martes, 28 de maio de 2019

CONCERTO PRESENTACIÓN DA BANDA DE GAITAS INVERNÍA NA ESTRADA



Invernía, banda de gaitas composta por máis de 30 músicos, e da que forman parte varios estradenses do grupo ouzandés Retrouso, actuará este ano no Festival Interceltico de Lorient , que se celebrará no vindeiro mes de agosto e que estará dedicado a Galicia e ás súas músicas. Este domingo fará o seu concerto de presentación na Estrada.
O grupo Retrouso, nacido na nosa asociación, achega unha parte importante do proxecto, xa que  10 dos seus compoñentes pertencen ao grupo nacido en Ouzande: Paula Darriba Botana, Manuel Bouzón Fernández, Pablo Neiro Mogo, Uxía Rodríguez Nebra, Celia Astorga Herraiz, Inés Bugallo Puente, Ana Gestoso Froján, Maria Troitiño Seoane, Noelia Bouzón Docampo, e o profesor Marcos Varela Couselo.

A principios de agosto o grupo poñerá rumbo a Francia para participar no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña Francesa. Trátase do festival de música celta máis importante a nivel mundial, que se leva celebrando dende 1971 en dita cidade, e supón o maior punto de encontro das chamadas nacións celtas. Unha particularidade do festival  é que cada ano está adicado a unha rexión celta do mundo diferente, sendo este o ano de Galiza. Invernía acudirá pois, xunto con outras agrupacións, representando á nosa comunidade nesta edición tan importante.

Invernía preséntase oficialmente na Estrada este domingo 2 de xuño no Teatro Principal nun concerto fixado para as 20:00. Será gratuíto e as entradas poden retirarse no Departamento de Cultura do Concello da Estrada, na Taberna de Ouzande ou no propio teatro o día do concerto.



1 comentario:

Unknown dixo...

¡Enhorabuena! Quien pudiera estar ahí. Con el deseo de un rotundo éxito. Un abrazo