mércores, 3 de xuño de 2015

A Fervenza de Ouzande en Celanova

A AC A Fervenza de Ouzande celebrou a súa excursión anual, que chegaba á súa 14ª edición, cunha visita á comarca de Terra de Celanova, especialmente centrada nos diferentes e interesantes aspectos do Concello de Celanova. 
Un grupo de 55 ouzandeses arribou a primeira hora da mañá do domingo a terras ourensás para realizar un completo programa de actividades que achegaría aos participantes ao pasado e presente histórico, cultural, paisaxístico e mesmo literiario, desta fermosa localidade. 
A visita comezou cun agradable paseo comentado polo xacemento castrexo de Castromao, próximo á capital municipal. O percorrido pola historia celanovense, e galega por extensión, comezaba case polo principio. Os excursionistas admiraron os restos excavados dun dos mellores testemuños do noso pasado. Admiraron tamén as fantásticas vistas ao Val do Arnoia e da comarca celanovesa que desde o castro se contemplaban. 
A seguir o nutrido grupo desprazouse á historica vila medieval, magnificamente restaurada e conservada, de Vilanova dos Infantes, onde puideron visitar a antiga torre medieval e coñecer de primeira man a historia deste lugar a través da mostra que recolle este recinto. Completouse a estancia en Vilanova cunha visita ás antigas covas de Vivián, dedicadas antigamente a usos tan diversos como adegas, ou mesmo recinto de culto xudeu, na Idade Media. 
Á hora do xantar a comitiva desprazouse ao adro do Santuario da Virxe do Cristal, tristemente célebre nos últimos meses polo roubo da orixinal figura desta Virxe e pola morte violenta do párroco do lugar, don Adolfo Enríquez, neste triste suceso. Logo da comida campestre, gozaron duns agradables momentos de descanso, lecer e convivencia, recuperando forzas para o programa da tarde. 
Tras un paseo pola vila de Celanova, visiblemente máis recuperada que hai uns anos, (a primeira excursión da asociación, en 2002, incluíra unha fugaz parada neste lugar), os participantes realizaron unha completa visita ao Mosteiro de Celanova, á súa impresionante igrexa barroca, así como á igrexa de San Miguel, verdadeira xoia prerrománica. A maxestuosidade do Claustro, ou da Igrexa, cos seus impresionantes retablos, coros, órgano, cúpula..., causaron admiración, así como o diminuto templo prerrománico de San Miguel. 
O remate da actividade foi de carácter literario, e non podía ser doutro xeito no berce de escritores das nosas letras como Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez, ou o vilanovés Méndez Ferrín. O grupo achegouse á casa natal do poeta do Rexurdimento Galego, Manuel Curros Enríquez, habilitada como museo e centro divulgativo da súa figura e da dos escritores celanovenses. 
Os excursionistas da Fervenza estiveron acompañados en todo momento por persoal da Fundación Curros Enríquez, encargada de xestionar e divulgar os magníficos recursos culturais, históricos e turísticos dos que dispón esta localidade e a súa contorna. E abofé que o fixeron ben.

Coma sempre, o bo ambiente, a camaradería e a magnífica convivencia reinaron no transcurso de toda a xornada, pensando xa... onde iremos o ano que ven...
Aí quedan as mellores fotos. 

Ningún comentario: