O próximo sábado 17 de maio, a AC A Fervenza de Ouzande dará comezo co seu habitual programa de rutas a pé, IMOS ANDAR, coa III Ruta das Letras. Este ano percorreremos o Roteiro do Castro de Arcos e os camiños de lobos. Aasociación agasallará a todos e todas as participantes cun libro, para celebrar esta data tan sinalada. O libro será entregado ao final da ruta a todos e todas os participantes. Este ano a asociación quere sumarse á homenaxe que se está a preparar ao escritor estradense David Otero, e para iso os libros de agasallo serán obras deste autor, cedidas pola Editorial Galaxia, a quen agradecemos a súa desinteresada colaboración.
LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
-Castro de Arcos. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto.
-Aldea de Ferreiros. Pertence ao concello de Cuntis, aínda que históricamente sempre existiu unha grande relación entre os seus habitantes e os veciños de Ouzande.
-Camiño dos lobos. Para chegarmos á aldea de Ferreiros utilizaremos antigas sendas que eran utilizadas polos veciños de ambas parroquias, e sobre as que aínda hoxe se escoitan moitas historias de lobos.
- Fonte do Redondo. Xa de volta faremos unha parada no fermoso contorno da Fonte do Redondo, en Ouzande, onde a auga abrolla directamente desde o chan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario