mércores, 18 de xuño de 2025

FOLIADA FIN DE CURSO 2025

 

Este sábado, 21de xuño, a partir das 20 horas, no campo da festa de Ouzande, terá lugar o peche festivo das clases de música, baile e canto tradicional correspondente ao presente curso 2024-2025,  que incluíron as disciplinas de gaita, percusión, canto, pandeireta e baile tradicional. Unhas 30 persoas acudiron á súa cita semanal nestas modalidades.

O evento do próximo sábado iniciarase coas actuacións do alumnado a fin de  mostrar a súa progresión nas diferentes disciplinas das clases.

 Convidamos tamén a que as persoas que o desexen traian os seus instrumentos e ganas de pasalo ben para continuar coa festa.

Haberá servizo de bar.

A FERVENZA DE OUZANDE EN ALLARIZ. CRÓNICA E IMAXES

 

 40 persoas de todas as idades participaron nunha nova edición da excursión anual da Fervenza de Ouzande que ven levando adiante a iniciativa dende  2002. Precisamente o destino deste ano era o mesmo que o da primeira edición co engadido da visita  matinal Santa Mariña de Augas Santas.
A expedición ouzandesa foi recibida polo guía de Xeitura, que foi o encargado de facer un interesantísimo percorrido guiado pola aldea onde se sitúa a impresionante igrexa románica de Santa Mariña que tamén visitaron.
A seguir completaron o roteiro que os levou á cibdá de Armea, un enclave galaico romano, que non hai moitos anos que está musealizado e é visitable. No camiño fixeron paradas en diferentes lugare de interese como o asento da santa, o forno da santa (unha antiga sauna prerromana), ou as pioucas da santa.
Este percorrido, que ocupou toda a mañá sorprendeu fixo as delicias de todos e todas as asistentes.
O xantar campestre tivo lugar na praia fluvial de Acearrica, perto do casco urbano de Allariz. Despois dun descanso o grupo realizou a planeada visita ao fermoso núcleo urbano medieval de Allariz, subindo mesmo ao monte do Castelo.
Para rematar, visitarom o rechamante Festival de Xardíns de Allariz, nas beiras do río Arnoia.
Felices e contentos regresaron a Ouzande na hora prevista.
 
Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos: 
 

 


luns, 26 de maio de 2025

EXCURSIÓN A ALLARIZ. ANDANDO CAMIÑOS COA FERVENZA DE OUZANDE


ANDANDO CAMIÑOS

EXCURSIÓN A ALLARIZ E SANTA MARIÑA DE AUGAS SANTAS
Programa:

9.00. Saída (Igrexa de Ouzande)

Parada café
Visita á Igrexa románica de Santa Mariña de Augas Santas
Roteiro arqueolóxico ata a Cibdá de Armeá (xacemento romano)
Xantar en Allariz ao aire libre na praia fluvilal de Acearrica
Visita guiada pola vila histórica de Allariz
Visita ao Festival de xardíns de Allariz
Tempo libre

21:00. Chegada a Ouzande

Prezos 

20 euros para persoas socias
12 euros para persoas socias menores de 18 anos
25 euros para persoas non socias de calquera idade 

Cada persoa debe levar a súa propia comida

Inscricións
enviando correo a carreirosouzande@gmail.com
na Taberna de Ouzande: 986570285

Recomendamos levar roupa e calzado cómodo e estar atentos/as ás predicións metereolóxicas.
En caso de chuvia, comeremos a cuberto.

Ánimate a probar a experiencia de ir de excursión coa Fervenza de Ouzande. 


sábado, 10 de maio de 2025

RUTA DAS LETRAS 2025 EN OUZANDE. ANDAMOS, FALAMOS E CANTAMOS

Ruta das Lagoas
O DOMINGO 18 de maio, terá lugar unha nova edición da Ruta das Letras, organizada pola Asociación. A actividade realizouse por primeira vez no ano 2006 e volve un ano máis á programación de primavera da Fervenza de Ouzande.

A saída será ás 9:30 da mañá e regreso ás 13:30 (Igrexa de Ouzande) 

Ao final do roteiro, todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego en conmemoración do Día das Letras e da nosa lingua.

A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.

PERCORRIDO:12 km.

DIFICULTADE: baixa

MATERIAL: é preciso levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña...), tendo en conta a predición metereolóxica.

A actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatolóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma.

A actividade conta coa colaboración do Concello da Estrada.

LUGARES DE INTERESE:

Lagoas de Zoo: Nesta saída habemos achegarnos ao alto do monte do lugar de Zoo, xa no Concello de Cuntis, a un lugar no que de invernos se forman lagoas de auga doce grazas ao efecto da choiva e á escasa drenaxe do solo.

Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos con zonas moi deterioradas polo efecto do home nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de grande valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muiños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes. Apreciaremos a diferencia na vexetación en función da altura, posto que na zona das lagoas esta é propia de monte alto, fronte aos bosques que temos na saída de Ouzande.

Encoro da Estrada: Pasaremos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.

Monte Cabalar: baixaremos atravesando a zona ocupada pola cooperativa Monte Cabalar, na aba sur do Monte Pedroso, o que nos permitirá disfrutar do excelente estado en que sen conserva o monte, así como contemplar as mandas de cabalos e vacas en liberdade.

Mapa da ruta
 

sábado, 8 de marzo de 2025

ASÍ FOI O ENTROIDO OO.UU 2025 EN OUZANDE

 

Un animoso grupo de persoas responderon á convocatoria da Fervenza de Ouzande o pasado sábado 1 de marzo.

Desfilaron polo local social unha variada mostra de personaxes procedentes do outro lado do Atlántico rematando por identeficarse completamente coa nosa cultura, tocando, cantando e bailando música tradicional. Aí quedan as mellores fotos, picando na imaxe: 



luns, 24 de febreiro de 2025

ANTROIDO DOS OO.UU. EN OUZANDE

VOLVE O ANTROIDO!!!!

ANTROIDO DOS OO.UU. OUZANDES UNIDOS

Festa e merenda no local social o sábado 1 de marzo ás 21 horas.

Podes traer instrumentos musicais e algo para picar: orellas, filloas...

E moitas ganas de festa,,,, e un disfraz para a ocasión. Agardámoste!!!

venres, 21 de febreiro de 2025

CRÓNICA DA XUNTA XERAL ANUAL DA FERVENZA DE OUZANDE

O pasado 9 de febreiro, unhas 50 persoas acudiron á chamada da AC A Fervenza de Ouzande para celebrar a súa Xunta Xeral Anual. Nesta ocasión correspondía a renovación da xunta directiva, que ten lugar cada dous anos. Como xa se anunciara, o ata agora presidente non se presentaba á reelección, polo que se escollería nova presidencia.

Na asemblea aprobáronse por unanimidade os informes económico e de xestión do ano 2024 e proxectouse como é habitual un vídeo resume das actividades realizadas. 
 
A continuación procedeuse a elección, tamén por unanimidade da nova xunta directiva encabezada por Noelia Bouzón Docampo, ata este momento vicepresidenta da asociación. Foi escollida como vicepresidenta Laura Carbajal Saborido, como secretaria Inés Bugallo Puente e como tesoureira, Laura Herraiz Cabanas (a única persoa que repite "cargo"). O resto da nova directiva está formado por:
Malusa Rodríguez Pazos, Rosa Herraiz Cabanas, Manuel Rosende Torres, Isabel Durán Parada, Manuel Ángel Bouzón Fernández, Manuel Porto Gestoso,  Cristina Riveira Porto, Manuel Uzal Docampo, Almudena Serantes Puente, Patxi López Durán, María Troitiño Seoane, Ana Gestoso Froján e Pablo Neiro Mogo.
 
A reunión non estivo exenta de momentos de emotividade ao producirse a despedida de Xabier Camba como presidente, que dedicou unhas palabras de agradecemento e cariño aos seus compañeiros e compañeiras de directiva e aos socios e socias presentes.
 
Tamén foi sorprendido con diferentes "agasallos" como un cadro cunha selección de fotos destes anos, unha torta conmmemorativa, un vídeo e mesmo a actuación musical do grupo da asociación, Retrouso.
A xuntanza rematou coa tradicional merenda de convivencia a base de chocolate con rosca.
 
Picando na imaxe podes ver  moitas fotos do evento:
E tamén podes repasar as actividades de 2024 neste vídeo:
  

domingo, 2 de febreiro de 2025

XUNTA ANUAL DA AC A FERVENZA DE OUZANDE

Convócase Xunta Xeral
anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 9 de febreiro de 2025 ás 6 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:

1. Informe de xestión

2. Elección de Xunta Directiva

3. Previsión de ingresos e gastos para o ano 2025

4. Programación anual.

5. Rogos e preguntas.

Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e rosca.

En Ouzande, A Estrada, febreiro de 2025

Na reunión estarán xa a disposición de todos os socios e socias os recibos da cota anual deste ano. Despois da reunión quedarán na Taberna de Ouzande para quen desexe pagalos.

Trátase dunha reunión moi importante para o futuro da asociación. Nesta xunta deixará de ser presidente Xabier Camba e escolleremos xunta directiva e novo presidente ou presidenta.

Anímate a participar. A asociación facémola entre todos e todas.


FOTOS RUTA NADAL 2024

Un grupo de 12 persoas respondeu a convocatoria da Fervenza de Ouzande. Percorreron os 10 quilómetros de camiño nas tres horas previstas nun ambiente de boa conversa e camaradería. O tempo apracible e as fermosas paisaxes fixeron moi levadeiro este paseo matinal no día de nadal.

Premendo na imaxe poderás ver as mellores fotos da actividade: