xoves, 16 de agosto de 2018

Xornada de Limpeza dos muiños e fervenza de Ouzande


O próximo sábado, 17 de agosto, a AC A Fervenza de Ouzande convoca a todas as persoas interesadas a unha tarde de limpeza e merenda na contorna da Fervenza de Ouzande.

Tomando como encontro o Muíño do Rubio, os participantes teñen que traer os seus utensilios para a limpeza da maleza a partir das 5 da tarde.

Unha vez rematada a mesma, sobre as 8 da tarde, a Asociación convoca a unha merenda de convivencia á que pode asistir quen o desexe, aínda que non participase na limpeza. A merenda é un convite da AC A Fervenza de Ouzande.

ANDANDO CAMIÑOS. AS CAMISETAS DA FERVENZA DE OUZANDE 2018

Volveron as camisetas do verán á Fervenza de Ouzande. Este é o fermoso deseño realizado por Rosa de Cabanas para ti. Podes conseguilas na Taberna de Ouzande, no Bar Panamá e na Perruquería Patxi da Estrada.


RECANTO en Pontecesures

Un ano máis o grupo de canto tradicional de Ouzande, Recanto, participou no Ghaitellón de Ponteceseures, organizado pola AC Xarandeira. Foi o pasado 7 de xullo. Aí quedan imaxes do evento:






Así foi o lumeiro 2018 en Ouzande

Moita animación e festa para celebrar un ano máis a festa do lumeiro. Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos do evento.

https://photos.app.goo.gl/uL5B4gDp6JfXUnoy8

mércores, 20 de xuño de 2018

Lumeiro 18 en Ouzande.







LUMEIRO EN OUZANDE

O próximo 23 de xuño, sábado,  terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Teremos música e festa e  se queres, podes traer algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderás asar ti mesmo/a nas brasas da fogueira. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa.

Coma sempre, haberá algunha sorpresiña..., onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el...

Ah!  Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 7:30 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...

Festa Fin de curso 2018. As imaxes

Animada e concorrida festa fin de curso das clases de música, canto e baile tradicional en Ouzande. Moita participación e gran ambiente ata a madrugada. Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos do evento:
https://photos.app.goo.gl/mbEuUSsYijvZScr7A

Retrouso e Recanto na Sardiñada de Ouzande

O pasado 8 de xuño tivo lugar a Sardiñada anual organizada pola Xunta Parroquial. Alí estiveron, coma sempre os compoñentes de Retrouso e de Recanto para animar a festa, acompañados do Grupo Regatos. Aí quedan algunhas imaxes do evento:










xoves, 14 de xuño de 2018

Festa Fin de curso en Ouzande




FIN DE CURSO 2018

Un ano máis a asociación celebra a FESTA de fin de curso das clases de música e canto tradicionais que se desenvolven todos os sábados no local social de Ouzande. 
O curso presente mantivo unha notable participación nestas clases, superando as sesenta persoas, de todas as idades, nas disciplinas de: gaita, tambor, pandeireta, baile, canto e acordeón. 
Os alumnos e alumnas de todas as clases teñen preparadas diferentes actuacións para esta festa de fin de curso.
A asociación convida a unha foliada para o sábado 16 de xuño a partir das 21:00 no campo da festa. Agasallaremos tamén cuns pinchos a todos os asistentes. 

NOVIDADE!!!: Teremos á venda os primeiros exemplares das camisetas de moda neste verán: ANDANDO CAMIÑOS. OUZANDE 2018. 

Están invitados todos os veciños e veciñas da contorna e cantos amigos desexen vir.

Recanto de Ouzande no CEIP Codeseda

O pasado 25 de maio o Grupo Recanto da asociación tivo o inmenso pracer de participar nunha foliada no Colexio Cabada Vázquez de Codeseda. Falamos da Asociación, fomos agasallados con diversas pezas musicais e de baile e puidemos cantar unhas cantigas para esa marabillosa rapazada e esas profes magníficas. Que ben o pasamos. Moitas grazas por nos convidar.