venres, 21 de febreiro de 2025

CRÓNICA DA XUNTA XERAL ANUAL DA FERVENZA DE OUZANDE

O pasado 9 de febreiro, unhas 50 persoas acudiron á chamada da AC A Fervenza de Ouzande para celebrar a súa Xunta Xeral Anual. Nesta ocasión correspondía a renovación da xunta directiva, que ten lugar cada dous anos. Como xa se anunciara, o ata agora presidente non se presentaba á reelección, polo que se escollería nova presidencia.

Na asemblea aprobáronse por unanimidade os informes económico e de xestión do ano 2024 e proxectouse como é habitual un vídeo resume das actividades realizadas. 
 
A continuación procedeuse a elección, tamén por unanimidade da nova xunta directiva encabezada por Noelia Bouzón Docampo, ata este momento vicepresidenta da asociación. Foi escollida como vicepresidenta Laura Carbajal Saborido, como secretaria Inés Bugallo Puente e como tesoureira, Laura Herraiz Cabanas (a única persoa que repite "cargo"). O resto da nova directiva está formado por:
Malusa Rodríguez Pazos, Rosa Herraiz Cabanas, Manuel Rosende Torres, Isabel Durán Parada, Manuel Ángel Bouzón Fernández, Manuel Porto Gestoso,  Cristina Riveira Porto, Manuel Uzal Docampo, Almudena Serantes Puente, Patxi López Durán, María Troitiño Seoane, Ana Gestoso Froján e Pablo Neiro Mogo.
 
A reunión non estivo exenta de momentos de emotividade ao producirse a despedida de Xabier Camba como presidente, que dedicou unhas palabras de agradecemento e cariño aos seus compañeiros e compañeiras de directiva e aos socios e socias presentes.
 
Tamén foi sorprendido con diferentes "agasallos" como un cadro cunha selección de fotos destes anos, unha torta conmmemorativa, un vídeo e mesmo a actuación musical do grupo da asociación, Retrouso.
A xuntanza rematou coa tradicional merenda de convivencia a base de chocolate con rosca.
 
Picando na imaxe podes ver  moitas fotos do evento:
E tamén podes repasar as actividades de 2024 neste vídeo:
  

domingo, 2 de febreiro de 2025

XUNTA ANUAL DA AC A FERVENZA DE OUZANDE

Convócase Xunta Xeral
anual da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, que terá lugar o domingo 9 de febreiro de 2025 ás 6 da tarde no local social do campo da festa de Ouzande. A orde do día será a seguinte:

1. Informe de xestión

2. Elección de Xunta Directiva

3. Previsión de ingresos e gastos para o ano 2025

4. Programación anual.

5. Rogos e preguntas.

Ao rematar a reunión a asociación convida á merenda con chocolate quente e rosca.

En Ouzande, A Estrada, febreiro de 2025

Na reunión estarán xa a disposición de todos os socios e socias os recibos da cota anual deste ano. Despois da reunión quedarán na Taberna de Ouzande para quen desexe pagalos.

Trátase dunha reunión moi importante para o futuro da asociación. Nesta xunta deixará de ser presidente Xabier Camba e escolleremos xunta directiva e novo presidente ou presidenta.

Anímate a participar. A asociación facémola entre todos e todas.


FOTOS RUTA NADAL 2024

Un grupo de 12 persoas respondeu a convocatoria da Fervenza de Ouzande. Percorreron os 10 quilómetros de camiño nas tres horas previstas nun ambiente de boa conversa e camaradería. O tempo apracible e as fermosas paisaxes fixeron moi levadeiro este paseo matinal no día de nadal.

Premendo na imaxe poderás ver as mellores fotos da actividade: