova edición da festa do Antroido en Ouzande. Nesta ocasioón o local social engalanouse para recibir aos participantes no festival OUROVISIÓN 2017 que se celebraba na nosa parroquia. Un numeroso grupo de persoas de todas as idades achegouse convenientemente caracterizado e con moito ánimo festeiro para participar no evento. ABBA, Mocedades, Andres Dobarro, Remedios Amaya, Daniel Diges, Conchita Wurst... participaron nun improvisado concurso no que triunfou a gran Betty Misiego. Non faltou a música, a festa e a merenda. Tampouco quixeron faltar as cegas do antroido de Ouzande que, unha vez máis, recitaron con gran éxito as súas coplas.



Podes gozar das mellores imaxes de Ourovisión se picas na imaxe seguinte:

https://goo.gl/photos/yzFZB9p4H32W1mhQ8

mércores, 22 de febreiro de 2017

OUROVISIÓN 2017 ANTROIDO EN OUZANDE



AC A FERVENZA DE OUZANDE ANTROIDO 2017 OUROVISIÓN EN OUZANDE
Gran festa de antroido este sábado en Ouzande.
A partir das OITO da tarde no Local do Campo da Festa.
Gran baile de disfraces GALA ESPECIAL OUROVISIÓN

 Se queres podes vir disfrazado dalgún personaxe do mundo da música ou do espectáculo, da farádula, da comedia ou do que queiras. Teremos música, baile, merenda con produtos típicos de antroido e churrasco, bebidas….
NON FALTARÁN, COMA SEMPRE, AS CEGAS DO ANTROIDO, COAS SÚAS COPLAS SOBRE ACTUALIDADE.

QUEN NON PODE FALTAR ES TI. AGARDÁMOSTE