venres, 7 de xuño de 2013

imaxes excursión ourense romano e urbano 2013

A excursión anual, que cumpría a décimo segunda edición, organizada pola AC A Fervenza de Ouzande tivo lugar este domingo día 2 de xuño. Perto de 50 persoas responderon á convocatoria e desprazáronse á cidade de Ourense, e á Comarca de Bande, a onde foran convocados pola asociación para vivir e revivir o OURENSE URBANO E ROMANO. O tempo despexado e cálido acompañou aos ouzandeses durante toda a xornada en terras ourensás.
A visita á cidade consistiu nun percorrido pola zona histórica, partindo das súas orixes romanas, e percorrendo as súas diferentes rúas e prazas nunha viaxe ata o presente.
Comezaron polas orixes coa visita á Alameda e ás Burgas e o seu Centro de Interpretación. Pasaron polo punto onde se situaba o campamento romano e foron comprobando como se foi conformando urbanísticamente a cidade. Aproveitaron a vista a igrexa de Santa María Nai para coñecer a época xermánica. A plena Idade Media coñecérona a través da percorrido pola Praza Maior ou Praza do Campo. Desda Praza do Trigo, antigo mercado medieval, accederon á Catedral, de orixe románica, comezada a construír en 1157. Puideron comprobar as orixinais singularidades da igrexa barroca de Santa Eufemia. Aproximáronse xa a unha fasquía máis moderna da cidade coa Rúa do Paseo ata a chegada ao parque de San Lázaro, desde onde baixaron, percorrendo o Camiño de Santiago, ata a famosa Ponte Romana ourensá, onde gozaron dunhas magníficas vistas da cidade e do río Miño.
O xantar comunitario celebrouse nas magníficas instalacións da Feira de Ourense, á beira do Rio Miño, e moi perto das termas da Chavasqueira, onde os máis atrevidos aproveitaron para darse un baño.
Despois do merecido descanso dirixíronse á coñecida igrexa de Santa Comba de Bande, con orixes no século VII. Nesta visita os excursionistas puideron gozar dunha magnífica explicación histórica e artística por parte dunha veciña do lugar, que é a encargada do coidado e divulgación desde monumento histórico.
No mesmo concello de Bande, dirixíronse ao Xacemento Arqueolóxico Aquis Querquennis, antigo asentamento do exército romano na chamada Via Nova. Tiveron ocasión de visitar previamente o magnífico Centro de Interpretación do mesmo, da man dunha guía do mesmo. Os veciños e de Ouzande resultaron moi gratamente sorprendidos coa visita “in situ” a este magnífico recurso arqueolóxico e histórico, e tan pouco coñecido na nosa comunidade.
Sen moitas máis incidencias, e cun sorriso nos beizos, despois dun día de convivencia e descubrimento de novas cousas, o autobús puxo rumbo a Ouzande, onde os excursionistas arribaron na hora prevista.
Aí van as mellores imaxes

Ningún comentario: