xoves, 29 de setembro de 2016

Volven as Xuntanzas para tecer. Seguimos tecendo


SEGUIMOS TECENDO. Por segundo ano consecutivo a Asociación leva adiante esta iniciativa, que tivo as súas orixes nun curso de tear realizado en 2014. No curso 15-16 o curso reconverteuse, por iniciativa das participantes nunhas XUNTANZAS PARA TECER, no que as participantes se reunían semanalmente para tecer aprendendo unhas das outras. Despois do éxito destas xuntanzas, convocamos a todas as persoas interesadas a unha reunión para poñer de novo en marcha as XUNTANZAS PARA TECER. Será o próximo luns día 3 de outubro, ás 8 da tarde no Local do Campo da Festa de Ouzande. Nesta reunión poñerémonos de acordo para organizarnos e comezar a tecer. Tear, ganchillo, calceta.... Pode escollerse calquera modalidade ou material, como a la ou o trapillo. O caso é facelo en compañía e aprendendo unhas das outras. Compartindo o que sabemos, compartindo contos e pasando o tempo xuntos e xuntas. Será todos os luns ás 8 da tarde no Local do Campo da Festa.

Desta inciativa xurdiu na pasada edición a interesante experiencia da Manta Solidaria que foi elaborada por todas as participantes nas Xuntanzas para tecer.

Aí queda o vídeo que relata a experiencia:


Pode participar quen queira, homes, mulleres, mozos e mozas. A actividade é gratuíta.

mércores, 28 de setembro de 2016

Horarios das Clases de Música e baile tradicional en Ouzande.



O pasado sábado tivo lugar a presentación da programación das Clases de música e baile tradicional. O horario será:

Sábados mañá:
10:30 a 11:30 ACORDEÓN. Profesor: Marcos Varela.
11:30 a 12:45 GAITA (Iniciación) Profesor Marcos Varela.
12:45 a 13:30 GAITA (Perfeccionamento) Profesor Marcos Varela.

10:30 a 11:30 TAMBORIL (Iniciación) Profesor Xosé Martíns, Fofi
11:30 a 12:30 TAMBORIL. (Perfeccionamento) Profesor Xosé Martíns, Fofi

Sábados tarde:
17:30 a 19:00 PANDEIRETA (Iniciación) . Profesora Silvia Martínez
18:30 a 20:00 PANDEIRETA (Perfeccionamento) Profesora Silvia Martínez
20:30 a 22:00 BAILE. Profesora Silvia Martínez

Sábados noite:
22:00 a 23:00 CANCIÓNS TRADICIONAIS Profesor Marcos Varela.
 
AS CLASES DARÁN COMEZO O PRÓXIMO SÁBADO 1 DE OUTUBRO NO LOCAL SOCIAL DE OUZANDE, AGÁS AS DE PANDEIRETA E BAILE QUE COMEZARÁN O SÁBADO 8

AS PERSOAS INTERESADAS PODEN ACHEGARSE NO HORARIO INDICADO PARA INFORMARSE E MATRICULARSE OU A TRAVÉS DO CORREO carreirosouzande@gmail.com
                                                                 imaxe da presentación

sábado, 17 de setembro de 2016

BAILAS? CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL. CURSO 2016-17

CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL  EN OUZANDE 
ACORDEÓN, GAITA, BAILE, PANDEIRETA, TAMBORIL E CANCIÓNS TRADICIONAIS. CURSO 2016-17


       

Dan comezo as clases deste novo curso. A Asociación convoca a todas as persoas interesadas a unha reunión que terá lugar o próximo sábado 24 de SETEMBRO no local do campo da festa ás 18:00 da tarde.
Na reunión informarase dos prezos e demais detalles das clases e tamén se fixarán os horarios de PANDEIRETA, BAILE que terán lugar os sábados pola tarde, e das clases de ACORDEÓN, GAITA E TAMBORIL, que se celebrarán os sábados pola mañá. TAMÉN SE INFORMARÁ DO HORARIO DO GRUPO DE CANCIÓNS TRADICIONAIS, OS SÁBADOS POLA NOITE.
As clases comezarán o PRIMEIRO FIN DE SEMANA DE OUTUBRO.
Tamén convidamos ás persoas participantes nas diferentes clases e a todas as interesadas a traeren os seus instrumentos para interpretaren algunha peza e facer algo de festa.  Para rematar a reunión a Asociación convida a uns pinchos de merenda.


CONTACTO: carreirosouzande@gmail.com e www.facebook.com/afervenza.deouzande


Anímate a tocar algún instrumento, a cantar ou a bailar. Verás que non é tan difícil, e ademais vaste divertir.

 

IX Fervenza de Músicas en Ouzande. As imaxes.

Magnífica noite de músicas, festa e diversión a que onte tivo lugar no Campo da Festa de Ouzande. Máis de 350 persoas asistiron á foliada organizada pola Asociación na que participaron máis de 70 músicos pertencentes ás 5 agrupacións anunciadas, chegadas de Dumbría, de Pontecesures, de Santiago de Compostela e da propia parroquia ouzandesa.
A música comezaba ás 10 da noite, a cargo do grupo Retrouso cos seus novos(novas) retoños, cando xa os asistentes enchían o posto de polbo e churrasco e mercaban as  camisetas ofrecidas pola organización. O grupo ouzandés, que acaba de presentar o segundo dísco arrancou os primeiros aplausos da noite, e como sempre, non defraudou na casa.
A seguir, case trinta músicos de todas as idades, chegados da AC Xarandeira de Pontecesures sorprenderon ao público congregado cun espectáculo no que combinaban os grupos de xovencísimas pandeireteiras co baile e o grupo de gaitas. Sen dúbida, a "sorpresa" da noite, que recibiron a merecida ovación dos asistentes.
Aínda que para aplausos, os que recolleron os locais, Recanto de Ouzande, un orfeón popular de 20 persoas que fixo as delicias do público coas súas cancións. Tendo que facer algún bis, a petición da concorrencia.
Da Costa da Morte chegaban os compoñentes dos Gaiteiros de Buxantes, que ofrecenron un amplo e animado repertorio de pezas, acompañados en moitas ocasións polo seu corpo de baile. Os aplausos colleitados tampouco foron poucos.
Remataron, en principio, a festa os composteláns de Pana Raiada, que repetían actuación despois da súa anterior participación, en 2012, na Fervenza de Músicas.
Aínda quedaba a última sorpresa, pois ao remate da actuación do grupo santiagués, estes mesmos, e mais Retrouso de Ouzande e Os Gaiteiros de Buxantes, ofreceron unha actuación conxunta na que participaron máis de 30 músicos, entre eles 19 gaiteiros, que executaron varias pezas para desfrute do númeroso público que aínda resistía.
Sorprendente final para unha festa que se prolongou coa participación improvisada dos músicos convidados e outros que se sumaron á foliada, ata altas horas.
Remataba así a novena edición desta proposta musical, que cumpriu sobradamente os obxectivos que pretendía, facendo desta convocatoria unha das mellores e máis concorridas da súa historia.

Se picas na foto poderás ver as imaxes do evento:

https://goo.gl/photos/AdmFTc6hfnBcpvQB6

xoves, 8 de setembro de 2016

Os grupos da IX Fervenza de Músicas. Ouzande 2016



A AC A Fervenza de Ouzande presenta a novena edición da FERVENZA DE MÚSICAS, dirixida especialmente á promoción e divulgación da nosa música, tal como ven facendo desde a súa fundación, a través do desaparecido festival Músicas da Terra, ata 2007, ou coas clases de música tradicional que se desenvolven no local social de Ouzande e nas que máis de 60 persoas participan cada ano. Terá lugar o próximo venres, 9 de setembro a partir das 10 da noite no Campo da Festa de Ouzande.
A iniciativa cumpre o obxectivo fundamental de posibilitar o intercambio cultural e musical con outras iniciativas e grupos semellantes, achegando agrupacións da comarca e de comarcas próximas. Trátase de agrupacións de música tradicional e popular pero con formas ben distintas de achegarse á musica galega deste tipo, dando mostra da riqueza e variedade da mesma, obxectivo que tamén está nas nosas intencións.
Tamén está nas motivacións da actividade o feito de incluír no programa das festas parroquiais (Festas do Socorro de Ouzande) unha actividade musical diferente nas que a música tradicional e popular teña cabida e sexa a principal protagonista, obxectivo que se ven cumprindo desde o ano 1999.
As actuacións dos grupos convidados serán todas elas “a pé de campo”, mesturándose entre o público , tratando así de recuperar o sabor e ambiente das foliadas tradicionais, e procurando a maior participación posible dos asistentes.
TAMÉN HABERÁ UN STAND DA ASOCIACIÓN NO QUE SE PORÁN Á VENDA AS CAMISETAS OFICIAIS DESTE ANO 2016 CO DESEÑO “d´ouzande”.
Cómpre subliñar que esta actividade se realiza cos recursos propios da Asociación, así como a colaboración da Xunta Parroquial de Ouzande, e sen ningún tipo de subvención das entidades públicas oficiais. Neste sentido, queremos agradecer publicamente a boa disposición de grupos e músicos convidados, que sumarán máis de medio cento de persoas.


AC Xarandeira (Pontecesures)
A Asociación Cultural Xarandeira nace no ano 2003, en Pontecesures, por iniciativa dun grupo de persoas con inquedanzas polos nosos costumes e o noso folk.
Debido ao aumento do número de participantes, e a cantidade e calidade das pezas ensaiadas,  non se constituíu formalmente ata o ano 2004.
Actualmente o grupo está formado por 50 persoas de entre todas as idades, repartidas entre a escola de baile, gaita e pandeireta, co cal garantimos o noso propósito, que é o de recopilar, fomentar e difundir o folclore tradicional galego.
Ademais das actuacións levadas a cabo na nosa comunidade, contamos con varias intervencións a nivel nacional e internacional, como foron:
• Santa Marta de Porzuelo, no seu festival internacional do ano 2006.
• Etreros, en Segovia e Penacova en Portugal no 2007.
• Cantabria no 2011
• Valladolid no verán 2012.
  Perre (Portugal) no 2013
• Praia de áncora e Vilanova de Gaia no 2014   (Portugal)

Pana Raiada (Santiago)
Todo comezou no 1998 co grupo-escola de música tradicional na parroquia compostelá da Gracia, que nace no seo da asociación de veciños e ó amparo da mesma. O seu propósito é contribuír ó ensino, á conservación e á dignificación da nosa cultura musical.
Co paso dos anos, grazas ó bo facer dos seus compoñentes e ó apoio da asociación de veciños, o grupo foise consolidando e conta con arredor de 25 músicos. Está formado por xente de todas as idades que, ademais de saber tocar os nosos instrumentos tradicionais, coñecen e aman a nosa música e tradición cultural, labor na que se puxo un especial empeño dende o comezo deste fermoso proxecto.
A finais do ano 2008 o grupo pasou a ser xestionado polos seus compoñentes adoptando o nome de “PANA RAIADA”, seguindo a participar en todo tipo de eventos folclóricos en Galicia, Portugal e Francia.
No 2009 saíu do forno o noso primeiro disco “O Tarabelo”, que tentamos facer o mellor posible e, a verdade, é que nos sentimos fachendosos co resultado. Agora xa estamos preparando o segundo, coa mesma ilusión que o primeiro e agardando que saia aínda mellor.

Gaiteiros de Buxantes (Dumbría)
Os Gaiteiros de Buxantes pertencen á Asociación Recreativa Cultural Fonte Santa. Iniciou a súa actividade en 2008 co apoio da Asociación de Veciños Marco do Couto e desde o 2014 colabora co axuntamento de Dumbría. Nel formaron unha escola de gaita e percusión dirixida polo profesor Ramón Maril Cerquides.
Tendo a maior parte das actuacións na Costa da Morte tamén conta con actuacións na TVG e dúas en colaboración coa gaiteira Susana Seivane invitados por ela, unha en 2014 en Vimianzo e outra no 2016 no "Festival Internacional del Mundo Celta de Ortigueira.

Retrouso (Ouzande)
Fundado en Ouzande en 2005. Nestes anos o grupo converteuse nun dos referentes da música tradicional da comarca, participando en festivais como o desaparecido Músicas da Terra, de Ouzande; no Folk de Raíz, de Callobre; as Nosas Músicas de Couso; Coto Manguelo de Orazo, etc. O ano 2012 presentou o seu primeiro disco, OU, de extraordinaria acollida entre os afeccionados da música tradicional. Neste mesmo ano  presentaron o seu segundo disco DOUS, no Teatro Principal da Estrada.

Recanto (Ouzande)
Agrupación dunha vintena de veciños e veciñas de Ouzande afeccionados ás cancións tradicionais. Novidosa proposta que xurdiu a raíz das clases de canto tradicional que organiza A Fervenza de Ouzande desde o ano 2012. A agrupación ouzandesa acudiu convidada, ese mesmo ano, ao certame Cantos de Taberna, en Pontevedra, e participou desde aquela en foliadas e certames de cantos de Taberna en Pontecesures, Trazo, Arzúa, A Estrada ou Santo André de Vea.

Pasamos a tarde no Muíño...

O pasado 27 de agosto fomos pasar a tarde no Muíño. Un grupo de 20 persoas deixou ben limpa e fermosa A Fervenz de Ouzande. Pinchando na imaxe podes ver a reprtaxe fotográfica:

https://goo.gl/photos/89xKg2SCGv19vGdH6