mércores, 3 de agosto de 2016

15 anos da Fervenza de Ouzande en imaxes. 2001-2016

Fixemos un video coas imaxes da nosa historia

Un pouco de historia
É para A Fervenza de Ouzande unha enorme satisfacción chegar a este 15º aniversario despois de realizar perto de 300 actividades puntuais dende a súa fundación no verán de 2001.

Desde o proceso de constitución da asociación, contando coa participación e a opinión dos veciños e veciñas ata hoxe, sempre foi intención da Asociación achegarse á xente e as súas opinións sobre o que debía ser a dinamización sociocultural da parroquia de Ouzande.

Nestes 15 anos foron moitos os obxectivos iniciais que se foron cumprindo, e mesmo foron incorporándose outros inicialmente non contemplados.
Conseguiuse recuperar, sempre coa colaboración de moitos socios e veciños da parroquia, o contorno da Fervenza de Ouzande (que deu nome á asociación) para o disfrute e o lecer da veciñanza e de todas as persoas e grupos que hoxe se achegan para o seu disfrute; case sempre co noso esforzo colectivo e sen apenas axudas de outras entidades públicas.

Recuperouse tamén o ciclo festivo anual coa celebración de actividades no antroido, lumeiro de san Xoán, magosto, canto dos reis, etc. e mocidade, especialmente nas festas patronais, e destacando seguramente os Xogos Oulímpicos que chegarán este verán á súa 4ª edición xa.

Tamén se programaron innumerables actividades para a infancia
Tamén se organizaron cursos e charlas de todo tipo, sempre tratando de ofrecer ao público contidos pouco habituais nos “circuítos” formativos do rural (curso de astronomía, p ex.) ou outros centrados no noso medio rural, focalizando sempre o tratamento deste tema no respecto ao medio ambiente e nos cultivos limpos. Cursos de cociña, musicoterapia, ximnasia, bailes de salón, micoloxía..., completaron a oferta destes anos. Pola súa novidade, no seu día, cumpriría destacar tamén as Xornadas sobre a Linguaxe das Campás, que incluían un curso práctico de campaneiro, en 2005, e que permitiu que o son das campás da igrexa de Ouzande estea recollido no Arquivo Sonoro de Galicia. Un último exemplo, e recente, de dinamización a partir de curso formativos constitúeno as Xuntanzas para tecer, que un grupo de mulleres da asociación constituíron autoxestionadamente e que deu como froito, entre outros, a Manta que se doou a ONG Implicadas, nesta mesma semana. E así ducias e ducias de horas, compartindo e aprendendo.

Presentacións de libros de escritores da parroquia e de fóra, acutacións musicais no Local Social, contacontos e magos, malabaristas, actuacións teatrais, fixeron da nosa humilde casa unha verdadeira Cidade da Cultura.

Decenas de rutas de sedeirismo pola zona, no programa Imos Andar coa Fervenza de Ouzande; unha excursión anual, e xa van quince tamén, son actividades que se foron realizando en cumprimento dos soños que tiñamos escritos naquelas intencións iniciais.

O que non estaba escrito, e que fomos construíndo de vagar, foi o que hoxe xa é unha pequena escola de música tradicional. Nas primeiras festas, nos primeiros anos, “tiñamos que buscar os gaiteiros fóra da parroquia”; hoxe en día “Ouzande exporta gaiteiros e gaiteiras”. Máis de 60 alumnos e alumnas por ano para as disciplinas de gaita, acordeón, percusión, canto e pandeireta. Un grupo de referencia na música tradicional da comarca, e máis alá, como Retrouso, con dous discos na mochila, e mais recentemente un grupo de cancións tradicionais, Recanto, e un futuro prometedor cheo de mozas e mozos gaiteiros.... son os froitos dese traballo de anos, paciencia e esforzo.

Polo camiño quedaron, sen nostalxias, pero con orgullo, o Festival Músicas da Terra, que trouxo a Ouzande as mellores agrupacións da nosa música, e a miles de asistentes, que fixeron do evento un punto de referencia musical no país. Ou a revista Carreiros, voceiro en papel da Asociación e da parroquia, que desde 2010 agarda por momentos mellores para o seu regreso.

Non sabemos que pasará dentro de 15 anos. Pero por agora SEGUIMOS TECENDO.

Ningún comentario: