luns, 29 de abril de 2013

IMOS ANDAR. Roteiro polos carreiros de Ouzande 2013

Un ano máis, coa chegada da primavera, a AC A Fervenza de Ouzande inicia o seu programa de rutas a pé, IMOS ANDAR. O próximo mércores, 1 de maio terá lugar a primeira.



RUTA DOS CARREIROS DE OUZANDE
Mercores 1 de maio de 2013

DATOS DA RUTA

ACCESOS: Hai que sair da igrexa de Ouzande (A Estrada), situada a 1000 m do centro urbano da vila en dirección sur; rúa Pérez Viondi e travesía de Ouzande (sinalizada). A igrexa está a man esquerda.
PUNTO DE PARTIDA / CHEGADA: A citada igrexa, é unha ruta circular, alí hai sitio para estacionar os turismos.
SAÍDA: 10:00
REGRESO: 13:00h
PERCORRIDO: 10 quilómetros, atravesando os diferentes lugares de Ounzande (O Formigueiro, Alemparte, O Redondo, O Picoto, O Castro e O Tallo) polos antigos carreiros e camiños, reparando en diferentes puntos de interese como fontes, lavadoiros e antigas calzadas. Unha parte do roteiro cruzará o monte de Ouzande, con numerosas carballeiras e pequenos bosques de acivros. Tamén percorreremos un tramo da Ruta da Fervenza e muiños de Ouzande.
DIFICULTADE: baixa
DURACIÓN: 3h
MATERIAL: levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña...) e ter en conta a predicción metereolóxica.
PUNTOS DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
-igrexa de Ouzande: É de estilo orixinalmente románico, conserva elementos da época coma os canzorros que son únicos na zona ao representaren pecados condenados pola Igrexa. Tamén destaca o seu arco central, o agnus dei, o retablo barroco do Carme...
-cruceiros: hai dous que están nas inmediacións da igrexa, un deles é dos máis antigos da zona, foi recollido por Castelao en As Cruces de Pedra da Galiza.
-muíños da Fervenza: conxunto formado por sete muíños distribuidos en pouco máis de cincocentos metros, o máis antigo data do S.XVIII. É unha zona de especial beleza pola vexetación que conserva numerosas especies autóutonas (varias carballeiras, bosque de acivros, vexetación do curso fluvial do regueiro da Fervenza, salgueiros, ameneiros...). Destaca a orografía que crea neste punto a famosa Fervenza, aínda que son numerosos os cachóns ou pichos, ao longo desta parte de percorrido fluvial na nosa ruta.
-vistas panorámicas: fermosas vistas paisaxísticas cara ao val do río Liñares co monte da Rocha ao fondo. Tamén se divisa neste percorrido a vila da Estrada desde numerosas perspectivas, así como a cidade de Compostela, o val do río Ulla, Pico Sacro, montes da Somoza, Torres de Guimarei...

Suspendido pola chuvia o Roteiro Teatral

O Roteiro Teatral organizado pola Aula de Teatro do IES Losada Diéguez da Estrada, prevista para o pasado sábado día 27 de abril, tivo que ser suspendido por causa dos chuvascos primaverais caídos sobre a parroquia, que obrigaron aos centos de asistentes a refuxiarxe nas instalacións educativas do Instituto estradense.



venres, 26 de abril de 2013

Roteiro teatral na Fervenza de Ouzande


Os alumnos e alumnas da Aula de Teatro do IES Losada Diéguez da Estrada realizarán un Roteiro Teatral partindo da Igrexa de Ouzande cara os muíños da Fervenza. A actividade terá lugar o próximo sábado día 27 de abril ás 12:00 horas. A AC A Fervenza de Ouzande colabora co Instituto na organización da actividade. Convidamos a todos os veciños e veciñas, especialmente aos máis pequenos da casa a participar nesta actividade, debido ao seu interese e orixinalidade. En palabras dos organizadores:
Ao longo do roteiro teatral os actores e actrices a través do xogo achegarán aos espectadores/-as a maxia, a ledicia e a fantasía que proporciona o teatro nun entorno natural máxico.
Este espectáculo mergullará ao público nun heteroxéneo universo de situacións cun elevado grao de fantasía, humor e reflexión. Nesta función realizarase unha férrea defensa da natureza, que procura o coidado, a conservación e o respecto do medio ambiente. 

A partir das 14 horas os máis de 200 asistentes que se prevé participen na actividade farán o xantar no adro da igrexa de Ouzande. Proceden de Touro, Laxe, Palas de Rei e A Estrada. Máis info aquí.
Aí quedan unhas imaxes dos ensaios celebrados a semana pasada no contorno dos muiños.


martes, 23 de abril de 2013

horarios musicoterapia para maiores

O pasado sábado, 20 de abril, tivo lugar a presentación das sesións de Musicoterapia en Ouzande para persoas maiores, que tivo unha notable resposta dos socios e socias. Fixouse o seguinte calendario e horarios definitivos:

Xoves 25 de abril
Xoves 2 de maio
Xoves 9 de maio
Todos estes días a partir das 7 da tarde no Local Social de Ouzande.
Aínda podes participar. Quedan prazas libres.

Aí quedan unhas imaxes da presentación



xoves, 18 de abril de 2013

musicoterapia para maiores


Da comezo o programa de actividades de primavera da AC A Fervenza de Ouzande cun obradoiro de Musicoterapia dirixido a persoas maiores. Ten como obxectivo a mellora de capacidades e habilidades como: memoria, linguaxe, atención, orientación, comunicación, equilibrio, coordinación, flexibilidade..., a si como o traballo na mellora do estado de ánimo, autoestima, etc. Todo isto, partido do traballo coa música, e actividades relacionadas coa mesma. O curso estará impartido por Natalia Carbajal Porto, veciña de Ouzande, membro da directiva da asociación e musicoterapeuta.
A Asociación convoca unha reunión informativa para o próximo sábado 20 de abril, ás 21:30 horas. Na mesma informarase de todos os detalles e contidos da actividade, así como das datas e horario.