martes, 22 de xuño de 2010

lumeiro 2010



O próximo 23 de xuño, mércores, terá lugar o lumeiro no campo da festa de Ouzande. Como todos os anos, darémoslle a benvida ao verán arredor da fogueira. Faremos festa co grupo Retrouso e pódese levar algún instrumento para animar. Teremos á venda pan e chourizos que poderá asar cada un nas brasas da fogueira, con espetos de loureiro. E ao final saltaremos por riba do lume. Se queres, podes traer algún recipiente para levares a auga de flores para a casa.
Como sempre, haberá algunha sorpresiña..., ¿onde andará o home do saco? Se aparece, poderemos escribir nun papel o que queiramos queimar con el...
Ah! Os nenos e as nenas están invitados a vir a partir das 6 da tarde... os maiores esperade que chegue a noite...

1 comentario:

a fervenza de ouzande dixo...

última hora!!

Acaba de chegar ás nosas mans esta carta asinada polo home do saco

NOVAS NORMAS DE TRÁFICO

Prohíbese, por orde do Home do Saco,

que medren porque si

as herbas no Campo da Festa.

Dende agora as galiñas teñen

que pedir licencia para cacarexar.

Prohíbeselle ao millo

pasar de 1.50 nas veigas de Alemparte.

As patacas non se poden sachar,

entre O Tallo e O Picoto,

se non puxen o radar.

Pagarán máis impostos os tractores.

Prohíbese saltar á corda de 10 a 11.

Prohíbese tamén aparcar diante da taberna.

Pódese muiñar tan só na do Rubio

pero nas horas da sesta.

Un só se pode emocionar

os sábados á tardiña

cando tocan

os gaiteiros de Ouzande no Campo.

Están fóra da Lei

As eixadas, as desbrozadoras,

os cabalos e as cadelas con pedigree.

Dáse esta normativa en tal e cal

para que se cumpra

de orde do que non habedes queimar.

Asinado, carimbado e rubricado.
O Home do Saco.